O Museo métese nunha "maleta" para dar a coñecer os seus fondos no Camiño

Exporá réplicas dalgunhas das pezas esenciais do centro, como o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, ou o busto bifronte de Xano
Cecilia Pereira, Xosé Manuel Rey e África Martínez. J.CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Cecilia Pereira, Xosé Manuel Rey e África Martínez. J. CERVERA-MERCADILLO

O Museo de Pontevedra vai converterse nun "museo itinerante" que seguirá o Camiño Portugués. Así o fará grazas á iniciativa O Museo en Camiño, un programa didáctico que pretende difundir os valores da ruta milenaria e o "universo xacobeo", así como o patrimonio atesourado pola institución provincial, entre nenos e nenas de dez poboacións da ruta portuguesa a Santiago.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunhas "maletas viaxeiras" con réplicas de pezas consideradas esenciais: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María dende A Caeira de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra "O Mercado" de Carlos Maside, A Terra de Manuel Torres, Santa Tegra de Lugrís, e Mulleres parolando de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas por seren unha mostra representativa do Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, explicou que para cumprir a súa función social os museos están obrigados a reinventarse e deseñar iniciativas como esta que lle permiten achegarse a novos públicos tanto por orixe como por idade . "É un proxecto que axuda a entender o Camiño como eixo que articula a dimensión cultural da ruta xacobea e a propia colección do Museo como parte significativa deste legado", destacou.

Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, subliñou que este proxecto pretende dinamizar o Camiño de Santiago e poñer en valor o patrimonio cultural axustándose ao que a Xunta quería facer cando deseñou o programa de axudas O teu Xacobeo: implicar a todos os colectivos, institucións, fundacións e empresas.

África Martínez, integrante de Taller Abierto (que realizará os obradoiros xunto a Paspallás) explicou que a maleta-museo vai viaxar a Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas, Valga e Pontecesures e Padrón durante abril, maio e xuño para traballar con nenos e nenas de Primaria en obradoiros plásticos e creativos. Ademais, está programada unha exposición no Museo de Pontevedra para setembro.

Comentarios