As nenas que nos interpelan

A profesora de Belas Artes Silvia García debuta na literatura cunha obra publicada por Chan da Pólvora na que combina imaxes de nenas de distintos lugares do mundo e de distintos tempos con poemas da súa autoría
Portada do libro de Silvia García. DP
photo_camera Portada do libro de Silvia García. DP

Unha imaxe do libro co poema que a acompaña. CHAN DA PÓLVORA"Non deixa de ser un momento moi emocionante e fermoso este no que existe o libro como obxecto, no que un proxecto deixa de ser só un arquivo no ordenador", confesa Silvia García (Cangas, 1973). A profesora de Belas Artes debuta no eido literario con Nenas medrando (Chan da Pólvora, 2020), un título no que se mesturan dúas ducias de fotos de raparigas de distintos lugares do mundo e de distintos tempos con poemas da súa autoría.

O que propón a autora é unha reflexión sobre o proceso de medrar dende un punto de vista feminino. Tamén feminista. "É unha das lecturas que se podería facer da obra, aínda que non era o meu primeiro obxectivo. Pero si que se transloce a miña posición de muller feminista. Entre outras cousas, ao facer unha escolla de fotos onde as nenas aparecen seguras de si mesmas e non se identifican tanto con ideas estereotipadas de fraxilidade e vulnerabilidade".

O proceso que desembocou na publicación de Nenas medrando comezou en 2009, cando Silvia García inaugurou, na Biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago, a exposición Os silencios que comeu Alicia, realizado a partir das fotos que Lewis Carroll tomou de Alice Lidell, a nena que lle inspirou Alicia no País das Marabillas. "Nesas imaxes, a cativa nunca sorrí. A partir de aí, na mostra propuxen unha reflexión sobre o que se traga, o que non dicimos, a incomodidade non expresada", explica a autora. "Comecei a coleccionar fotos de nenas de distintas partes do mundo e empecei a pensar nunha análise académica sobre elas, que aínda hoxe non descarto".

Adquiridas en mercadiños e a través de internet, Silvia García reuniu, ao longo da última década, arredor de 400 fotografías. "Os cambios que se producen ao medrar é un tema do que penso que merece a pena falar. Porque non chega con dicir 'basta de violencia de xénero' ou colgar un laciño. Iso non soluciona nada, aínda que pareza que apuntarnos a estas cousas nos fan avanzar como sociedade. Eu penso que o que nos fai falta é moita pedagoxía. O machismo segue estando moi presente".

Rebélome contra as mensaxes que se lle lanzan ás nenas. Crémonos moi progres, pero seguimos rodeados de estereotipos

Nalgún momento, as fotos que a profesora foi coleccionando mesturáronse cos poemas que ía escribindo, nos que tamén volvía ao proceso de transformación das mozas. "Xuntáronse varias cousas. Por un lado, a reflexión sobre como educamos ás nosas fillas. A miña ten agora 17 anos e houbo un momento no que tiven que pensar sobre como a quería educar. E decateime aí de que o medo segue sendo unha cuestión moi presente, ese 'ten coidado', ese temor ao outro. Pero eu quería educar á miña filla para que aprendese a facer cousas por si mesma, para que viaxase soa, para que descubrise o mundo sen depender de ninguén e sen medo a ninguén. Non creo na idea de educar na ameaza", conta. "Por outro lado, en 2016 tiven un cancro de mama e falando coa cirurxiá da miña operación volvín cavilar nas transformacións que sofre o corpo ao longo da vida. E con esa idea da asimilación da transformación do corpo foi como comecei a acotar os poemas e a escoller aqueles que tiñan que ver coa medranza e coa incomodidade, cuestións que non se adoitan asociar á infancia, da que se mantén socialmente unha idea idílica e estereotipada".

ENCAIXAR. A autora foi encaixando cada imaxe con versos que lle acaían. "Ás veces unha foto disparaba un poema, outras xa tiña o poema e o que facía era buscar a imaxe coa que encaixaba".

No resultado, fotos e poemas parecen interpelar ao lector dende distintos lugares e tempos. "Entre as lecturas que ten a obra hai unha relacionada con aspectos sociolóxicos como son os cambios de etapa: cando ás nenas lles vén a regra, por exemplo. Ese momento é algo que transcende tempo e espazo, todas o vivimos e todas o seguen a vivir", explica Silvia García. "E tamén hai unha lectura achegada á miña experiencia persoal, aos meus sentimentos con respecto á infancia. Porque eu era unha nena que quería facer cousas, que tiña moita curiosidade, que quería vivir moitas experiencias, e que o que recibía eran moitas mensaxes de que a feminidade debería ser máis tranquila, máis pausada, menos faladora, máis pasiva e dócil... Este proxecto é tamén un xeito de rebelarme contra esa mensaxe que se lles segue trasladando ás nenas e mesmo ás adultas. Crémonos unha sociedade moi moderna e moi progre, pero seguimos rodeados dunha chea de estereotipos".

Silvia García presentará Nenas medrando no CGAC o venres 23 de outubro.

Comentarios