Nacho Carretero: "Ser xornalista de guerra non ten nada moralmente superior"

O reporteiro protagonizou este mércores unha nova entrega do ciclo Conversas na UVigo, entrevistado polo columnista Rafa Cabeleira
Nacho Carretero este mércores, entrevistado por Rafa Cabeleira. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Nacho Carretero este mércores, entrevistado por Rafa Cabeleira. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Igual que un carpinteiro dá forma á madeira para construír un barco, un xornalista recolle información para transformala nunha noticia. Con este símil comparaba este mércores Rafa Cabeleira o oficio de Nacho Carretero, reporteiro en zonas de conflito e autor de libros como Fariña. "A diferenza é que o tipo que fai unha gamela non vai por aí alardeando", explicaba este último, que insistiu na idea de desrromantizar a súa profesión: "Ser xornalista de guerra non ten nada moralmente superior".

O encontro entre o columnista de Diario de Pontevedra e máis o reporteiro de El País, autor do best seller que repasa a historia do narcotráfico en Galicia, tivo lugar no marco do ciclo Conversas na UVigo, que celebrou este mércores unha nova entrega na Casa das Campás. A entrevista comezou repasando a idea de Nacho Carretero sobre a profesión de xornalista, en concreto sobre o reporteirismo en zonas de conflito. "Hai moito romanticismo arredor do xornalismo de conflitos, pero é un oficio como outro calquera que ten que ver con explicar ben as cousas", indicou. Neste sentido, Carretero insistiu no rexeitamento que lle produce a figura do reporteiro "que cre que por ir a certos sitios pode dar leccións de vida".

"O meu traballo axúdame a comprender que vivimos nun mundo con moitos códigos e que os feitos non se poden trasladar ao noso contexto sen máis"

Si recoñeceu que o seu traballo lle permite ter certa perspectiva no seu día a día. "Por exemplo, cando chego a casa no inverno e podo poñer a calefacción valóroo moito porque pasar frío é moi fastidiado", comentou. Ademais, indicou que o seu traballo tamén lle axuda a comprender que "vivimos nun mundo con moitos códigos e que os feitos non sempre se poden trasladar ao noso contexto".

Miguel Ángel Rodríguez (Diario de Pontevedra), Ramón Rozas, Nacho Carretero, Rafa Cabeleira e Eulalia Agrelo (UVigo). JAVIER CERVERA-MERCADILLO
[Miguel Ángel Rodríguez (Diario de Pontevedra), Ramón Rozas, Nacho Carretero, Rafa Cabeleira e Eulalia Agrelo (UVigo). JAVIER CERVERA-MERCADILLO]

Un dos temas que tocou durante a súa conversa con Cabeleira foi o da precariedade na profesión. "Ao principio viaxaba nas miñas vacacións ou facía voluntariados e traía material para reportaxes, pero nunca as vendín, sempre acababan nun blog. Pero incluso despois, cando empezaron a publicarmas, a realidade económica era moi precaria", indicou. Carretero criticou tamén a actitude de compañeiros de profesión que viaxaban a zonas de conflito para logo vender as súas pezas a 50 euros, algo que aconteceu durante a guerra de Siria. "Temos que ter conciencia, se non vai ninguén, o silencio informativo esixiría enviar a alguén por parte dos medios", comentou.

"En Italia ou Sudamérica facíase unha explotación cultural das miserias que aquí non se producía, en Galicia falar de narcotráfico era como afondar en cuestións burlescas"

FARIÑA. O encontro serviu tamén para falar da obra que lle deu maior proxección ao xornalista, o éxito Fariña, que logo se converteu en serie e, tamén, en obra de teatro. "Eu vía que en Italia ou en Sudamérica había unha explotación cultural das miserias que aquí non se producía; aquí falar do narcotráfico era afondar en cuestións burlescas", explicou sobre a orixe do libro. Así, a súa intención foi reunir nunha obra parte da historia máis relevante do fenómeno mafioso e criminal que se produce vencellado ao narcotráfico en Galicia, "con todo o folclore polo medio". En canto ao resultado, "nin podía soñar o que pasou logo".

Sobre as consecuencias do libro, Carretero afirmou que, con el, "rompeuse o tabú arredor do narcotráfico en Galicia, o que fala dunha sociedade máis madura, dun clima máis sano".

"Se algo define o fanatismo é a ausencia de humor, e non fútbol hai moito fanatismo"

A súa seguinte obra tras Fariña versou sobre o proceso xudicial que levou a Pablo Ibar ao corredor da morte en Miami, unha historia á que levaba anos ligado e para a que lle gustaría ter contado con máis tempo para escribir dun xeito pausado. Falou tamén do futuro, e explicou que os seus próximos proxectos pasan polo ámbito audiovisual, un sector "que demanda moitos contidos".

Para rematar, houbo tempo tamén para falar de fútbol. "As veces nas que me acheguei a escribir de fútbol foi cando recibín críticas máis furibundas, mesmo ameazas de morte", explicou. Criticou tamén o fanatismo entre os afeccionados deste deporte. "Se algo define o fanatismo é a ausencia de humor", rematou.

Comentarios