Cecilia Paredes e O'Ras abren en Pontevedra o estudio Culebra

Cecilia Paredes e O'Ras abren este sábado o estudio Culebra, un espazo que tamén funcionará como tenda e taller ►Aspiran a converterse nunha referencia do underground pontevedrés
Cecilia Paredes e O'Ras, este venres, diante do seu local. RAFA FARIÑA
photo_camera Cecilia Paredes e O'Ras, este venres, diante do seu local. RAFA FARIÑA

Culebra StudioNa porta do antigo taller mecánico que ocupa a esquina entre a rúa San Antoniño e a praza de Barcelos apareceu, hai uns poucos días, un gran graffiti no que se pode ver a cabeza dunha serpe. Enriba lese: Culebra Studio. Este sábado inaugúrase alí, cunha festa na que estarán pinchando distintos DJ, un novo espazo, de 160 metros cadrados, que aspira a se converter nunha referencia do underground pontevedrés.

Detrás da idea está Cecilia Paredes. "Culebra é unha marca que creamos o meu irmán [o debuxante e músico Santiago Paredes] e eu en 2018. Dende entón, o proxecto foi evolucionando e medrando. Agora está tamén dentro O'Ras [grafiteiro], que é quen abre este local comigo", explica. "E, a maiores, forman parte del Lúa e Belén, de Volta Estudio, que son as encargadas da serigrafía".

Segundo conta, a marca naceu para darlle saída ás inquedanzas creativas que tiñan os dous irmáns, que comezaron no mundo do deseño e da moda buscando alternativas ás propostas comerciais. "Para os dous sempre foi complicado atopar roupa que encaixara coa nosa estética, co noso estilo. Hoxe é moito máis sinxelo, pero daquela só podías recorrer ao do it yourself do punk: facelo ti mesmo. Así que customizabamos cazadoras, pintabámolas a man, modificabamos prendas...", lembra. "A partir de aí xurdiu a idea de crear unha marca en serio e poder sacar deseños coa nosa propia estética. Os dous somos súper caóticos, pero súper creativos, e todo coincidiu en Culebra". Baixo o mesmo selo tamén desenvolven traballos de deseño de todo tipo.

Cecilia Paredes: "A idea é escapar do concepto de tenda impersoal, no que só se ofrecen fotocopias, cara outro no que comprar perop tamén aprender e divertirte"

A marca comezou a vender por Internet e en eventos como festivais e mercadiños. E comezou a funcionar. "Pero chegou un punto no que seguir traballando na casa, co stock alí e todo o demais, era inviable. Decidimos que o mellor era contar cun espazo físico propio". O que non querían era simplemente abrir unha tenda.

Por unha banda, Cecilia Paredes quería volver traballar con roupa de segunda man. Xa o fixo hai anos en Pontevedra. Súa era a tenda La Casa Winchester, toda unha referencia cando abriu en 2010. "Eu sempre seguín interesada en traballar co vintage e neste espazo poden convivir a parte de deseño de Culebra coa de moda vintage". Insiste niso, aínda recoñecendo que, mentres tivo o outro establecemento, constatou que usar roupa de segunda man non acababa de callar socialmente. "Hoxe é diferente. Penso que a cousa evolucionou bastante. Cando eu empecei era moi complicado. En Galicia non existía esta cultura. Todo eran reparos. Sen embargo, hoxe o concepto vintage é ata cool". Por outra banda, a súa idea pasaba por montar un espazo no que tamén tivese cabida a arte urbana, da man de O'Ras, e que lle permitise facer máis cousas: dende talleres a accións culturais de diferente tipo. Sempre no ámbito do underground.

A maiores, Culebra mantén o compromiso sostible co que naceu. "Só traballamos con materiais orgánicos e reciclados, e con proveedores téxtiles co certificado de comercio xusto", sinala.

OBRADOIROS. "O obxectivo é converternos nun punto de encontro, que o espazo acolla obradoiros, presentacións de libros ou música en directo... É unha tenda e un estudio, pero tamén un espazo cultural ao que convidaremos a outras persoas a desenvolver proxectos de todo tipo, de xoeiría a cerámica pasando por escritura", di. "A idea é escapar do concepto de tenda de cadea comercial impersoal no que só se ofrecen fotocopias. Nós queremos un espazo no que podes vir mercar, pero tamén aprender ou divertirte".

A propietaria remata: "Facemos moitas cousas e queremos facer aínda máis. A nosa aspiración é que Culebra sexa un espazo multidisciplinar no que convivan a cultura, a moda e a arte".