lunes. 06.07.2020 |
El tiempo
lunes. 06.07.2020
El tiempo

Laura Bugalho: "A unha nena trans diríalle que loite por ela, polas que veñan, e pola felicidade"

Imaxe do congreso celebrado onte no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Imaxe do congreso celebrado onte no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Pinto e Maragota celebra un novo congreso arredor da diversidade sexual nas aulas ► Activistas como Laura Bugalho, avogadas, médicas e educadoras participaron no encontro

O dereito a unha vida feliz. Nin máis nin menos. Nesa petición poderían resumirse as reclamacións e demandas que se expuxeron este sábado no segundo congreso sobre diversidade sexual nas aulas, organizado por Pinto e Maragota e titulado A diversidade sexual e de xénero nas aulas. Materia pendente?. "A unha nena trans diríalle que loite por ela, polas que virán e, sobre todo, pola felicidade. Nesta vida, que é moi curta, temos que ser felices". Así reivindica Laura Bugalho, histórica do activismo trans en Galicia que este sábado participou nunha mesa redonda do citado congreso xunto a representantes de diferentes xeracións de persoas trans, o dereito a ser en liberdade, seguridade e tranquilidade.

"É importante que se celebren estes congresos pola visibilización. A visibilidade dá unha certa tranquilidade. Ou alomenos debería dala, aínda que os tempos que corren indican que hai que estar alerta polas fobias", sinala Bugalho, que recorda tamén a importancia de que as institucións recoñezan o labor de persoas e movementos que contribúen a ter unha sociedade diferente, mellor, "viva e feliz". Ademais, advirte do risco de perder dereitos e critica as pretensións de certos sectores sociais de "recuar".

Legalidade. A avogada Ada otero falou das carencias das leis e de cuestións que cómpre mellorar no protocolo escolar da Xunta

Porén, si recoñece que duns anos a esta parte se ten camiñado moito na boa dirección. "O que ocorre agora coas crianzas trans era unha utopía para as que temos máis anos", recorda.

Sobre as esixencias e peticións que máis urxen para o colectivo trans, explica que só quere "que nos deixen tranquilas". "Non contaxiamos, ideoloxicamente representamos todo o que hai na sociedade e só buscamos vivir as nosas vidas coa maior felicidade posible", indica. Deste xeito, sinala sectores sociais que, malia os avances, continúan a dificultar o día a día das persoas trans. Refírese directamente ao ámbito médico e educativo. "Isto é algo que me produce moita dor. A clase médica aínda é hostil e o tratamento nas aulas depende moito das capacidades, aptitudes e actitudes da docencia", explica.

Por outra parte, Bugalho reivindica o papel das mulleres trans dentro do movemento feminista. "O xénero é un construtor social, educativo, incluso relixioso. Creo que o temos que deconstruír. As trans somos capaces de deturpalo, quitarlle toda a valía, rompendo o binomio home-muller, creamos novos suxeitos dentro do feminismo e loitamos contra o xénero en canto a roles. A ver se iso queda claro. Nós non estamos a reproducir os roles, en todo caso xogamos con eles e quitámoslles toda a valía como axiomas", sentencia.

Ademais da presenza de Bugalho, que compartiu mesa con Marcos Ceive e Rihanna Currás, na cita de este sábado participaron a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, cunha ponencia titulada Deixar de mirar cara a outro lado e na que presentou os resultados da enquisa sobre LGTBIfobia realizada nos centros de Ensino Secundario e FP da cidade. A continuación interviron a pediatra Inés del Río e a activista LGTBIQA+ e licenciada en Dereito Ada Otero, que abordaron a vertente ética da diversidade de xénero na infancia e a adolescencia e os aspectos máis relevantes no eido legal, respectivamente.

Ponencia. Unha mesa redonda versou sobre casos de éxito no tratamento da diversidade sexual nas aulas

Neste sentido, Otero explicou algunas das deficiencias da lei, así como do protocolo de actuación con menores trans en centros educativos, que, segundo un estudo levado a cabo polo Concello de Pontevedra, non se activa na meirande parte dos casos da cidade. "Ese protocolo prioriza os desexos dos pais sobre os dos fillos e sinala que o profesorado ten que comunicar aos pais calquera expresión de xénero fóra da heteronormatividade, o que supón a creación dunha especie de policía do xénero", apunta a avogada.

Neste sentido, Otero explica que os protocolos deben servir como ferramentas cando se producen estes casos, pero que o fundamental é a formación do profesorado.

Na cita deste sábado houbo tamén unha mesa redonda sobre casos de éxito no tratamento da diversidade sexual nas aulas cos exemplos de varios centros e unha proxección do documental Noite irisada. O broche final púxoo o músico e activista trans Viruta, coa charla concerto Normal é un programa da lavadora.

Brais Fernández, mozo trans: "A dirección do instituto negábase a cambiar o meu nome das listas"

«Puf...!". É a resposta de Brais Fernández, de 17 anos, cando lle preguntan polo papel do seu centro educativo durante o seu proceso de transición. "Non quixeron dar charlas informativas sobre o colectivo trans, e iso que ata eu mesmo me ofrecín a dalas, e a dirección negábase a cambiar o meu nome das listas de alumnado", conta o mozo. Así, Brais aparecía nas listas do centro co seu nome anterior. Estivo nesta situación entre os meses de setembro, a principios de curso, e abril, cando lle entregaron o seu novo DNI. 

Brais relata unha serie de episodios que fan máis difícil que un mozo ou moza trans saia do armario e inicie a transición social para que as amizades, a familia e o resto de persoas do seu entorno acepten a súa identidade. "No meu caso, non foi tan preocupante a actitude dos meus compañeiros, xa que a maioría deles aceptárono ben, senón do profesorado, que en moitas ocasións ten comportamentos moito peores, aínda que poida sorprender", explica o mozo. 

Brais saíu do armario hai case dous anos. A transición ante a súa familia foi fácil, porque amosou o seu apoio dende o principio. Non pode dicir o mesmo dos seus profesores e, cando recorda o cambio, defíneo como unha etapa "bélica" no centro. "Eu tiña uns pais que estaban ao meu lado, pero estou seguro de que se non o fixesen, no instituto tampouco tería atopado apoio", explica. 

Denuncia tamén a falta de clases de educación sexual nos centros educativos e que sempre estean enfocadas nas enfermidades de transmisión sexual ou na colocación do preservativo, pero que obvian cuestións como a diversidade sexual ou a afectividade. "Son charlas que van dirixidas a persoas cis hetero, e hai moita xente que non o somos, polo que temos que buscar a información noutros lugares", apunta. Así, critica que os centros só ofrezan estes contidos cando hai unha persoa trans nas aulas e non antes, o que ofrecería referentes e información a quen vive no ‘armario’. 

Por outra parte, lamenta tamén que haxa certos partidos políticos que queren controlar os contidos nos centros educativos. "É ilóxico pedir que se poña un pin parental para non adoutrinar aos nenos e nenas, cando en realidade iso supón ocultar información aos menores para que eles formen as súas opinións", conta Fernández.

Laura Bugalho: "A unha nena trans diríalle que loite por ela, polas...
Comentarios