O Museo sube ás redes durante a corentena

A institución comparte en Facebook imaxes das súas salas en 360 graos para poder visitalas online
Unha das fotos en 360 graos, realizadas por Carlos Vieira, que permiten visitar salas do Museo de Pontevedra online. FACEBOOK
photo_camera Unha das fotos en 360 graos, realizadas por Carlos Vieira, que permiten visitar salas do Museo de Pontevedra online. FACEBOOK

Castelao loitou contra a gripe de 1918. Vén de lembralo o Museo de Pontevedra na súa páxina da rede social Facebook, que ten máis de 11.000 seguidores. "Durante a pandemia de gripe de 1918, que provocou millóns de mortes, Castelao traballaba en Pontevedra no Instituto Nacional de Estadística pero, ante a gravidade da situación, pediu unha excedencia e regresou ao seu Rianxo natal para atender como médico que era ás numerosas persoas que estaban a enfermar", explica a institución no seu post. "A autorización que recibiu para iso consérvase no Arquivo do INE e estivo exposta na mostra Meu Pontevedra! Castelao 1916-1936, que realizamos en 2016".

Este texto, que o Museo compartiu o martes 17 de marzo acompañaba unha imaxe en 360 graos da Sala Castelao do Sexto Edificio, que permite que o internauta se mova polo espazo desprazando o cursor pola imaxe. Era a primeira dunha serie de fotos das mesmas características que o Museo compartirá no Facebook mentres teña que manterse pechado por mor da alerta sanitaria por coronavirus. Este mércores, a sala que se podía visitar desta maneira era na que está o tesouro de Caldas de Reis.

Unha das fotos en 360 graos, realizadas por Carlos Vieira, que permiten visitar salas do Museo de Pontevedra online. FACEBOOK

CURIOSIDADES. "A idea é ofrecer unha pequena visita guiada, un primeiro achegamento aos nosos contidos, para que despois, cando poidamos reabrir, o público tiña ganas de velo todo de primeira man", conta a coordinadora de exposición do Museo, Fátima Cobo. "Ao mesmo tempo aproveitamos para achegar información histórica, artística e curiosidades, como a que compartimos o primeiro día sobre Castelao".

A reacción do público, segundo conta Cobo, está a ser moi positiva. "É outra forma de coñecer un museo. Ata o de agora, moi poucos se poden permitir sistemas para coñecelos online, pero nós pouco a pouco queremos estar aí, en contacto cos cidadáns. Polo momento, a proposta está a ter moi boa acollida. Estamos encantados".

Patricia Estévez, responsable de comunicación do Museo, explica que o traballo que se realiza habitualmente nas redes sociais se incrementou a partir do peche do Museo trala alerta sanitaria. Así, agora mesmo, cólganse dous posts diarios en Facebook. "O primeiro, pola mañá, é no que compartimos fotos en 360 graos das salas. Son imaxes tomadas por Carlos Vieira", explica. "O segundo, pola tarde, está centrado na divulgación de contidos das dúas exposicións temporais que tiñamos nestes momentos, a de Leopoldo Nóvoa, que estivo aberta dende xaneiro e que xa visitou bastante público, e a de Debuxantas, que non se puido abrir nin un só día desgrazadamente, e que está adicada ás ilustradoras de ABC e Blanco y Negro. Non queremos que a xente perda a oportunidade de achegarse a ela porque é marabillosa".