Música, un escape room e a realidade virtual dan continuidade ao Ponteverán

O programa proxecta multitude de actividades para esta semana

 

O edil Alberto Oubiña, xunto cos participantes no curso de impresión 3-D do Ponteverán 2019. GONZALO GARCÍA
photo_camera O edil Alberto Oubiña, xunto cos participantes no curso de impresión 3-D do Ponteverán 2019. GONZALO GARCÍA

O programa municipal Ponteverán, dirixido principalmente a persoas de entre 5 e 35 anos, continúa esta semana con diversas actividades de lecer tras contar con case 70 participantes no que levamos de mes.

Entre as citas proxectadas para estes días teñen especial protagonismo a música, a holografía e realidade virtual e ata un escape room.

A cita reanúdase este martes, 16 de xullo, cunha actividade de Holografía e Realidade Virtual na Casa da Luz en horario de 9:30 a 13:30 horas. Nela participarán seis nenas e seis nenos de entre 7 e 14 anos. Neste obradoiro aprenderán a recrear mundos virtuais e obxectos 3-D.

Tamén o martes, no Local de Música, desde as 10:00 e ata as 13:00 horas, dará comezo o Campamento Musica-Lab: crea a túa música electrónica que se desenvolverá até o venres 19. Nesta actividade participarán 16 persoas entre os 13 e os 16 anos (6 mozas e 10 mozos).

Durante estes días o Local de Música converterase nun laboratorio de tecnoloxía e música lowcost, onde os participantes achegaranse de maneira sinxela á creación, composición e produción musical usando o propio móbil.

O venres 19, entre as 21:00 e as 23:45 horas, comezará á actividade de Escape Music Room na que se inscribiron 72 persoas (12 equipos de 6), o que supera as 36 prazas iniciais que se ofertaban e que a organización decidiu ampliar debido á grande demanda.

Organizaranse catro pases de 45 minutos: o primeiro será ás 21:00 horas, o segundo ás 22:00 e o último ás 23:00. Trátase dun xogo onde os mozos e mozas participantes terán que empregar o seu enxeño e habilidade para resolver pistas, enigmas, adiviñas e misterios dunha aventura incrible. Terán que saír da sala antes de que se lles remate o tempo.

Tamén esta semana, o domingo 21 de xullo, celebrarase o Roteiro etnográfico e ambiental polo río Almofrei, no cal están inscritos 15 mozos e mozas entre os 16 e os 35 anos. Nel percorrerase esta senda fluvial e a contorna da aldea do Salgueiral para coñecer o patrimonio cultural, natural e etnográfico a carón do río Almofrei.

Trátase dunha actividade lúdica de contacto directo coa natureza e guiado por monitores especialistas. A actividade terá un percorrido de 4 quilómetros aproximadamente e desenvolverase entre as 10 e as 13:30h (9:30h saída do autobús dende a parada do bus da parte traseira da praza de abastos).

Comentarios