O Museo frea a construción en Valdecorvos e reformula o seu proxecto na Praza da Leña

A Deputación supedita o futuro do novo inmoble e a conexión dos tres edificios centrais á incorporación de Santa Clara e á consecución de fondos europeos ►A rehabilitación das sedes que permanecen pechadas farase por fases
O vicepresidente provincial César Mosquera comparecendo este mércores ante os xornalistas en presenza do director do Museo, Xosé Manuel Rey. GONZALO GARCÍA
photo_camera O vicepresidente provincial César Mosquera comparecendo este mércores ante os xornalistas en presenza do director do Museo, Xosé Manuel Rey. GONZALO GARCÍA
O Museo de Pontevedra reformula os plans de ampliación de espazo e de rehabilitación dos seus edificios centrais supeditándoos á posible incorporación do convento de Santa Clara, que adquirirá en breve o Concello, e á consecución de fondos europeos para realizar as obras. Estas dúas cuestións, segundo dixo este mércores o vicepresidente da Deputación Provincial, César Mosquera, condicionan o desenvolvemento de dous grandes proxectos que el anunciara xusto antes da pandemia: a construción dun novo edificio en Valdecorvos, destinado a fondos arqueolóxicos, e unha gran intervención na Praza da Leña que pasaba por unir a través de dous sotos os edificios Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López. Este segundo proxecto si que comezará a realizarse en breve, pero por fases. A primeira, que está previsto que comece este ano, centrarase na rehabilitación e conexión de só dous inmobles.

Tras a reunión que o Consello Asesor do Museo celebrou o pasado martes (22 de xuño), Mosquera compareceu para informar que alí se decidira, por unanimidade, considerar unha cuestión estratéxica que Santa Clara pasase a formar parte do Museo de Pontevedra (deixando de lado o xardín, que o Concello xa anunciou que tiña intención de converter nun espazo de uso público) e reivindicar a urxencia da rehabilitación dos edificios centrais (pechados ao público dende 2014).

6.000 METROS. Segundo o vicepresidente, a posible incorporación de Santa Clara ao Museo ("sempre que a construción cumpra coa funcionalidade que se lle require e todo parece indicar que así será"), algo ao que o Concello se mostrou xa disposto, sumaríalle arredor de 6.000 metros cadrados á institución. Isto condicionaría tanto a construción dun novo edificio na zona de Valdecorvos, que se proxectou precisamente para gañar espazo e que agora "sofre un freazo", como o proxecto da Praza da Leña que incluía unha conexión soterrada destinada a engadir 1.900 metros cadrados de espazo expositivo "absolutamente imprescindible".

Plano dos edificios centrais do Museo cos anos das modificacións realizadas entre 1928 e 1979. A última delas foi precisamente un paso soterrado entre os edificios Castro Monteagudo e García Flórez. DEPUTACIÓN
[Plano dos edificios centrais do Museo cos anos das modificacións realizadas entre 1928 e 1979. A última delas foi precisamente un paso soterrado entre os edificios Castro Monteagudo e García Flórez. DEPUTACIÓN]

Polo que se refire ao financiamento das obras, Mosquera explicou que dende o principio se contaba con que se implicasen economicamente outras administracións, en concreto a Xunta de Galicia, pero tamén o Estado. "Entre outras cousas porque os fondos arqueolóxicos son fundamentalmente propiedade da Xunta", dixo o político. "Houbo conversas cuns e con outros, pero chegou a covid, pasaron os meses, houbo outras prioridades e nestes momentos non temos ningunha garantía de que nada se poida facer". A Deputación está agora pendente de se recibe ou non fondos europeos para sacar adiante os seus plans iniciais.

ENDIAÑADA. O político lembrou que o orzamento do Museo de Pontevedra era o máis alto de Galicia no seu ámbito, deixando á parte o da Cidade da Cultura. "Quitando obras, actualmente é de cinco millóns de euros ao ano. O seguinte na listaxe malamente chega ao millón. Os cartos non son infinitos e xa se está a facer un esforzo importante". A maiores, Mosquera admitiu que o traballo sobre os edificios centrais sería "unha rehabilitación endiañada, complexísima e cara". Para o proxecto inicial, só en instalación de ascensores, climatizacións e outras necesidades, necesitábanse 1,6 millóns de euros, sinalou. "As cifras agora reaxustaranse". Segundo dixo, ningunha das experiencias previas que el tivo en Pontevedra se lle podía comparar. "Xestionei as rehabilitacións do Mercado de Abastos, a do Pazo da Pedreira ou a do Edificio do Pitillo, pero ningunha ten nada que ver coa complexidade desta".

Aínda que Mosquera recoñeceu que a posible incorporación do convento supoñía "unha reformulación profunda do que tiñamos pensado porque as circunstancias cambiaron totalmente", tamén comunicou que ante a urxencia que esixe a rehabilitación dos edificios da Praza da Leña, se decidira acometela por fases. Polo momento, centrarase na rehabilitación dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez, así como na súa conexión. Queda pendente ver que pasa co Fernández López e co aspecto máis polémico da intervención, a construción de dous grandes sotos interconectados, que levou a un grupo de veciños a presentar 1.200 sinaturas no Concello contra a súa realización.

"Empezaremos pola rehabilitación deses dous edificios, que xa están conectados entre si dende 1979, aínda que non moita xente o sabe", dixo Mosquera, que quere iniciar as obras este ano. "A modificación do Peprica quedará aprobada inicialmente en 15 días e o proxecto concreto da conexión e rehabilitación tamén estará listo nuns días. Non podemos agardar máis. Se seguimos agardando, non facemos nada. Hai que arrancar. Empezamos a obra polos que están peor, pero non renunciamos a nada". Anunciouse tamén unha próxima reunión con responsables do departamento de Patrimonio para comezar a traballar.

Neste sentido, a Deputación conta xa co novo estudo de patoloxías dos edificios. "Non hai grandes novidades con respecto ao realizado en 2014. A conclusión é a mesma: non hai ningún forxado, ningunha placa nin ningunha estrutura que resista unha revisión". De igual maneira, está xa contratado o estudo de catas arqueolóxicas, trámite obrigatorio nestes casos. "En principio sería unha sorpresa extraordinaria que aparecese algunha cousa que atrasase o inicio dos traballos".

"O camarote de Méndez Núñez estaba corroído"
Sobre o futuro uso dos edificios que se van comezar a rehabilitar, Mosquera avanzou que "a dirección do Museo estima que o Castro Monte agudo se pode utilizar como espazo didáctico, algo do que actualmente se carece", indicou o vicepresidente, que tamén comentou que este uso tería a vantaxe de non ter que axustarse a unhas obrigas tan estritas, en canto a climatización por exemplo, como as dun espazo expositivo. "O García Flórez quedará en reserva para quizais acoller algunha exposición temporal, con contido específico e pechado".

Sobre un dos espazos do Museo máis aprezados sentimentalmente en Pontevedra, o da réplica do camarote de Méndez Núñez, Mosquera dixo que se barallaba recuperalo. "É unha das posibilidades que estudamos, dentro dunha parte dedicada á Pontevedra mariñeira. Pero a réplica que existía está absolutamente corroída. Hai que facer outra. Tampouco se podería manter no espazo que ocupaba. Por cuestións de seguridade, hoxe non se aceptaría".

Comentarios