O Museo segundo Iria Pinheiro e David Cortizo

A actriz e máis o director de Urco Editora protagonizaron a segunda entrega de Visitas Cruzadas ▶ Amosaron algunhas pezas do Museo de Pontevedra que teñen especial significado para eles

Un momento da visita guiada ao Sexto Edificio da man de Iria Pinheiro e David Cortizo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un momento da visita guiada ao Sexto Edificio da man de Iria Pinheiro e David Cortizo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Unha vitrina con azulexos inspirados nas obras de Dalí, a Cabeza de muller negra de Maruja Mallo ou a figura que representa Galicia encarnada no corpo dunha muller esculpida por Arturo Souto en 1926 foron algunhas das obras do Museo que escolleron os encargados de guiar unha nova sesión de Visitas Cruzadas no Sexto Edificio.

Deste xeito, os responsables de guiar aos espectadores polo Museo interpretaron e reflexionaron arredor dalgunhas das pezas que están expostas nas súas salas. A actriz Iria Pinheiro comezou a súa visita amosando unha serie de azulexos inspirados na obra de Dalí que se vendían en Estados Unidos a 1,98 dólares. "Tiña necesidade Dalí de facer isto? É algo positivo ou devalúa a súa obra?", preguntouse. Neste sentido, explicou que "na nosa profesión ás veces facemos traballos por cuestións económicas e chegas a plantexarte se o que fas ten algún valor artístico".

Iria Pinheiro: "Se temos un momento a soas facemos un ‘selfie’ e subímolo ás redes sociais, xa todo é público"

A actriz mesturou tamén algún aspecto da súa vida persoal e revelou que ten pasado pontevedrés. Deste xeito, escolleu para continuar un cadro que Rafael Alonso creou para decorar o antigo Hotel Universo de Pontevedra, "que é onde os meus avós celebraron as vodas de ouro". A escultura Galiza nai e señora foi a terceira parada de Pinheiro no Museo e destacou a encarnación que o escultor Uxío Souto fixo da patria no corpo dunha muller. "É moi espiritual e apegado á natureza", explicou. Un cadro que reflicte un momento de descanso nun prostíbulo e que representa a dúas cabareteiras descansando foi outra das eleccións da actriz. A obra é de Arturo Souto e Pinheiro explicou que se sentía identificada co ambiente do cabaret ao adicarse ao mundo da escena.

Outro dos cadros que escolleu a intérprete foi un no que se reflicte "unha muller nova, aínda que pola súa cara e a postura dos ombros nótoa cansa". Neste sentido, Pinheiro reflexionou sobre o espazo doméstico, a intimidade –"agora se temos un momento a soas facemos un selfie e subímolo ás redes sociais, xa todo é publico", dixo - e o afogo de verse confinada ao espazo do fogar.

David Cortizo: "Maruja Mallo podería ser unha portada da súa xeración, unha muller emancipada e moderna"

 

Pola súa parte, David Cortizo percorreu as obras do Sexto Edificio relacionando as obras de arte cun libro. Como editor, escolleu para a portada dese volume un dos cadros máis relevantes de Maruja Mallo, Cabeza de muller negra. "Maruja Mallo é unha portada da súa xeración, unha muller emancipada e moderna", dixo.

Do mesmo xeito, o editor comparou un cadro da pintora Xulia Minguillón coa narrativa pola historia que conta, protagonizada po dúas mozas. A peza, titulada O baño, reflicte unha escea na que se pode ver cómo unha rapaza se lava axudada por outra. Para relacionar esta visita ó Museo co teatro, Cortizo escolleu unha peza de Acisclo Manzano titulada Mouro. "A escultura, que representa imaxes en tres dimensións, podería compararse co texto teatral", contou. Por outra banda, equiparou a arte abstracta á poesía, "require do estado de ánimo do espectador, da súa complicidade". A peza que escolleu é de Berta Álvarez Cáccamo.

A contracapa da visita foi a vista da cidade que ofrece o Sexto Edificio desde o terceiro piso porque "un museo non se entende sen a cidade que o rodea".

Un momento da visita guiada ao Sexto Edificio da man de Iria Pinheiro e David Cortizo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO2

Comentarios