Con M de Museo

Unha letra inspirada nas pontes da cidade e nun peite do tesouro de Caldas, deseñada por Uqui Permuy, é a nova imaxe da institución museística de Pontevedra 
MUSEO DE PONTEVEDRA (terraza do Sexto Edificio): presentacion da nova imaxe corporativa do Museo de Pontevedra
photo_camera Rey (derecha), Permuy (cuarta pola dereita), Lores, Silva e Mosquera (no centro) posando xunto a membros do consello asesor do Museo na escultura da nova imaxe. BEATRIZ CÍSCAR

Un inspirado nas pontes da cidade e en pezas do tesouro de Caldas é a nova imaxe do Museo de Pontevedra. A autora é a deseñadora Uqui Permuy, que gañou unha convocatoria pública para realizar a imaxe institucional na que, segundo lembrou estes xoves o director da institución museística, José Manuel Rey, participaron 37 empresas do sector.

O Museo deixa así de empregar como logotipo un debuxo do cruceiro da Praza da Leña realizado polo arquitecto Alejandro de la Sota en 1942. "Aínda que esta imaxe non desaparecerá, senón que recuperará a súa función orixinal de ex libris. Incluirase en todas as nosas publicacións", explicou Rey, que tamén recoñeceu o custe emocional que supón deixar atrás o debuxo de De la Sota. "Representou á institucion durante máis de 70 anos, pero hoxe presentaba grandes limitacións". 

Neste sentido, o director referiuse á nova imaxe como unha proposta que "se inspira no pasado para proxectarse cara ao futuro". "Supón, sen dúbida, un gran salto, pero que se axusta ás nosas necesidades, pola súa presenza visual, pola súa versatilidade e pola súa aplicabilidade", comentou José Manuel Rey, que emparentou o lanzamento do novo logo cunha serie de cambios que están a punto de producirse na institución, como a renovación da páxina web e unha maior presenza nas redes sociais

"Os símbolos teñen que ser especiais para que acheguen valor ao patrimonio", di Permuy

O arquitecto Jesús Fole é o autor da peza de aceiro inoxidable que recrea o deseño de Permuy e que loce, dende este xoves, diante do Sexto Edificio do Museo. Foi alí, pola tarde, cando tivo lugar a descuberta oficial do novo logotipo, nun acto ao que asistiron os membros do consello asesor do Museo, encargados de elixir o deseño, distintos representantes políticos e a autora do logo. 

"Os símbolos teñen a función de representar as cousas, pero teñen que ser especiais para que acheguen valor ao patrimonio. Teñen que ser, ademais, algo recoñecible", dixo Permuy. "Pontevedra é un caso especial porque museo e cidade compleméntanse. Temos un museo que se estende organicamente pola cidade. O meu reto era conseguir captar iso". 

A propia Uqui Permuy foi a que explicou que a inspirou á hora de chegar ao deseño final do logotipo. Foron, segundo dixo, elementos da cidade como as pontes, así como unha peza concreta do tesouro de Caldas, un dos conxuntos de ouro máis importantes da Península Ibérica. No seu caso foi un peite, un obxecto de uso cotiá empregado por aquelas mulleres da Idade do Bronce que a autora gustou de traer ao presente desta maneira.

"Ese M trata de manter unha tensión entre a maiúscula e a minúscula: maiúscula porque representa unha estrutura importante, unha referencia; minúscula, porque busca a cercanía coa xente. Agardo, de verdade, que o símbolo se filtre na cidade". 

No acto de descuberta do novo logotipo tamén interviñeron o deputado provincial do Museo, César Mosquera, que lembrou que a nova imaxe encaixaba no proxecto de renovación da institución que está a levar adiante e que incluíu a creación do consello asesor, a construción dun novo edificio e a conexión dos edificios centrais a través dun soto; a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Comentarios