miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

O Museo de Pontevedra fíxase nas mulleres de Sorolla e Renoir

A comisaria, Helena Alonso, durante un momento da visita guiada que conduciu para inaugurar a exposición. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A comisaria, Helena Alonso, durante un momento da visita guiada que conduciu para inaugurar a exposición. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
O Edificio Castelao acolle, ata o 17 de outubro, unha exposición composta por medio cento de cadros da Fundació Fran Daurel. As pezas agrúpanse en categorías que van dende retratos e espidos a representacións da muller traballadora

"Falamos de Renoir, Sorolla, pero tamén de Casas, Nonel, Rusiñol, Baixeras, Hugué, Palencia ou Gargallo, e outros autores, cuxas obras amosan, ademais da visión máis tradicional e convencional, a chegada da identidade feminina a outros ámbitos máis novidosos", explicou onte o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, en palabras facilitadas pola Deputación Provincial, ao respecto da exposición que se poderá visitar no Edificio Castelao ata o 17 de outubro, Mulleres. Entre Renoir e Sorolla.

A mostra está composta por medio cento de pezas da Fundació Fran Daurel, unha entidade creada en 2001 en Barcelona a iniciativa do coleccionista Francisco Daurella, empresario propietario dunha colección de máis de 300 obras de 80 artistas diferentes e tamén responsable do Museo Amyc (Arte moderno y contemporáneo) en Aravaca, Madrid, de onde proceden precisamente as pezas desta exposición.

Esta mesma mostra que agora pode verse en Pontevedra, xa se puido ver o ano pasado en Sevilla. Comisariada por Helena Alonso, agrupa unha serie de pezas que teñen en común a representación da muller na transición do século XIX ao XX, "cando o ámbito do feminino se converte nun dos asuntos máis tratados pola modernidade", explica o Museo.

ALFABETIZACIÓN. Óleos, debuxos e esculturas compoñen esta mostra que se estruturou en diferentes seccións. A primeira é a da representación da muller no ámbito intelectual, "que toma forza no cambio de século e fai que o tema da muller lectora sexa un dos máis tratados na pintura", indica o Museo. "De feito, a finais eDIFICIO CASTELAO _MUSEO DE PONTEVEDRA__ inauguracion da exposicion _Mulleres_ Entre Renoir e Sorolla__ co director do Museo Xose Manuel Rey_ a comisaria Helena Alonso_ e a representante da Fundacion Fran Daurel_ Adelin Torres_do século XIX, segundo contou Helena Alonso, o índice de alfabetización feminino triplícase".

Tamén hai apartados adicados a representacións máis clásicas do corpo feminino como o dos espidos, que inclúe a peza Espido no diván amarelo, un dos escasos espidos de Sorolla; Dentro, centrado no interior doméstico, ou retratos, que seguen sendo importantes para a burguesía da época.

A mostra complétase cunha lista de Spotify con temas de compositores de principios do século XX, á que se accede mediante un código QR

Entre as representacións máis novidosas están a do apartado A conquista do espazo exterior, "onde se pode ver como a muller conquista a natureza, os teatros ou a propia cidade, idea claramente representada na obra de Antonio Utrillo Dos Amigas, na que se ve dúas mozas, de noite, paseando polas rúas" e a da sección que retrata ás mulleres traballadoras.

A exposición complétase, segundo informou o Museo, cunha playlist de Spotify, á que se accede a través cun código QR, composta por obras de autores da época como Manuel de Falla, Berthe Sylva, Félix Mayol, Erik Satie e incluso o pontevedrés Manuel Quiroga.

O Museo de Pontevedra fíxase nas mulleres de Sorolla e Renoir
Comentarios