O Museo volve abrir as súas portas o próximo martes co aforo limitado ao 30%

O regreso á actividade realizarase co obxectivo principal de ofrecer unha boa experiencia de visita ás coleccións
Museo de Pontevedra. ARCHIVO
photo_camera Museo de Pontevedra. ARQUIVO

O Museo de Pontevedra reabrirá as súas portas o vindeiro martes, 2 de xuño, co aforo das súas instalacións reducido incluso a menos do 30% da capacidade. Así o confirma hoxe o seu director, Xosé Manuel Rey, quen subliña que a institución pretende garantir unha boa experiencia de visita ás coleccións permanentes e temporais con todas as garantías sanitarias. A actividade reiniciarase coa prolongación das mostras vixentes antes do peche, a dedicada a Leopoldo Nóvoa e Debuxantas, pero sen roteiros guiados nin outros eventos grupais.

Segundo explica Rey, decidiuse prolongar o peche do Museo máis alá do que permitían as fases xerais da desescalada "por unha cuestión de prudencia", e porque, a pesares de que a reorganización interna estar axustada dende hai tempo, considérase que a afluencia non será moita, tendo en conta que non están permitidas as visitas doutras provincias e tampouco as grupais e de escolares. "Haberá que ver cal é a evolución", manifestou.

Segundo indica Rey, coa finalidade de evitar aglomeracións e de reducir o risco de contaxio, as visitas á colección permanente e ás exposicións temporais reducirán o aforo a un terzo da súa capacidade de acordo coas estimacións máximas, situándose incluso por debaixo dese límite. Como exemplo, na primeira planta do Sexto Edificio (1.275 m2) a capacidade xeral é de 200 persoas, pero baixará ata as 45. O aforo de cada un dos espazos estará indicado no ingreso a cada unha das salas de exposicións en función dos seus metros cadrados.

Nestes días estase a finalizar o traballo de sinalización informativa e de distanciamento en todos os edificios. Instaláronse mamparas separadoras en todos os lugares nos que hai contacto entre o público e o persoal traballador, principalmente nas salas de acceso e de investigación. Tamén haberá elementos indicativos no solo marcando distancias de seguridade, itinerarios preferentes mediante frechas e paneis informativos.

A volta á actividade realizarase co obxectivo principal de ofrecer unha boa experiencia de visita ás coleccións. Ademais da colección temporal, estarán a disposición do público as mostras de Leopoldo Nóvoa 1919-2019 e Debuxantas ata o vindeiro 30 de agosto. Mantéñense cancelados todos os roteiros guiados habituais, así como postpostos outros eventos grupais.