Domingo. 21.04.2019 |
El tiempo
Domingo. 21.04.2019
El tiempo

O Museo aspira a contar cun director ao fío das eleccións

Edificio fundacional do Museo de Pontevedra na Praza da Leña. DAVID FREIRE
Edificio fundacional do Museo de Pontevedra na Praza da Leña. DAVID FREIRE

A Deputación apura os prazos para poder nomear ao novo cargo en abril, antes de pasar a converterse nun Goberno en funcións ▶ O relevo na dirección é a última controversia dunha institución marcada pola polémica dende practicamente a súa fundación

O Museo de Pontevedra podería contar cun novo director no mes de abril. É o prazo que manexa a Deputación Provincial, que ten a intención de facer o nomeamento antes de pasar a exercer como Goberno en funcións o 10 de maio. As bases para a convocatoria do posto de traballo saíron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o 30 de xaneiro. Ao longo do mes seguinte –o periodo no que estamos– é cando se poden presentar candidaturas. E despois hai outro mes –o de marzo– para proceder á selección.

Os prazos conclúen nos primeiros días de abril, ao mesmo tempo que remata tamén o tempo para presentar calquera recurso contra as bases. De darse esta reclamación, o procedemento quedaría paralizado e abriríase a incertidume sobre se se podería facer oficial o nomeamento da persoa elixida estando o Goberno en funcións (que foi como, por exemplo, lle concedeu o Goberno do PP a prórroga a Ence en 2016) ou se quedaría aprazado ata pasar as eleccións do 25 de maio.

Os meses nos que o Museo vai estar sen ninguén á fronte forman parte da polémica que rodea a elección do novo director, a última controversia da historia dunha institución marcada dende o inicio da súa historia polos enfrontamentos e a falta de transparencia. Nesas segue.

Castelao contra Casto Sampedro (1930)

A cuestión da autonomía do Museo de Pontevedra é a que máis poeira levantou dende a súa fundación en 1927. Apenas tres anos despois tiña lugar a primeira gran controversia da historia da institución, que enfrontou publicamente a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao con Casto Sampedro Folgar, dous persoeiros ligados á creación da institución. O primeiro ameazou con dimitir do seu cargo (e con el o resto do padroado) en 1930 ante a posibilidade de que existisen inxerencias políticas no organismo por parte da Deputación. Deixou escrita unha reflexión ao respecto: "El Museo de Pontevedra es obra de importancia para la cultura de este pueblo y no sería noble que, por terquedad o por otra cualquier miseria humana, entorpeciésemos su marcha (...) Creí, creo y seguiré creyendo que el Patronato del Museo es un organismo autónomo respecto a la Diputación cuya autonomía en modo alguno puede mermar la soberanía de esa entidad provincial". O pasado 4 de febreiro, representantes dos traballadores da institución museística dixeron considerarse herdeiros de Castelao e fixeron súas as palabras do de Rianxo.

Supresión do padroado (2012)

A supresión dos organismos autónomos da Deputación provocou o primeiro gran terremoto arredor do Museo durante a etapa de Rafael Louzán como presidente da Deputación (2003-2015). Se o período do seu predecesor, Manuel Abeledo (1995-2003), estivo marcado pola tranquilidade e a independencia da xestión da institución museística, a de Louzán foi problemática dende o principio e moi controvertida na súa última parte.

Cando o Museo deixa de ter categoría de organismo autónomo (2012), desaparece o seu padroado. "En realidade non funcionaba dende 2005", aclaraba Louzán aqueles días. Sen embargo, a constatación da súa eliminación é criticada duramente pola oposición política e tamén no ámbito cultural: Lores (BNG) ofrécese dende o Concello a facerse cargo dos gastos que xere a súa conservación; Antón Louro (PSOE) asegura que se trata "dun atentado cultural contra Galicia", "un triunfo da ignorancia e da barbarie", e un acto cívico ateiga o Pazo de Mugartegui reclamando que se dea marcha atrás na decisión. Entre outros, participan Sabino Torres, Teresa Casal, Xosé Fortes, Salomé Álvarez, Ramón Regueira e María Xesús López Escudeiro.

Dende ese momento, o Museo de Pontevedra, que ten consideración de museo provincial aínda que sobrepase amplamente esta categoría (por historia –herdeiro da Sociedad Arqueológica de Pontevedra e fundado, entre outros, por Castelao–; coleccións –a máis importante que existe sobre Castelao, unha primeira edición dos gravados de Goya e esculturas do Pórtico da Gloria– e mesmo dimensións –seis edificios–), pasou a ser un servizo provincial máis.

Ana Isabel Vázquez (2011-2015)

A intervención directa da Deputación no Museo produciuse durante a etapa de Ana Isabel Vázquez como deputada provincial de Cultura (entre 2011 e 2015). Duramente criticada tanto por gran parte dos traballadores da institución como pola oposición política, Vázquez tomou directamente as rendas do Museo: contou cun director de xestión, Joaquín Lede; organizou exposicións controvertidas (entre elas, unha de motos e outra de adornos de Nadal, as dúas de grande éxito de público); executou o proxecto DepoDeza; puxo a funcionar o restaurante La Ultramar, e enfrontouse directa e publicamente co director histórico do ente, Carlos Valle, ao ter unha e outro criterios moi diferentes. Mentres é deputada ponse a funcionar (2014) un colectivo independente "para supervisar a protección patrimonial dos fondos do Museo": a Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo).

Desaparición dun cadro (2015)

Se a cuestión da autonomía parece ser o primeiro problema do Museo, o segundo é a falta de transparencia. Ningún Goberno provincial nos últimos anos explicou de xeito pormenorizado que orzamento tiña a institución e a que se destinaba, como tampouco se explicou, xa máis recentemente, por que se atrasou a reapertura das Ruínas de San Domingos tras finalizar a súa restauración ou que se está a facer exactamente nos edificios centrais, pechados dende 2014, en principio por pequenas obras de posta ao día dos servizos de seguridade e electricidade e, agora, pendentes dun proxecto de accesibilidade e remusealización de contidos.

O caso máis significativo da falta de transparencia foi a desaparición dun cadro durante o verán no que se produciu o cambio de Goberno (2015). Foi o presidente de Amupo, Ernesto Vázquez-Rey, o que desvelou no seu blog en 2017 que unha paisaxe de Lino Villafínez desaparecera da exposición permanente e non se informara sobre iso. Finalmente, o director e o deputado recoñecérono.

Sobre a legalidade. "A lei permíteche facer case todo: da designación directa ao tribunal de especialistas"

"Porque o di a lei". A resposta que repetiu o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, á hora de facer fronte á polémica que rodeou a convocatoria das bases para o posto de dirección do Museo non é exacta, segundo os expertos consultados. "En termos de contratación dun cargo de alta dirección pública, a lei permíteche facer practicamente todo: dende designalo directamente ata baremar méritos e contar cun tribunal de expertos", explican no Grao en Xestión e Dirección Públicas, da Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra. "En ningun caso se trata de un procedimiento sometido a la Ley de Contratos del Sector Público", puntualiza un asesor legal de Academia Postal. "Se podrían observar deficiencias éticas, muy características en este tipo de procedimiento, pero, en todo caso, todo es perfectamente legal".

"NON SON MALAS". Un mestre de Xestión e Dirección Públicas aclara que a proposta da Deputación non é mala baixo o seu punto de vista. "Non son malas bases. O que pasa é que quedan a medio camiño", di. "Responden ao modelo cada vez máis habitual en Europa de esixir un mínimo de condicións para o posto e despois escoller a alguén afín cos obxectivos políticos". Segundo o mestre, a cuestión máis controvertida é a do órgano técnico que fará o primeiro cribado de candidaturas. "Un proceso selectivo sofisticado para un directivo público esixiría un tribunal de especialistas, mesmo incluso de fóra de Pontevedra".

En cifras. Catro veces máis que o CGAC e o Marco
Segundo datos feitos públicos pola propia Deputación Provincial, o Museo de Pontevedra terá este ano un orzamento de 4 millóns de euros (sen especificar a que se destinan). Proveñen todos directamente do organismo provincial.

É unha cifra moi superior tanto á do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago, que depende da Xunta de Galicia, como á do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), que depende fundamentalmente do Concello de Vigo (con achegas da Xunta, do Ministerio de Cultura, de patrocinadores, das súas propias actividades e da agrupación Amigos do Marco).

O CGAC ten para 2019 un orzamento de 1.059.414 euros (860.000 para programación; 100.000 para adquisición de obras; 56.000 para maquinaria e mobiliario; 50.000 para reparacións e 3.414 para publicacións).

O Marco, que só ten dispoñibles os datos de 2018, manexou daquela 804.146 euros (316.235 para gastos de persoal; 286.491 para gastos xerais; 109.261 para exposicións; 49.272 para amortizacións; 39.862 para actividades e 2.000 para gastos extraordinarios).

Soldos
O novo director da institución museística pontevedresa será tamén o que teña un soldo máis elevado destas tres institucións públicas: 60.836,84 euros. O do CGAC ten asignados 46.538,76 e o do Marco, 52.131,14 euros. Nos tres casos son retribucións brutas anuais.

O Museo aspira a contar cun director ao fío das eleccións
Comentarios