Música e literatura, da man na véspera das Letras Galegas

O Auditorio Afundación da cidade acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia o vindeiro 16 de maio ás 21.00 horas

Presentacion do concerto da Real Filharmonía de Galicia polo Día das Letras Galegas
photo_camera Presentacion do concerto da Real Filharmonía de Galicia polo Día das Letras Galegas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Gústame que a música e a literatura traballen en conxunto", declarou este mércores o director da Real Filharmoría de Galicia Maximino Zumalave, no Concello de Pontevedra. O músico visitaba o consistorio pontevedrés para presentar o concerto que se celebrará na Boa Vila o vindeiro 16 de maio, ás 21.00 horas, con motivo do Día das Letras Galegas.

Xunto a el, na presentación do mércores estaban o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; a directora territorial de Abanca, Carmen Fernández Penas, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O concerto está organizado polo Consello da Cultura Galega, que tivo a iniciativa de celebrar un evento deste tipo cada ano na véspera do Día das Letras Galegas dende hai varias edicións. "En todo este tempo xa é a terceira vez que vimos a Pontevedra, o que di moito da cidade e a súa cultura", dixo Villares referíndose aos outros homenaxeados pola Real Academia Galega que eran pontevedreses (Paz Andrade e Filgueira Valverde).

A música podemos dicir o más sublime e o máis brutal, que non se pode dicir con palabras


Así, baixo a batuta de Zumalave, na noite do vindeiro mércores repasarase un repertorio que comezará coa Alborada galega de Pascual Veiga. "A música podemos dicir o más sublime e o máis brutal, que non se pode dicir con palabras", explicou Zumalave sobre o espectáculo. Ademais, estrearase unha peza que Miguel Matamoro compuxo para a ocasión inspirada na obra de María Victoria Moreno e titulada Duns folios que foron brancos. Na segunda parte do concerto haberá unha homenaxe á poesía galega  con varias pezas que parten de poesías de autores como Valle Inclán, Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro. O concerto finalizará cunha serie de cantigas de "música de raíz popular con melodías coñecidas que o público poderá entoar", tal e como explicou Zumalave.

O concerto terá lugar no auditorio Afundación e a entrada será de balde. Aínda así, é preciso reservar butaca con antelación na páxina web ataquilla.com. O director xerente de Afundación, Pedro Otero, sinalou algunhas das características que definen a María Victoria Moreno e trazou un paralelismo co traballo da entidade que dirixe. "Nós tamén estamos preocupados pola educación dos máis pequenos, pola cultura e a literatura e pola cidade de Pontevedra", dixo.

O mesmo día, o alcelde de Pontevedra ofrecerá unha recepción ao Consello da Cultura Galega e á Real Filharmonía de Galicia.

Comentarios