sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Nace Comando Mazá: o novo colectivo feminista e nacionalista da cidade

Presentación de Comando Mazá. DP
Presentación de Comando Mazá. DP
As súas impulsoras presentaron o proxecto este sábado na Casa da Luz e participarán nos actos do 25 de novembro

"Eu son a matriarca. A do pecado orixinal. A única que ousou desafiar un deus". Como herdeiras de Eva, "a que nunca se redimirá do seu pecado", preséntanse as impulsoras dun novo colectivo feminista en Pontevedra. Comando Mazá deuse este sábado a coñecer nun acto de presentación no que as integrantes leron o manifesto fundacional do colectivo, escrito pola autora Ana Cabaleiro, que forma tamén parte da agrupación. "Somos mulleres feministas e nacionalistas que pretendemos poñer en marcha medidas e non quedar nun simple día de acción", explicaba a mestra Luisa Márquez, unha das mulleres fundadoras do colectivo. "Non queremos ser vítimas, somos mulleres fortes e non queremos ser o resultado dun modelo patriarcal, colonial e machista", engadiu.

No acto, a agrupación presentou tamén o seu logotipo, creado por Ana Seoane. "Tiñamos claro o que queriamos, eu só tiven que compoñer as pezas dun puzzle, por iso empreguei a estética do graffiti, que representa a loita, co traxe tradicional galego, para amosar a nosa condición de galegas, e por suposto, a mazá", explicaba onte Ana.

A finalidade da asociación é difundir información, realizar palestras e biografías de mulleres relevantes. Para darse a coñecer, estes días proxectan na rúa da Michelena a frase: "Eu son a do pecado orixinal".

Comando Mazá unirase á concentración en repulsa da violencia machista que terá lugar na Praza da Peregrina o próximo luns ás 20.00 horas e logo participará na manifestación convocada por O Quilombo o mesmo luns ás 20.30 horas.

Nace Comando Mazá: o novo colectivo feminista e nacionalista da cidade
Comentarios
ç