O Museo de Pontevedra recibe 68 obras de Leopoldo Nóvoa doadas pola súa viúva

Susana Carlson asinou onte a acta de doazón pola que entrega un conxunto de lenzos, pinturas sobre papel, gravados e libros realizados polo autor entre os anos 1987 e 2010
Sobre estas liñas, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, a directora do Museo, Ángeles Tilve, e Susana Carlson. DP
photo_camera Sobre estas liñas, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, a directora do Museo, Ángeles Tilve, e Susana Carlson. DP

O Museo de Pontevedra acaba de incorporar á súa colección 68 obras asinadas por Leopoldo Nóvoa, un dos artistas galegos máis importantes da segunda metade do século XX.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, e a viúva do artista, Susana Carlson, asinaron este xoves a acta de doazón pola que Carlson entrega á institución pontevedresa o conxunto de obras sobre lenzo, pinturas sobre papel, gravados e libros, ata o de agora da súa propiedade.

As obras doadas datan do periodo que vai entre 1987 e 2010. Inclúen 15 cadros de técnica mixta sobre lenzo. Os títulos dalgunhas destas obras describen as técnicas e materiais característicos do artista nacido en Pontevedra: "Gran espacio vertical con cenizas y pinchotes", "Negro dominante perforado", "Doble espacio con relieves perforados" ou "Dominante horizontal con 12 rasgaduras". As 21 pinturas sobre papel doadas foron realizadas con técnica mixta. O conxunto inclúe tamén 27 gravados, realizados coas técnicas de augaforte ou de serigrafía. Completan a doazón cinco libros de Catherine Topall, Julio Cortázar e José Ángel Valente, edicións especiais con ilustracións do artista.

Sete das obras recibidas en doazón atópanse cedidas á exposición temporal Leopoldo Nóvoa. O silencio da pintura, que se celebra no Museo Provincial de Lugo ata o 4 de febreiro de 2024. Son "Cenizas con cuadrángulos", "Relieve cruzado con madera quemada", "Dominante vertical con rasgadura", "Forme erecte à deux fentes", "Forme erecte à grande fente" e os libros "Tempos de soufre" de Catherine Topall e "De otros usos del cáñamo" de Julio Cortázar. Ao remate da exposición incorporaranse á colección do Museo de Pontevedra.

As 68 obras recibidas súmanse ás seis que xa formaban parte do acervo do Museo, tres delas presentes na exposición permanente. En 2020, o Museo dedicoulle unha exposición retrospectiva que conmemoraba o centenario do seu nacemento e na que se exhibiron varias das obras agora doadas por Susana Carlson.

"É un día de alegría para o Museo de Pontevedra, sentímonos moi orgullosos de poder acoller estas obras que, sen dúbida algunha, contribuirán a seguir posicionando este recinto como o museo provincial máis importante de España", valorou o presidente provincial. Rafa Domínguez tamén agradeceu o xesto de Carlson coa institución provincial.

O AUTOR. Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919 - París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta na segunda metade do século XX, tanto dentro como fóra de Galicia. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e prolífica existencia en lugares e circunstancias moi dispares que o converteron nun personaxe cosmopolita e de vasta cultura.

Nóvoa pasou os seus primeiros anos en Uruguai e Arxentina, onde se xestou o valor que a forma e a materia terán na súa obra posterior. Logo viviu en París, onde se desenvolverá a súa madurez creativa, e tamén paseou longas tempadas na súa casa-obradoiro de Armenteira. Tras o dramático incendio que sufriu o seu obradoiro de París, dilúense cada vez máis os límites entre a pintura e a escultura, con obras en tons brancos e cinza e que adquiren volume e incorporan fragmentos de materia. A esta etapa pertencen as obras que se incorporan agora ao Museo.

Comentarios