O Museo abre o prazo para anotarse nos obradoiros de verán

As mulleres artistas, Galicia e a arte rupestre centran as actividades ►A inscrición farase por correo electrónico por orde de chegada
Obradoiro celebrado no Museo de Pontevedra en 2021. RAFA FARIÑA
photo_camera Obradoiro celebrado no Museo de Pontevedra en 2021. RAFA FARIÑA

Desde este lunes e ata o día 27 de xuño permanece aberto o prazo de inscrición para os seus Obradoiros de Verán 2022 do Museo de Pontevedra cunha variada proposta de actividades para a rapazada de entre 6 e 12 anos. Baixo os títulos O club dos pinceis, Arte Rupestre, Pintura Contemporánea e Obxectivo Galicia as crianzas explorarán a través das coleccións propias do Museo temáticas e creatividades relacionadas coa arte feita por mulleres, a arte prehistórica, e a cultura galega en sesións que se desenvolverán entre o 5 de xullo e o 26 de agosto

A inscrición debe facerse a través da dirección de correo electrónico [email protected]. En cada correo só poderá inscribirse unha ou un participante e as prazas outorgaranse por estrita orde de entrada. No caso de que o obradoiro desexado xa estivese cuberto ou quedasen prazas vacantes noutros, poderase indicar na solicitude cales son as alternativas.

No mes de xullo a actividade comezará co obradoiro O club dos pinceis, impartido por Leucoíña Pasea, no que as e os participantes experimentarán con diferentes formas de expresión plástica e coñecerán algunhas das mulleres artistas da colección propia do Museo. O número de participantes é de 15 e terá unha duración de catro sesións en horario de 11 horas a 13 horas. Desenvolverase do 5 ao 8 de xullo para nenas e nenos de 6 a 9 anos e do 12 ao 15 de xullo para rapazada de 10 a 12 anos.

O segundo obradoiro será o de Arte rupestre e estará impartido por Galipat. Pretende achegarse ao mundo da arte rupestre, coñecendo diferentes manifestacións artísticas realizadas sobre roca mediante debuxo, pintura ou gravado. O dirixido a nenas e nenos de 6 a 9 anos impartirase do 19 ao 22 de xullo e para idades entre 10 e 12 anos do 26 ao 29 de xullo.

O terceiro obradoiro será o de Pintura contemporánea, que estará desenvolvido por Lúa Gándara. Trátase dunha actividade infantil baseada na arte contemporánea no que partindo da obra de Maruja Mallo, Maria Antonia Dans, Almudena Fernández e Tatiana Medal exploraranse diferentes conceptos plásticos e conceptuais. Do 2 ao 5 de agosto para a rapazada de 6 a 9 anos e do 9 ao 12 de agosto para nenas e nenos de 10 a 12 anos.

Finalmente, o último obradoiro do verán será Obxectivo Galicia, a cargo do propio departamento de Educación do Museo de Pontevedra. Traballarase en relación coa exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson e a cativada coñecerá diferentes elementos da cultura galega como a vestimenta ou a artesanía. As quendas repártense tamén do 16 ao 19 de agosto para crianzas de 6 a 9 anos e do 23 ao 26 de agosto para rapazada de 10 a 12 anos.