Treixadura inunda a Boa Vila de música tradicional

A agrupación de música tradicional actuou este mércores na Praza de España xunto ao coro de Cantigas e Agarimos e a BMP
Treixadura, sobre o escenario
photo_camera Treixadura, sobre o escenario

Xa anunciaran que tocar xunto a un coro e unha banda de música en directo era un dos soños do grupo e onte aproveitaron a ocasión para lucirse sobre o escenario mentres o cumprían.

Treixadura presentou este mércores o seu traballo máis recente, Vendima tarda, na Praza de España. Fíxoo acompañado da Banda de Música de Pontevedra e do coro de Cantigas e Agarimos. "A xente está afeita a que as bandas toquen un repertorio con música galega ou clásica pero, desta vez, a BMP interpretará as nosas cancións", explicaba o percusionista Antón López, que forma parte de Treixadura, a Diario de Pontevedra nunha entrevista. O integrante da banda amosábase tan orgulloso que aseguraba que este era un dos maiores desexos da banda a día de hoxe.

E así o demostraron nada máis saír ao escenario, tras escoitar a voz dun dos cantores, as gaitas comezaron a soar marcando o ritmo dunha muiñeira que animou a praza xunto coas palmas do público e as luces do escenario. "Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira esa si que é muiñada", entoaban os membros de Treixadura.

No seguinte tema, os cantores recitaban: "Quen ten amores non dorme quen non os ten adormece". E así foi avanzando o concerto. Os membros da banda aproveitaron para agradecer ao Concello de Pontevedra, «unha vila moi inspiradora para nós», a súa colaboración para que o público disfrutase da atuación deste mércores. "Non é fácil conseguir que as condicións técnicas para un espectáculo coma este se cumpran, e este é un Concello que aposta pola mú- sica galega, e así o demostra con Treixadura". Xa dende o primeiro momento, o grupo anunciaba que a noite de onte ía ser grande. E conseguiuno.

Ademais, os integrantes da agrupación explicaron que con noites coma a deste mércores, a música de Treixadura medraba "ata uns niveis que antes nunca escoitastes". "É moi grande a nosa emoción por compartir esta noite con vós", explicaron. programación.

PROGRAMACIÓN. Este xoves a música tradicional de Galicia continúa presente nas Festas da Peregrina coa celebración dunha noite de cantos de taberna polas rúas do casco vello da cidade. Os Carunchos e Os Sin Son animarán a noite polos locais ao son das cantigas máis populares a partir das 22.00 horas.

Por outra banda, o grupo Los Tres Soles del Paraguay será o protagonista dunha Noite de Bolero na Praza da Ferrería. A Praza de España celebrará a Festa World Dance Music dos 40 con Luis López, Cristian San Bernardino, Azlin, JL García e Pablo Méndez Performance.

Comentarios