martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

O Museo acolle unha mostra de Nadais recibidos por Filgueira Valverde

Un dos Nadais de gran tamaño.
Un dos Nadais de gran tamaño.

O Nadal chega ó Museo de Pontevedra. Entre o 3 de decembro e o 24 de xaneiro a institución acollerá unha exposición cunha selección de "nadais" recibidos polo exdirector da institución museística, Xosé Filgueria Valverde, entre 1936 e 1996. A mostra albergará apenas 400 das máis de 9.000 tarxetas postais da Colección Filgueira, mais dará a coñecer «pequenas xoias da arte e de lírica de Nadal», segundo asegura a comisaria Sabela Santos Filgueira. Na sala tamén haberá tres grandes nadais -seleccionados entre todos os expostos- e reproducidos a tamaño xigante para que o público poida facerse unha foto.

"Nadais. Colección Filgueira Valverde" é o título da exposición que recolle parte da correspondencia festiva que o profesor recibiu ao longo da súa vida e que dá mostra da cantidade inxente de relacións que o poligráfo mantiña non só coa intelectualidade galega senón tamén cara ao exterior.

Así, entre os nadais hai remitentes de todos os ámbitos da cultura, cabe citar a figuras importantes das letras como Gerardo Diego, Torrente Ballester, Miguel Delibes, Camilo José Cela, Buero Vallejo… e en Galicia Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Valentín Paz Andrade, Manuel María, Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno, Ramón Piñeiro, Xesús Alonso Montero, etc.

No mundo das Artes, atópanse, entre outros moitos José Sesto, Caruncho, Maruja Mallo, Carlos Sobrino, o escultor Acuña, Xoan Piñeiro, Agustín Portela… Xentes da música, da política, das editoriais, arquitectos, arqueólogos e grandes institucións, condes e marquesas, amigos emigrados e académicos, todo un elenco de persoeiros hoxe totalmente esquecidos.

Esta exposición pretende poñer en valor un modo de expresión moi extendido desde os útimos anos do XIX ata fins do século XX, que foi cando comezou a estenderse o uso das novas tecnoloxías. Está organizada en tres seccións, unha dedicada a artistas plásticos, unha segunda sección dedicada á poesía galega dos nadáis e unha última parte dedicada á música, con poemas de Xosé Díaz Jácome, ou panxoliñas recollidas por Iglesias Vilarelle para a Coral Polifónica.

Para completar a mostra, o Museo escolleu e reproduciu a escala xigante tres das postais para que os asistentes se poidan facer fotos con elas, unha delas especialmente dedicada á cativada.

O Museo acolle unha mostra de Nadais recibidos por Filgueira Valverde
Comentarios