miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Un Nadal que lle dá pulo ao comercio local

Yoya Blanco presentou este venres a decoración de Nadal instalada na Praza de Abastos de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Yoya Blanco presentou este venres a decoración de Nadal instalada na Praza de Abastos de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
Presentando os boletos de compra, poderase montar no tren e nos karts de Ponte Xogos, ademais de comer churros de balde ►Promoción Económica desenvolverá unha completa programación de actividades na cidade e nas parroquias

A Concellería de Promoción Económica e Turismo aproveitará as actividades festivas programadas para este mes para axudar a dinamizar o comercio e a hostalería pontevedresa. Segundo anunciou a edil responsable da área, Yoya Blanco, todas as persoas que merquen no comercio local poderán desfrutar do flamante Tren do Nadal (en funcionamento desde este venres) e da pista de karts que se instalará en Raíña Vitoria, e mesmo degustar churros de balde, ensinando os correspondentes tíckets de compra.

A socialista, que presentou as iniciativas coincidindo coa estrea da decoración do Mercado de Abastos, detallou tamén que, ademais da pista de karts de Ponte Xogos, os cidadáns que se acheguen ata Raíña Vitoria entre o venres 17 de decembro e o domingo 9 de xaneiro poderán atoparse cunha enorme carpa na que se desenvolverán talleres de cultura e deportes urbanos impartidos pola Urban Culture Factory e unha variada oferta de xogos, inchables, obradoiros de cociña creativa, maquillaxe de fantasía, estampado de bolsas, chapas de Nadal, ciencia divertida, globoflexia, manualidades, decoración, contos de Nadal, debuxo, zumba, bailes de Tik Tok, paracaídas, relevos, collage ou tatuaxes, así como, por suposto, de elaboración de cartas para Pai Natal e os Reis Magos.

Aínda que o epicentro das actividades será a avenida Raíña Vitoria e o seu contorno, a programación de Nadal estenderase polas Galerías Oliva, os barrios de A Parda, Campolongo e Monte Porreiro e as parroquias de Ponte Sampaio, Verducido, Lérez, Cerponzóns e Santo André de Xeve. Tamén haberá pasarrúas por diversas zonas da cidade protagonizados por Papá Noel co seu trineo, Faunos de Xeo e outros seres extraordinarios da compañía de performances de Pablo Mèndez.

Propostas para todos os públicos


Ponte Xogos

Do 17 de decembro ao 9 de xaneiro. Haberá unha pista de karts e unha carpa con xogos, inchables e obradoiros: cociña, maquillaxe, ciencia divertida, manualidades, contos de Nadal, debuxo, zumba, bailes de Tik Tok, paracaídas, etc.

Onde: en Raíña Vitoria.
Horario: 11.00 a 13.00 e 16.00 a 20.00.


Talleres de cultura e deportes urbanos

Do 18 de decembro ao 9 de xaneiro. Centraranse en disciplinas en auxe como o skateboarding, o surfskate, o baile urbano, o sup ioga... especialmente pensadas para rapaces de entre 5 e 16 anos.

Onde: Raíña Vitoria e as instalacións da Urban Culture Factory (As Corvaceiras).


Nadal das Galerías

Días 22, 23, 24, 27, 28 e 29. Tres obradoiros diarios destinados a nenos a partir de 3 anos e actividades específicas do Pai Patal os días 22, 23 e 24 de decembro, cun máximo de dez rapaces por actividade.

Onde: Galerías Oliva.
Horario: de 17.00 a 19.00.


Os Barrios do Nadal

Será o 30 de decembo na Parda, o 3 de xaneiro en Monte Porreiro e o 4 en Campolongo. Cada día haberá seis talleres para nenos a partir de 3 anos, máis as acticvidades do Pai Natal.

Onde: Na Parda, Monte Porreiro e Campolongo Horario: de 16.00 a 20.00.


Pasarrúas

A cargo da compañía de Pablo Mèndez, o día 22 os Faunos de Xeo percorrerán a Parda e Papá Noel estará co seu trineo na Praza de España; o día 28 haberá Christmas Cars na Praza de España, a zona da rúa Cruz Vermella e O Burgo; e o día 30 os Christmas Trees encherán Campolongo.


Pai Natal

Días 21, 22 e 23. Santa estará na avenida Raíña Vitoria acompañado de dous elfos e un fotógrafo para recoller cartas e sacar unha instantánea do momento (será o día 21 entre as 16.00 e as 21.00 horas, e os días 22 e 23 de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 21.00 horas).

Onde: en Raíña Vitoria.


Tren de Nadal

Xa en funcionamento. As persoas que merquen no comercio local poderán montar neste máxico tren simplemente entregando os seus tíckets de compra. Tamén poderán degustar gratuítamente os churros do posto que se instalará en Raíña Vitoria.


Poboado de Nadal

Ata o 5 de xaneiro. Integrado por un total de dezasete casetas nas que se poden adquirir bonitos artigos de decoración con motivos propios do Nadal e produtos de alimentación típicos desta época.

Onde: A Ferraría e Paseo Odriozola.


Mercado de árbores

Ata o 5 de decembro. Mercado de árbores vivas de Nadal. A Concellería de Montes colabora coa iniciativa a través do programa Rearborizarte, dándolle a posibilidade ás persoas que merquen un exemplar de plantalo no monte de Tomeza pasadas as festas de Nadal.

Onde: Praza de Ourense.


Animación

Xa en marcha. A caixa dos Trasnos de Nadal, O Apalpador e a Apalpadora Xigantes e a Street Band Nadal son algunhas das moitas propostas de animación de rúa que haberá desde hoxe en diferentes puntos da cidade. Xeración Sónica dará un concerto de Nadal o día 23 ás 19.00 horas na Praza de Ourense.


Cabalgata de Reis

5 de xaneiro. A recepción das Súas Maxestades de Oriente será na Praza de España e a Cabalgata arrincará da rotonda da avenida de Lugo con Virxinia Pereira, ampliando o percorrido e dando a posibilidade de que haxa máis espazo para gozar da visita dos Reis Magos.


Mercadiño de Nadal

Días 4, 5, 7 e 8. Iniciativa da Deputación. Os seus visitantes poderán adquirir nel produtos da provincia, sostibles e de proximidade, Ademais, hai unha zona de degustación.

Onde: Castelo de Soutomaior.
Horario: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Un Nadal que lle dá pulo ao comercio local
Comentarios