Nace o 'Plan Impulsa' para axudar ao comercio local de Pontevedra

#PonteLovers lanza un programa para que os negocios locais podan reinventarse en plena crise do coronavirus
Plan Impulsa PonteLovers - Portada

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través da plataforma #PonteLovers, lanzou este luns un programa para axudar ás actividades comerciais de proximidade de Pontevedra a reinventarse e a desenvolver todo o seu potencial nestes difíciles momentos.

Plan Impulsa PonteLoversA iniciativa, que leva por nome Plan Impulsa, estará dirixida por un equipo de profesionais dos máis diversos sectores, coordinados pola especialista en diagnose, estratexia, innovación e tecnoloxía Mariem Filgueira, que aportarán os seus coñecementos para darlles un pulo aos negocios da cidade e impulsar a súa recuperación, analizándoos dende diferentes perspectivas e aportándolles competencias punteiras en áreas como márketing dixital, ecommerce, escaparatismo, visual merchandising, TIC, alianzas e colaboracións, xestión de incerteza, hixiene e saúde, finanzas, fiscalidade, lexislación, sostibilidade ou traballo en equipo.

O plan, posto en marcha coincidindo coa primeira fase da desescalada, desenvolverase tanto a través de accións de mentorización individuais como de sesións grupais destinadas a atopar inspiración e intercambiar experiencias cos responsables doutras empresas e establecementos comerciais do municipio.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, asegura que o apoio personalizado do Plan Impulsa permitirá dar resposta "a cuestións como o xeito de realizar as contas para que o negocie continúe; como facer para aliarse coa tecnoloxía e comunicarse mellor nos medios dixitais; canto custa ter unha tenda online e que outras vías existen para vender de forma non presencial, ou como adaptarse ás novas condicións sanitarias xurdidas por mor da covid-19". "Este proxecto –continúa– está pensado para dar resposta a negocios de tódolos sectores, situados tanto no ámbito urbano como no rural".

Ademais, a edil do PSOE destaca a "flexibilidade" como unha das características máis relevantes deste plan. "O equipo irá adaptándose á demanda e, ademais de mentorías e acompañamentos xerais, desenvolveranse acompañamentos específicos naqueles casos en que sexa preciso", asegura.

Yoya Blanco fai fincapé no feito de que case tódalas persoas que forman parte do equipo do Plan Impulsa "son de Pontevedra" e as demais son galegas, o que "incide na posta en valor do noso tecido empresarial a través de expertos da terra".

Pola súa parte, Mariem Filgueira, apunta que "esta iniciativa busca axudar a comercios, pymes e profesionais a reorientar os seus proxectos empresariais, impulsar a súa continuidade, acompañalos na súa reactivación e darlles osíxeno neste novo paradigma no que nos atopamos".

Todos aqueles hostaleiros, empresarios, comerciantes e profesionais liberais que queiran participar no plan poden pedir información, realizar consultas e inscribirse no correo [email protected] ou no teléfono 625 120 475, así como nos perfís de Facebook e Instagram.