Os neoiorquinos Barbez actuarán en San Domingos

A Deputación trae á capital da provincia ao grupo que recuperou temas das Brigadas Internacionais

Imaxe promocional de Barbez
photo_camera Imaxe promocional de Barbez

For those who came after: songs of resistance from the Spanish Civil War é o título do último traballo do grupo neoiorquino Barbez, que o sábado 21 de xullo actuará en Pontevedra, no que é o único concerto que teñen programado en España, segundo informa a Deputación Provincial. A actuación terá lugar ás 20 horas nas Ruínas de San Domingos e a entrada será de balde.

"É un luxo ter a oportunidade de encaixar este concerto na mesma semana que tivo lugar o alzamento fascista do 36 e cun grupo como Barbez, formado por músicos e músicas de primeira categoría, e que homenaxea a persoas que loitaron contra a barbarie e contra a inxustiza daquel momento", asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, en palabras facilitadas pola Deputación, ao respecto da actuación, que se enmarca nas iniciativas que a institución realiza ao longo de todo o ano encardinando accións culturais coa reparación da Memoria Histórica.

de brooklyn ao sinsal. Barbez é unha formación creada no ano 1997 en Brooklyn e que recorre a estilos musicais como o rock experimental, a música clásica, ou ritmos folclóricos como a cumbia e o flamenco para versionar temas icónicos como L'Internationale ou Viva la Quince Brigada e adaptalos ao público actual. En 2008 xa estiveran en Galicia, dentro do ciclo Espazos sonoros, que organizaba o colectivo Sinsalaudio. Daquela actuaran no Museo do Mar de Vigo.

O álbum que presentarán en Pontevedra foi gravado en vivo na Japan Society, en 2016, na xuntanza anual de veteranos da Brigada Abraham Lincoln, un evento que se celebra en New York desde a década de 1940. O máis destacado destas reunións sempre foi a interpretación das cancións protesta das Brigadas Internacionais, que foi dirixida en varias ocasiones por Pete Seeger, un amigo de toda a vida dos veteranos de Lincoln, quen gravou moitas delas para o seu icónico álbum de 1944, Songs of the Lincoln Battalion.

"Hai que lembrar que as Brigadas Internacionais estaban formadas por milleiros de voluntarios de máis de 50 países que viaxaran a España para loitar contra o fascismo, entre os que se atopaban os 2.800 estadounidenses denominados a Brigada Abraham Lincoln", explica a Deputación.

Barbez está composto polo clarinetista Peter Hess, a intérprete de theremin Pamelia Stickney, o intérprete de marimba e vibráfono Danny Tunick, o guitarrista Dan Kaufman, a violinista Catherine McRae, o baixista Peter Lettre, e o batería John Bollinger.

Comentarios