Domingo. 21.04.2019 |
El tiempo
Domingo. 21.04.2019
El tiempo

"Nalgún momento hai que esforzarse máis sendo muller"

Videoconferencia de Begoña Vila con alumnado de cinco colexios. GONZALO GARCÍA
Videoconferencia de Begoña Vila con alumnado de cinco colexios. GONZALO GARCÍA

A astrofísica Begoña Vila conectouse desde a NASA para explicarlle o seu traballo a 300 escolares, que lle preguntaron ata polos extraterrestres

Buracos negros, extraterrestres, a cara oculta da lúa, os traxes de astronauta... A astrofísica galega Begoña Vila enfrontouse este luns a preto dunha vintena de preguntas sen filtro que lle fixeron algúns dos escolares cos que mantivo unha videoconferencia no Pazo da Cultura. Pese ao madrugón que lle supuxo conectarse con Galicia con seis horas de diferenza horaria, a científica especializada no estudo das galaxias espirais non deixou ningunha pregunta no tinteiro, nin sequera aquela que motiva que o luns se celebrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia: "Encontraches compañeiros que che fixeron ver o teito de cristal?".

Vila (Vigo, 1963), enxeñeira de sistemas no Centro de voo espacial Goddar da NASA, onde está ao cargo do control do telescopio espacial James Webb para a toma de imaxes, admitiu que si. Que "nalgún momento hai que facer un esforzo para que te consideren se es muller. Pero hai que continuar perseverando, xa que acabarás conseguíndoo. Hai que romper ese teito".

"Quero pensar que non estamos sós e haberá vida noutra parte", explicou a científica galega, que "por agora" non viu 'aliens'

Condecorada pola NASA –onde traballa desde 2012 tras pasar por Reino Unido e Canadá– coa medalla Exceptional Public Achievement polo desenvolvemento do sensor do James Webb, tamén foi recoñecida pola Xunta, en 2017, co Premio María Josefa Wonenburger, un galardón que lle fixo "moitísima ilusión", segundo confesou este luns ante os 300 estudantes de Primaria que ateigaron o salón de actos do Pazo. Chegaron de cinco colexios do municipio: Parada-Campañó, San Martiño, Ponte Sampaio, Marcos da Portela e Álvarez Limeses.

A conexión coa súa terra natal, nun galego cun punto americano, foi posible grazas á programación que elaboraron o Concello de Pontevedra e o portal GCiencia con motivo da efeméride instituída pola ONU en 2005.

A razón fundamental dos actos do luns, segundo explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carme Fouces, é "rachar cos estereotipos" e "que vexamos que hai referentes de mulleres capaces de liderar proxectos internacionais", polo que avogou por darlle a volta á estatísticas que explican que as nenas empezan a infravalorar a súa capacidade xa desde os seis anos. "Agardo que hoxe sexa un día imborrable para vós".

Fouces animou a alumnos e docentes a "rachar cos estereotipos" para que as mulleres sexan cada vez máis no mundo da ciencia

Abofé que si o foi. Begoña Vila foi aplaudida como unha estrela de rock e mesmo houbo quen case chora por ter rematado a quenda de preguntas. "Tedes que loitar para conseguir a igualdade, porque todos temos as mesmas habilidades", díxolles. Faloulles tamén, nunha linguaxe moi acaída para o público infantil, de como funciona o telescopio Hubble e como "imos mirar o espazo con ollos novos" grazas ao Webb, "tan grande como o voso autobús da escola" e que se prega para poder metelo nun cohete que o leve ao espazo para "mirar as primeiras galaxias, planetas arredor doutros soles, para ver se hai auga, carbono... É algo parecido aos Transformers".

DE AQUÍ Á LÚA. "E queres ir ao espazo cando se lance o James Webb?", preguntoulle Aroa. "Non pode ir unha persoa tan lonxe, vou ter que esperar". Contou que Orión e Casiopea son as súas constelacións favoritas e que entre os seus referentes están as tres matemáticas que, cos seus cálculos, fixeron posible a chegada do home á Lúa e que foron ficcionadas no filme Figuras ocultas.

Confesoulle tamén á cativada que "por agora" non viu extraterrestres, que "ET é unha película moi bonita, aínda que se os atopamos non sei se serán coma el", pero que "quero pensar que non estamos sós e haberá vida noutra parte". Que os buracos negros non son perigosos e que non deben preocuparse pola explosión do Sol, xa que ocorrerá "dentro de milleiros de millóns de anos", pero que si deben ter en conta a necesidade de coidar o planeta Terra.

Outras iniciativas. Da mesa redonda aos obradoiros no CEIP de Barcelos
A programación organizada polo Concello e GCiencia –coa xornalista Mila Alonso como mestra de cerimonias– completouse cunha mesa redonda aberta ao público. Estivo protagonizada por catro prestixiosas científicas galegas: Alicia Estévez, Vanessa Valdiglesias, Elena Vázquez e Isabel Pastoriza.

Na Casa das Campás falaron da relación da muller e da ciencia.

Pequenas científicas
Outras tres investigadoras (Magdalena Cid, Ana Martínez e Olalla Lorenzo) falaron dos seus traballos científicos nas aulas do CEIP de Barcelos, grazas a unha iniciativa impulsada polo colexio e a ANPA.
 

Xa pola tarde, as alumnas foron as protagonistas duns obradoiros de microscopía, minerais e nitróxeno líquido. Un grupo de proxenitores formáronas durante uns días e as rapazas, de 6º, aprobaron o exame con nota. É o caso de María e Irene, namoradas da ciencia e que están seguras de que as mulleres serán cada vez máis neste eido.

 

"Nalgún momento hai que esforzarse máis sendo muller"
Comentarios