Os nenos do campus de verán do Pontevedra CF visitan o Mercado de Abastos

Tamén coñeceron as lendas que se agochan nas prazas da cidade
Yoya Blanco, cos rapaces na entrada do Mercado de Abastos. DP
photo_camera Yoya Blanco, cos rapaces na entrada do Mercado de Abastos. DP

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, achegouse este mércores ata a entrada principal do Mercado de Abastos para saudar a 24 nenos inscritos no campus de verán do Pontevedra CF que participaron nunha das visitas guiadas organizadas por Turismo de Pontevedra.

Divididos en dous grupos (por idades) e conducidos polas técnicas Raquel e Eva, os rapaces coñeceron a historia e lendas que se agochan en diversas prazas da cidade, como Méndez Núñez, Mugartegui, Verdura ou Teucro, así como das súas personaxes máis senlleiras, desde Valle-Inclán ao pirata Benito Soto.

Yoya Blanco asegurou que "a participación dos máis pequenos neste tipo de visitas guiadas é un novo paso cara a normalidade, xa que as técnicas me comentaban que se sentían estranas e ledas ao mesmo tempo por volver traballar con nenos outra vez, e supón un xeito inmellorable de que a rapazada coñeza a súa cidade de maneira divertida".