Musigal contará con 21 grupos que ofrecerán 58 concertos en la provincia

O programa impulsado pola Deputación comezará en Portas o vindeiro 10 de abril coa actuación de Xabier Díaz e Adulfeiras de Salitre
Un momento do espectáculo Musigal, no que participaron diferentes artistas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Un momento do espectáculo Musigal, no que participaron diferentes artistas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Os 58 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes van ter actuacións enmarcadas no proxecto Musigal 2020, financiado pola Deputación con 614.045 euros. A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou onte o listado de actuacións solicitadas polos gobernos locais, a maioría das cales se desenvolverán no verán (en xullo haberá 20 concertos e en agosto 17).

Cada concello ten dereito a unha única actuación dos grupos musicais profesionais que abordan de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que fan música en galego nos seus concertos (ou, no caso dos instrumentais, que teñen pezas de autoría galega).

O primeiro concerto de Musigal 2020 terá lugar nas Neves o 10 de abril, no que actuarán Xabier Díaz e Adulfeiras de Salitre, mentres que a última actuación será en Portas o 1 de decembro, a cargo de Andrea Pousa.

Os concellos solicitaron 21 formacións musicais. Os grupos que van contar cun maior número de actuacións son Óscar Ibáñez & Tribo, Sés e Xabier Díaz e Adulfeiras de Salitre. Estarán en cinco concellos diferentes.

Programa Musigal 2020 pretende contribuír á difusión e á promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e, ao mesmo tempo, fomentar o uso e a normalización social da lingua galega e a defensa dos valores da igualdade de xénero.

Musigal 2020 —que está dividido nas categorías de Son muller, Son crianza, Son tradición, Son clásico e Son actual— nace co obxectivo de "favorecer a programación artística por parte dos concellos e, ao mesmo tempo, dinamizar a lingua galega", sinalou onte a presidenta provincial, Carmela Silva.

"É moi complicado —engadiu- que un concello pequeno, como Portas, Dozón ou Fornelos, poidan ter unha actuación de esta calidade se non hai unha administración que a fomente".

Comentarios