Narcos, Fariña, o Xabarín e Chicas Malas inspiran os comicios de Ciencias Sociais

Catro formacións concorrerán ás eleccións ficticias do 19 de abril, un traballo que contará para a nota dunha materia de Publicidade

Sara Bouza, Noelia Fontecoba, Alba Martínez e Ángel Vázquez. DUVI - Ciencias Sociais
photo_camera Sara Bouza, Noelia Fontecoba, Alba Martínez e Ángel Vázquez. DUVI

A-Narcos, O Cártel, Xeración X e Superfabu son as catro formacións que concorrerán o vindeiro 19 de abril ás eleccións ficticias que se celebrarán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que influirán na nota da materia Técnicas de comunicación institucional e electoral, segundo informou o Duvi. Os catro partidos están compostos por grupos de estudantes, que se inspiraron en series de televisión como Narcos e Fariña, programas como o Xabarín Club e no filme Chicas Malas para elaborar o cartel electoral e o nome da formación.

Trátase dunha iniciativa xa tradicional, promovida polo profesor Xosé Rúas para que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos na materia sobre a planificación e desenvolvemento de campañas electorais, que se iniciou este luns coa pegada de carteis. Este mércores celebraranse os mitins e o mércores 18 o debate entre candidaturas. É un "xogo de rol" no que cada partido "ten unha axenda de actividades e unha reunión diaria do seu comité de estratexia para decidir as accións" que desenvolven, explica Rúas. O xoves 19 poderán votar alumnado –agás o implicado–, profesorado e PAS da facultade.

Ademais do recurte da campaña para evitar a súa coincidencia coas eleccións reais da UVigo, outra das novidades é que "hai dous partidos cunha mesma temática, que é a estética narco", relata Rúas. Son A-narcos e O cártel, inspirado na serie Fariña. "Collemos a estética narco porque somos un partido anarquista, non cremos en xerarquías, e porque imos traficar co coñecemento", sinala Alba Martínez, candidata do primeiro, que nesta campaña optará por promover "que se comparta o coñecemento" entre o alumnado.

"Queriamos asociar a nosa idea a algo que estivese en voga", apunta Ángel Vázquez, candidato de O cártel, formación que buscará "que a xente se sinta identificada con nós para reivindicar o que eles non conseguen trasladar ao decanato e ao profesorado". A organización dun coloquio dirixido a achegar consellos ao alumnado de primeiros cursos e dunha actividade de "contrabando de apuntes", así como achegar ao centro un microondas, son algunhas das propostas desta formación.

"Queremos desenvolver a creatividade e tamén a idea de que o éxito pode ser unha cousa diferente para cada persoa", sinala Sara Bouza, candidata de Superfabu, nome inspirado na película Chicas malas. A idea da"Xeración Xabarín" como un xeito de defender "a creatividade e á volta infancia", así como uso do galego, constitúen dous dos eixos da campaña de Xeración X, o partido que presenta a Noelia Fontecoba como candidata. "Queremos solucionar moitas das carencias que vemos na facultade, pero sempre a través das propostas que nos dea o alumnado". Así, proporán cursos e xogos no centro.

Comentarios