Murgas a contrarreloxo

Os colectivos que participan no Entroido pontevedrés apuran os preparativos para un Carnaval de última hora debido ás dubidas que plantexou a pandemia por covid
Os do Val do Lérez na última edición do Certame de Murgas, en 2020. DAVID FREIRE
photo_camera Os do Val do Lérez na última edición do Certame de Murgas, en 2020. DAVID FREIRE

Haberá Entroido en Pontevedra. O anuncio realizado o luns polo Concello pillou a algunhas das asociacións que participan nestas festas con todo o traballo previo ao Carnaval sen facer. As murgas terán que compoñerse a contrarreloxo nun prazo de catro semanas, a figura de Ravachol, que debería estar xa a medio facer, aproveitará a do ano pasado.

"Reunirémonos hoxe para decidir que facemos, pero penso que buscaremos a forma de facer algo e, polo menos, subir ao escenario para que quede no noso currículo que estivemos nesta edición do Certame de Murgas", apunta Manuel Cabada, da Murga PTV. A súa agrupación leva participando neste concurso desde a primeira edición e asumen que, aínda que non vaian poder ofrecer un espectáculo como o doutros anos, "queremos estar aí".

Os preparativos para o Entroido adoitaban comezar xa no mes de novembro, aínda que despois de dous anos de pandemia os costumes teñan mudado. O ano 2021 pasou sen que puidesen celebrarse as tradicionais actividades do Entroido e 2022 contará cun Carnaval light sen desfile nin velorio a Ravachol, aínda que o papagaio será queimado como é tradición. Unha das citas que volve é o Certame de Murgas e as agrupacións da cidade que adoitan participar confirman que estarán no primeiro concurso postpandemia. No Grove, a Tropa de Moncha a Caralla descarta participar no Certame de Murgas de Pontevedra. "Non estamos preparando nada nin tiñamos pensado facelo", apunta unha das integrantes do grupo, Dunia Álvarez.

"Nós temos algunha idea e algún tema preparado, reunímonos tres ou catro veces para pensar algo, pero en grupos de seis persoas, sen estar todos xuntos. Confiabamos en que polo menos o Certame de Murgas sairía adiante porque se estaban facendo cousas no Pazo da Cultura", conta Manuel Ruibal, da murga Equipo Ja. A limitación de reunións de persoas para os ensaios é outra das dificultades para as agrupacións de murgueiros. Ata agora, os poucos ensaios que se puideron celebrar foron con grupos pequenos, por quendas. "Falamos por WhatsApp e facemos quendas de ensaios para non coincidir todos", apunta Ruibal.

Do mesmo xeito, Os do Val do Lérez levan unhas semanas pendentes do que ocorrería neste Entroido. "Falamos co Concello e non puideron dicirnos nada seguro, por iso o tiñamos todo sen preparar", explica Joni Güimil. Os traballos previos á participación no certame implican tamén un investimento económico, polo que era un risco asumir eses gastos se despois non se ía celebrar o concurso. Os Do Val do Lérez reuniranse este mércores para comezar a traballar de cara ao concurso.

Tamén a Murga do Naveiro ten previsto participar na cita do Entroido. "Comezamos a prepararnos a semana pasada sen saber se ía haber concurso, pensamos un tema e démoslle forma a catro cancións. Normalmente lévanos meses de traballo e agora teremos que facelo todo nun mes", conta Pablo Grela.

Malia as présas e os recortes na programación, as agrupacións están felices de poder volver celebrar. "Non nos dá nada de preguiza, somos carnavaleiros e estamos encantados de volver", explica Grela, que recorda o ano pasado no que se fixeron algunhas parodias de xeito virtual. "Temos moita ilusión por volver, aínda que sexa aos poucos, é preciso que a xente poida celebrar".

RAVACHOL, A MEDIO FACER. A queima do loro Ravachol levarase a cabo, aínda que será suprimido o velorio. A Asociación Recreativa de Xeve reunirase este mércores para comezar a traballar na confección do papagaio. "Aínda estamos empezando, por esta época o loro tería que estar xa medio feito, pero aínda non nos puidemos xuntar", aclara Florencio Chantrero. "Nós solo podemos reunirnos polas noites e ir facendo o traballo pouco a pouco, por iso precisamos bastante tempo", conta.

Aínda así, o colectivo aproveitará a base do loro do ano pasado, que non foi incinerado debido á situación sanitaria.

OS TEMAS DO ANO. Aínda que poida parecer que o covid será o tema do Entroido, Equipo Ja avanza que non fará mención ao virus no seu espectáculo. "Pareceunos tan triste este ano que pasou que preferimos non tocar o tema e falar doutras cousas", explica Manuel Ruibal.

Outras agrupacións si aproveitarán a pandemia para sacarlle o lado máis cómico a través das súas sátiras. "O covid é un tema que trataremos, ademais do que xa é habitual, como a política local", explican membros da Murga do Naveiro. Ademais, contan que pensan en adaptar algunha letra á canción Terra, coa que as Tanxugueiras se presentaron ao Benidorm Fest acadando unha enorme repercusión. "Temos ideas pero non sabemos se nos dará tempo a facelas todas", explican.

Tamén Val do Lérez ten previsto falar de cuestións como a vacinación ou o lío de restricións que se viñeron sucedendo ao longo dos últimos anos, dende a irrupción da pandemia. "Trataremos de sacar temas o máis frescos posibles tendo en conta o tempo co que contamos", explica Joni Güimil.

Comentarios