Nace Catafís, o servizo de información xeográfica do Concello de Pontevedra

A web ofrece información sobre o catastro, a Boa Vila en 3D, mapas de calor ou a pirámide de poboación en tempo real

 

Mapa en 3D de Pontevedra. CATAFÍS
photo_camera Mapa en 3D de Pontevedra. CATAFÍS

A Concellaría de Réxime Interior de Pontevedra presentou este mércores Catafís, o sistema de información xeográfica do Concello que xa se pode consultar en aberto en catafis.pontevedra.gal.

A ferramenta que compila a información coa que traballan os técnicos e técnicas municipais pretende "darlle valor a estes datos e poñelos ao servizo da cidadanía", de tal modo que se "mellore a tramitación de expedientes, consultas técnicas ou, simplemente, satisfacer a curiosidade do cidadán ao respecto de diversas materias".

Presentacion-de-CatafisA cartografía, o catastro, datos do Padrón que non violen a lei de protección de datos, Pontevedra en 3D, rueiro municipal, composteiros comunitarios, rede semafórica, titularidade das vía públicas… son algunhas das aplicacións que ofrece Catafís, que recibe este nome por ser "un topónimo da parroquia de Ponte Sampaio que fai referencia a un lugar alto con abundancia de rochas", o que a concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, considera acaído por ser Catafís unha plataforma que "pretende ofrecer una visión en perspectiva de toda a información municipal de Pontevedra".

O proxecto foi realizado "integramente na casa", en palabras de Gulías Torreiro quen explicou que é froito do esforzo de moitos departamentos municipais dirixidos polo de Informática e Administración electrónica.

O sistema combina tanto datos e información de fontes propias como doutras procedentes da comunidade de internet como por exemplo Open Street Maps, que no caso de Pontevedra ten identificadas e xeolocalizadas as sendas e vías peonís da cidade permitindo obter a ruta óptima de tránsito entre dous puntos da cidade.

Nestes momentos Catafís ofrece:

  • Rueiro municipal (buscador de rúas, números oficiais, áreas de parroquias, lugares,)
  • Buscador catastro e correspondencia co rueiro
  • Visualización e descarga de cartografía do 2018 en formato autocad e agora tamén en PDF
  • Foto vehículo: percorrido pola cidade que fixo a empresa Geograma en 2018. Anonimizado de xeito automático no verán pasado polo servizo de Informática.
  • Padrón: Mapa de calor do reparto poboacional e pirámide actual en tempo real de distribución por rango de idades.
  • Modelo dixital terrestre: Incorporación nos mapas da información do Instituto Xeográfico Nacional do MDT05 e do vó LIDAR.
  • Información xeorefenciada: Puntos compostaxe colectivos, centro de ensino, parques infantís, aparcamentos disuasorios, semáforos, Camiño de Santiago, titularidade de vías públicas.
  • Paso do tempo: comparativa entre fotos aéreas
  • Visión 3D: Extrusión de volumes das parcelas segundo altura proporcionada polo vo LIDAR sobre o Modelo Dixital Terrestre.

A intención da Concellaría é ir incrementado a información de Catafís así como incorporalo ás novas aplicacións para poder ser consultado dende un Smartphone.