Nalatcha gaña o Concurso de Escaparates de Nadal de #PonteLovers

Os comercios Sunset Boulevard e Creciendo Juntos Elvi fanse co segundo e terceiro premio

Escaparate de Nalatcha. CEDIDA
photo_camera Escaparate de Nalatcha. CEDIDA

A tenda de roupa de muller Nalatcha, situada na rúa da Oliva, é a gañadora do concurso de escaparates de Nadal impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo a través da plataforma #PonteLovers, en colaboración coa firma Sra. Nona Brand. O establecemento obtivo 1.016 votos.

Os comercios téxtiles Sunset Boulevard (938 votos) e Creciendo Juntos Elvi (828), na rúa Peregrina e nas Galerías da Oliva, fixéronse co segundo e terceiro premio do certame. Participaron nel 96 establecementos e rexistráronse 11.450 votos, emitidos por 9.255 persoas.

A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, salientou o "tremendo nivel de creatividade, imaxinación e traballo despregado polos responsables dos negocios" e a "elevadísima participación" dos cidadáns a través das redes sociais. "Os decorados e instalacións de Nadal que fixeron algúns negocios son tan fermosos que moitos cidadáns subiron ás súas propias redes nestes días escolmas de fotografías dos escaparates que máis lles gustaron", apuntou.

O departamento tamén deu a coñecer os nomes das persoas que obtiveron os 20 cheques regalo por valor de 25 euros que se poden trocar nas tendas inscritas no certame a partir do 2 de xaneiro. Escolléronse, por sorteo, entre os participantes na votación do concurso.