Esteban Batallán: "Os músicos temos a responsabilidade de inspirar á xente e de facela soñar"

De Barro a Filadelfia pasando por Hong Kong e Chicago. Esteban Batallán inicia unha nova etapa o 18 de setembro como trompeta solista de The Philadelphia Orchestra. A este músico, "con moitos quilómetros de pasarrúas", a Sinfonía nº 1, de Mahler, cambioulle a vida
O trompetista de Barro Esteban Batallán, este luns, na Alameda de Pontevedra. GONZALE GARCÍA
photo_camera O trompetista de Barro Esteban Batallán, este luns, na Alameda de Pontevedra. GONZALE GARCÍA

O rapaz de Barro, o fillo do carteiro, que mercou a súa primeira trompeta na rúa Santa Clara cando case era máis grande o instrumento ca el e que escoitou por primeira vez a Mahler nun disco comprado en Vázquez Lescaille, está a punto de mudarse de Chicago a Filadelfia. Esteban Batallán (Barro, 1983) deixa polo momento a Chicago Symphony Orchestra e pasa á The Philadelphia Orchestra. As dúas formacións figuran de xeito habitual nas listaxes das dez mellores orquestras do mundo. "Non me gustan demasiado esas clasificacións. A mellor orquestra, o mellor instrumentista... Aprézoo, pero non é real. Todo é circunstancial e todo é segundo como se considere en cada momento. Ademais, o meu carácter non vai con iso. Eu son un xogador de equipo".


Xa está instalado en Filadelfia?
Aínda non. É todo aínda moi recente.

Marcha dunha orquestra do centro dos Estados Unidos a unha da costa este. Que supón para vostede este cambio?
É unha nova experiencia. Pero non deixo aínda definitivamente a Sinfónica de Chicago. Collín unha excedencia. O que pasou foi que estiven unha semana en abril facendo unha colaboración coa Orquestra de Filadelfia e, como me sentín moi ben, aproveitei que facían unha audición para presentarme. Acabaron dándome o posto e teño que probar. Resúltame apetecible. Non quero quedar coa dúbida de como sería. Ao final, é outra das cinco grandes orquestras históricas dos Estados Unidos. Enfróntoo como unha experiencia máis que vou vivir con gana de seguir aprendendo. Obviamente para min supón un cambio profesional e persoal, pero enmarcado nunha etapa de transición. Vou seguir mantendo a miña casa en Chicago e vou seguir dando clases na Universidade de DePaul. Despois, a final de temporada, tomarei unha decisión sobre o meu futuro.

Sempre dixo que para vostede entrar na Orquestra Sinfónica de Chicago [fíxoo en 2019], ás ordes de Riccardo Muti e ocupando o lugar que no seu día ocupou o trompetista Adolph Herseth, foi algo moi especial.
Claro. Estar aí foi algo que sempre quixen e o balance destes seis anos non pode ser máis positivo, polos directores e polos concertistas cos que traballei, polos tours... Por todo en xeral.

O mundo da música clásica descríbese as máis das veces como competitivo e despiadado. É así?
É moi competitivo, si. Pero imaxino que como moitos outros, tampouco creo que máis. É tamén un mundo moi ambiguo, moi abstracto... E iso non é fácil de entender. A Sinfonía nº 5, de Mahler, non soa igual cando se interpreta en Berlín, en Chicago ou en Filadelfia. Porque cada agrupación ten o seu xeito de tocar. E así debe ser. Hoxe vivimos, ao meu entender, nun mundo excesivamente globalizado no que se tende a igualar todo, cando o interesante é preservar a riqueza da diversidade, o que nos diferencia e nos fai únicos. Despois, a competencia está, por exemplo, nas audicións, nas que non se trata só de non fallar ningunha nota senón que hai que ir máis alá: ser máis musical, arriscar na interpretación, levar o piano ao extremo e o forte tamén... Eu que sei, xógase con moitas cousas: ritmo, afinación, estilo... Que é o que marca a diferenza? Eu o que lle digo sempre aos meus estudantes é que son os pequenos detalles.

O que vostede conseguiu foi algo extraordinario. Que posibilidades ten un rapaz de Barro de acabar de trompeta principal da Sinfónica de Chicago?
Posibilidades sempre hai. Eu creo que tiven unha boa guía. Iso márcache o camiño. No meu caso foi o meu mestre Javi Viceiro, que foi o que me axudou a dar os meus primeiros pasos. Non digo só á hora de aprender a tocar o instrumento senón á hora de recomendarme presentarme a tal concurso ou a tal audición. Despois está por suposto a curiosidade e o traballo de cada un. Eu, con 15 anos, acabado de incorporar á Joven Orquesta Nacional de España, entrei un día na tenda de discos Vázquez Lescaille buscando a Sinfonía nº 1, de Mahler, sen ter nin idea do que era iso. Só tiñan un. Da Chicago Symphony Orchestra. Lembro perfectamente o impacto que sentín cando o puxen. Ese impacto cambioume a vida. E iso precisamente é ao que debemos aspirar os músicos profesionais, a impactar na xente, a inspirala e a facela soñar. Temos esa responsabilidade, sobre todo cos máis novos: debemos impactar neles, guialos e inspiralos. Eu tiven moita sorte niso, en atopar quen me guiara. Porque, despois, nunca sabemos que pode pasar. Hai xente que xa nace coa vida encamiñada; outra traballa moito e chega onde quere chegar, e outra traballa moito e nunca chega.

Chama a atención que alguén coa súa traxectoria lembre con tanto agarimo os seus inicios na Banda de Barro ou na de Pontevedra, co mestre Moldes, que poderían considerarse experiencias menores.
É que para min non son menores. Os primeiros pasos son os que marcan a traxectoria das persoas. A min marcáronme. Ninguén nace aprendido. A miña traxectoria é esta e sempre o digo: Banda Xuvenil de Barro, Banda de Barro, Banda de Pontevedra, Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta Ciudad de Granada e Hong Kong Philarmonic Orchestra. Eses foron os pasos. Para min é moi bonito lembrar de onde veño con cariño e con respecto: un sitio pequeno, un pai carteiro e unha nai na casa, tres irmáns, unha bandiña pequena, moitos quilómetros de pasarrúas, moitas procesións e moitas verbenas. Síntome afortunado de mirar atrás e ver todo iso. Estou orgulloso de que sexa así. Hai quen define a vida como queimar etapas. Eu non as queimo, eu gárdoas. Forman parte de min. Como o galego! Eu, que falo inglés, italiano, portugués e castelán, vaia onde vaia sempre estou falando galego. Non esquecer quen es e de onde vés é importante.

Encontro con López e Cubela na Deputación

Esteban Batallán foi recibido este luns pola mañá polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e polo deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, aproveitando que o trompetista volve á casa todos os anos para pasar as súas vacacións de verán. Durante o encontro, o presidente provincial eloxiou a figura de Batallán, ao que cualificou como "un pontevedrés que leva o noso nome polo mundo" e "un exemplo de que con traballo e esforzo se alcanzan os soños", en palabras recollidas pola Deputación.

Comentarios