Os nenos de categoría Alevín xa poden adestrar nas instalacións deportivas municipais

Tino Fernández dá luz verde á cuarta fase de desescalada do Protocolo de Uso das IDM, que habilita a clubs con categorías de maiores de 10 anos a iniciar os adestramentos e competicións

Tino Fernández, este mércores en rolda de prensa. DP
photo_camera Tino Fernández, este mércores en rolda de prensa. DP

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, asinou este mércores unha disposición pola que se aproba a modificación das fases desescalada do Protocolo de Uso das Instalacións Deportivas Municipais. Deste xeito, o Concello de Pontevedra dá luz verde á denominada cuarta fase de desescalada do Protocolo, na que permite que os nenos e nenas de categoría Alevín poidan empregar dende este mércores as instalacións deportivas para adestrar e xogar.

A Concellería de Deportes vai condicionar a reapertura dos campos e pavillóns para as categorías Alevín, Benxamín e Prebenxamín á presentación dun calendario oficial, "e esta modificación responde precisamente a que nestes momentos xa hai algúns deportes, como o baloncesto, nos que existen calendarios para Alevíns".

O edil socialista lembrou que as instalacións deportivas están abertas para adestramentos e competicións das categorías Infantil, Cadete e Xuvenil e que o Protocolo de Uso das IDM aprobado o pasado 26 de xaneiro "ten como obxectivo principal compatibilizar o uso das mesmas coas medidas que en cada momento adopten o Goberno do Estado e a Xunta para loitar contra a pandemia".

"Dende o inicio do proceso de desescalada ata a data –sinala Fernández– distintos equipos foron comezando a súa actividade ordinaria. Esta progresividade no inicio da actividade axudou a que esta se desenvolvese cun rigoroso cumprimento da normativa por parte das persoas que integran os distintos equipos e, o máis importante, conseguindo que en ningún momento se producisen situacións de posibles aglomeracións puntuais que puxeran en risco aos usuarios e ao conxunto da poboación de Pontevedra”.

Segundo explica o concelleiro de Deportes, mediante a disposición asinada este mércores, "damos paso a unha cuarta fase de desescalada, que habilita aos clubs con equipos correspondentes a deportistas maiores de 10 anos a iniciar os seus adestramentos e competicións".

Tino Fernández subliña que "o pase á fase cuarta, unido ás medidas de prevención específicas marcadas polas autoridades sanitarias e á limitación da mobilidade nocturna (toque de queda), pon a dispoñibilidade das instalacións deportivas ao límite da oferta que se pode realizar e incrementa considerablemente o número de asistentes ás mesmas e, por conseguinte, as interaccións persoais".

Neste sentido, o edil do PSOE insistiu en que haberá un problema de horarios e en que serán os responsables dos clubs os que teñan que decidir as categorías que teñen prioridade para adestrar, xa que o toque de queda é ás 22:00 horas e iso obriga a pechar as instalacións ás 21:30 horas, cando en circunstancias normais pecharían entre as 23:30 e as 00:00 horas.

Comentarios