O Museo de Pontevedra "celebrará" a Luís Seoane

O Sexto Edificio acollerá unha gran exposición de lenzos, gravados, debuxos e cerámica co gallo do Día das Artes Galegas

Fotografía de Luís Seoane facilitada polo Museo de Pontevedra. DPDo cartel que realizou para o Estatuto de Autonomía de 1936 ata Areal e rochas, unha mariña realizada coa técnica do pastel que quedou a medio esbozar porque o artista faleceu antes de rematala, a exposición Celebrando a Seoane propón homenaxear a Luís Seoane a través das súas pezas máis senlleiras. A mostra inaugurarase o xoves 16 de maio no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, onde permanecerá ata o 23 de xuño, e estará composta por lenzos, gravados, material bibliográfico, debuxos e cerámica.

Segundo informou a Deputación Provincial nunha nota, a exposición forma parte das accións programadas para conmemorar o Día das Artes Galegas (1 de abril), que este ano se lle adica a Seoane, e estará complementada por visitas guiadas e obradoiros para a cativada. "Con esta iniciativa preténdese facer fincapé nas diferentes facetas do artista, ademais de ofrecer unha visión completa e cronolóxica da súa evolución como pintor, debuxante, gravador, ceramista, deseñador e humanista", indica a Deputación.

ÓLEOS. A exposición conmemorativa inclúe os óleos Os esmolantes, Campesiñas dialogando e Figuras saudando, o debuxo Areal e rochas, os gravados O caído, Homúnculo de lingua viperina II ou Personaxe decididamente místico, entre outras obras, todas pertencentes á colección do Museo e algunhas delas non exhibidas con anterioridade.

Pola súa banda, Construíndo con Seoane será o título do obradoiro dirixido á cativada, de entre 6 e 12 anos de idade, previsto para o día 8 de xuño (a celebrar en dúas quendas: de 11.00 a 13.00 horas e 17.00 a 19.00 horas).

"Mediante esta actividade, o público infantil terá unha primeira toma de contacto co artista a través das obras expostas, sobre as que compartirán as súas opinións e emocións", indican os responsables da proposta. Posteriormente, entre todas as persoas participantes realizaranse creacións colectivas "utilizando a técnica cadáver exquisito, que consiste en, a partires de fragmentos dos personaxes dos cadros de Seoane, ir debuxando e pintando sobre papeis pegados que ao abrilos ofrecerán visións inesperadas".

Ademais, aquelas persoas que desexen afondar na figura deste autor poderán asistir ás visitas guiadas que haberá todos os xoves (12.00 horas) a partires do día 30 de maio, para as que non será necesario inscribirse previamente. A información completa sobre a mostra e as actividades complementarias pode consultarse en www.museo.depo.gal.

O Día das Artes Galegas é unha celebración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. Con anterioridade adicóuselle ao Mestre Mateo (2015), a Castelao (2016), a Maruxa Mallo (2017) e a Alejandro de la Sota (2018). Os actos centrais tanto de 2016 como de 2018 celebráronse en Pontevedra.

Comentarios