O Nadal vai sobre rodas na Boa Vila

A programación municipal de Nadal Pontexogos botou a andar este venres na carpa de Raíña Vitoria. Tamén se puxo en marcha
o Conto de Nadal no Teucro e un novo alumeado na rúa San Román
A concelleira Yoya Blanco preside o acto inaugural da intervención lumínica da rúa San Román. DP
photo_camera A concelleira Yoya Blanco preside o acto inaugural da intervención lumínica da rúa San Román. DP

DA AVENIDA de Raíña Vitoria ata o centro histórico, das galerías da Oliva ao barrio de Monte Porreiro ou as parroquias do rural. Pontevedra arrancou o motor das actividades de Nadal que ata o 9 de xaneiro percorrerán todo o municipio. O programa municipal Pontexogos e o Conto de Nadal da Praza do Teucro xa animan a cidade nestas datas.

Así, este venres achegáronse as primeiras familias ata a carpa instalada en Raíña Vitoria, na que se desenvolven distintos obradoiros de deportes urbanos impartidos pola Urban Culture Factory e unha longa e variada oferta de xogos. Inchables, obradoiros de cociña creativa, maquillaxe de fantasía, estampado de bolsas, chapas de Nadal, ciencia divertida, globoflexia, manualidades, decoración, contos de Nadal, debuxo, zumba, bailes de Tik Tok, paracaídas, relevos, collage ou tatuaxes, así como, por suposto, de elaboración de cartas para Papá Noel e os Reis Magos. E malia que no primeiro día a afluencia foi bastante tímida, agárdase que nesta fin de semana, véspera de Nadal, a carpa, na que se manteñen as medidas de protección covid, se encha de nenos e nenas.

Raiña Vitoria Foto da carpa de Nadal que abre hoxe

Aínda que o epicentro das actividades será a avenida Raíña Vitoria e o seu contorno, o programa de obradoiros estenderase entre os días 22 e 29 de decembro polas Galerías Oliva, aterrando o 30 de decembro na Parda, o 3 de xaneiro en Monte Porreiro e o 4 de xaneiro en Campolongo.

Por outra banda, os tentáculos do programa Pontexogos 2021 estenderanse a partir desta fin de semana por diferentes parroquias en horario de tarde, entre as 16 e as 20 horas. Así, a actividade dará comezo este sábado en Ponte Sampaio, trasladándose o mércores 22 a Verducido, o xoves 23 a Lérez, o xoves 30 a Santo André de Xeve e o martes 4 de xaneiro a Cerponzóns.

Tamén haberá pasarrúas por diversas zonas da cidade protagonizados por Papá Noel co seu trineo.

Teucro A concelleira de Promocion Economica Yoya Blanco inaugura a decoracion do Conto de Nadal de Pontevedra

CONTO DE NADAL. A Praza do Teucro xa é o escenario dun gran Conto de Nadal. A concelleira Yoya Blanco inaugurou na tarde deste venres a decoración de fantasía que narra o Conto de Nadal de Pontevedra, protagonizado por 85 comercios da cidade e creado para darlles visibilidade e incentivar as compras neles durante estas festas.

Entre o mobiliario de Nadal deste relato inclúese unha fermosa árbore e un buzón no que os clientes poderán depositar as participacións entregadas polos negocios adheridos á campaña, tomando así parte nun sorteo de dez cheques regalo por valor de 25 euros cada un para trocar por artigos e servizos en calquera dos establecementos. Dito sorteo terá lugar na Casa da Luz o 7 de xaneiro.

CASA RECTORAL SANTA MARIA Inauguracion mercadillo benefico

Viaxes en tren para apoiar o comercio local
O Tren do Nadal estará a funcionar ata o 3 de xaneiro polo centro de Pontevedra. Ten a súa estación central de saídas na Praza de España, e funciona en horarios de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Para subirse a el unicamente hai que amosar un tícket de compra no comercio local. Sae da Praza de España e percorre Riestra, Augusto González Besada, Praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Pastor Díaz, Riestra, Gutiérrez Mellado, Fernández Villaverde, Soportais da Ferrería, Peregrina, Michelena e retorno á Praza de España.