"Este museo é unha xoia"

O IES Sánchez Cantón, que ingresará na Orden Civil de Alfonso X el Sabio, traballa na posta en valor do seu Museo de Historia Natural e da meritoria colección de aparellos de investigación e laboratorio dos séculos XIX e XX ► Conta coa colaboración do Mupega e da Escola de Restauración
IES Sanchez Canton Reportaxe sobre o recoñecemento coa placa de honor da Orden de Alfonso X el Sabio Con materiais antigos etc
photo_camera Parte da colección ornitolóxica donada por Víctor Seoane en 1866. GONZALO GARCÍA

Epidiascopio, proxector complexo con iluminación de arco voltaico de grafito e lámpada de filamento, anillo de Gravesande, microscopio solar polarizador, botellas de Leyden, máquina de influencia de Wimshurst, a colección ornitolóxica doada por Víctor Seoane en 1866, herbolarios, animais disecados, mostras xeolóxicas, reproducións de parte do corpo humano...

Son só algúns exemplos da colección de antigos aparellos de laboratorio e investigación e do Museo de Historia Natural, que desde 1996 leva o nome de Mariano García Martín, que garda o interior do IES Sánchez Cantón.

"Este museo é unha xoia. Telo aquí e que os nosos nomes vaian estar ao carón é unha gran oportunidade que os alumnos non podemos desperdiciar", explica Clara, alumna de 4º da ESO do instituto pontevedrés. A súa compañeira Violeta coincide. "Paréceme que temos un tesouro, polo que poder estar participando agora na dinamización e recuperación de todas estas pezas penso que é unha grande oportunidade. É algo no que estou moi ilusionada".

Elas son dúas das estudantes implicadas no Club de Ciencias do centro, que ten como un dos seus obxectivos a medio prazo o de "revalorizar as pezas do museo, porque implica un legado histórico importantísimo", explica Sonia Ríos, unha das docentes integradas no club.

"Parécenos moi interesante que o alumnado lle dea valor a ese legado histórico, ao traballo que fixeron as persoas que nos precederon". Así, aposta por que o estudantado se decate "do enxeño, da creatividade dos científicos, dos experimentos máis importantes da historia da ciencia", pois "a maioría das pezas poñen de manifesto estes experimentos. Son nocións moi básicas da física e da química dos séculos XVII-XX e eles poden coñecelos".

Alumnado de visita. GONZALO GARCÍA
Alumnado de visita. GONZALO GARCÍA

O seu compañeiro Pablo de Vega detalla o proxecto. "Somos varios profesores que estamos co proxecto de recuperación do museo". A intención é "redinamizalo" como un paso máis tralo "incrible traballo previo a nós", para inscribilo na vida académica do centro adaptándoo ao século XXI.

"A primeira fase sería recuperar os aparatos de electromagnetismo. A idea sería que estes rapaces colleran e reproduzan os experimentos cos aparatos antigos e no laboratorio, para que se vexa como funcionan. O museo pertencería aos alumnos». Así, a través do móbil, cun código QR, accederíase a esa peza e veríase a un grupo de rapaces explicando o que é e reproducindo o experimento".

A ilusión por este proxecto pálpase entre a rapazada. "Gústame moito a idea porque é unha maneira de mimetizar o museo dentro da propia vida académica e de darlle unha nova vida a esas cousas que temos aquí", explica Carolina, de 1º de Bacharelato.

Á súa compañeira Sabela "sorprendeulle moito" ao chegar ao centro, pero despois acabouse afacendo. "Preguntábaste que fai unha cámara de cine así de grande no meu instituto. O que me ilusionou foi a oportunidade de recuperar un pouco esa inquedanza, ese interese dos primeiros momentos e que non volvera a ver en min ata entrar no club de ciencias".

Traballo ímprobo. Elas están a traballar coa botella de Leyden, por exemplo. "Primeiro buscamos como facelo de maneira caseira para comprender mellor o funcionamento desa peza. E logo probamos cos propios aparellos do instituto e así imos comprendendo un pouco mellor para que e como se utilizaban. É útil e interesante".

"Eu nunca tiven unha relación moi fructífera coas ciencias pero si que me gustou implicarme neste proxecto, sobre todo na parte un pouco filosófica, de recopilar datos e información sobre estes inventos e proxectos, xa que como non tiña os coñecementos necesarios para experimentar, achegou o meu grao de area no que poida ser útil", apunta Iago.

undefined
Alumnado do Club de Ciencias no Museo de Historia Natural. GONZALO GARCÍA

"Eles representan a primeira fase, pero creo que como mínimo se necesitarán catro anos para telo todo máis ou menos... Imos por áreas, tamén para que sexa máis pedagóxico", explica De Vega, quen subliña que é un "traballo ímprobo fóra do horario lectivo", polo que o agradecemento ao alumnado implicado é total.

Carlos Rodríguez, director do instituto desde este curso, explica que para esta iniciativa contan coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), do que forma parte o Sánchez Cantón, e tamén da Escola de Conservación e Restauración.

Algo tivo que ver este "tesouro" coa elección do histórico IES para ingresar na Orden Civil de Alfonso X el Sabio con placa de honor. "É un recoñecemento á historia do centro e a toda a xente que estudou e traballou aquí". Actualmente son 930 alumnos, incluíndo aos da extensión do CGTD.

Cronoloxía: case dous séculos de historia
1845: O 30 de outubro créase o Instituto de Pontevedra, o único da provincia, no convento de San Bartolomé, actual edificio Sarmiento do Museo.

1882: Autorízase a matrícula de rapazas para examinarse, pero non se recomendaba a súa asistencia ás clases.

1903: Trasládase á Escuela de Artes e Industrias, en Montero Ríos. Tamén estivo na Escuela Normal de Magisterio, que hoxe pertence á Deputación.

1915: Faise oficial a presenza feminina nas aulas.

1927: Inaugúrase o novo edificio, actual IES Valle Inclán.

1931: Durante a Segunda República as clases foron mixtas por primeira vez. 1932: Había cinco aulas con capacidade para 160 alumnos, tres para 120 e unha sala de debuxo que acollía a 165 estudantes. O centro contaba cun Gabinete de Física, un museo de Historia Natural e Prehistoria, unha estación meteorolóxica e bibliotecas.

1935: Contabilizábanse 797 alumnos oficiais (moitos máis examinábanse por libre), dos que 392 eran mulleres.

1963: Creación do Instituto Femenino de Pontevedra (actual IES Valle Inclán).

1968: O Instituto Masculino trasládase a un novo edificio en O Verxel, por baixo da Alameda, que en 1973 se denominou Sánchez Cantón.

1986: Empeza a funcionar o actual edificio na rúa Raíña Vitoria e derrúbase o antigo