Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

En ningún sitio como nos museos

Un momento do espectáculo A Consagración da primavera no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Un momento do espectáculo A Consagración da primavera no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un espectáculo da Escola de Arte Dramática de Galicia no Sexto Edificio e un concerto do Seminario Permanente de Jazz no CITA serven para celebrar o 18 de maio

Pasou o Día das Letras Galegas e chegou o Día dos Museos. Un espectáculo inspirado nunha coreografía de Pina Bausch no Sexto Edificio e un concerto do Seminario de Jazz no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) foron os dous actos centrais da conmemoración do 18 de maio en Pontevedra.

A Deputación Provincial volveu convidar á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) a celebrar o Día dos Museos na capital da provincia. Unha trintena de estudantes, segundo os promotores do espectáculo, participaron na posta en escena de "A consagración da primavera", obra cume dunha das creadoras máis influíntes da escena contemporánea europea do século XX, que aquí se baseaou na composición musical homónima de Ígor Stravinski do ano 1913.

«Trátase dunha proposta que pretende amosar un traballo de integración de danza, teatro e música a partir da xa mítica coreografía creada pola bailarina e coreógrafa alemá Pina Bausch no ano 1975 para a Wuppertal Opera Ballet, que máis tarde rebautizaría como o Tanztheater Wuppertal», explica a Deputación. A coreografía puido verse ás sete da tarde e ás nove e media da noite.

Ademais, o Museo de Pontevedra, que permaneceu aberto ata a medianoite de xeito extraordinario, incluíu na súa oferta, co gallo da xornada conmemorativa, visitas guiadas especiais ás coleccións dos edificios Sarmiento e Sexto (en diferentes horarios de mañá e tarde) sen necesidade de inscrición previa.

"A consagración da primavera" que se puido ver este sábado, aínda que adaptada para estudantes de interpretación, respecta as dúas partes nas que se basea a partitura musical e a coreografía orixinais: "A adoración da terra", que se representou no primeiro andar do inmoble, e "O sacrificio" que se escenificou no hall de acceso ao edificio.

CARÁCTER PEDAGÓXICO. Proxecto de carácter pedagóxico a cargo dos docentes David Mortol (escenografía) e Ángeles Gayoso (danza para actrices e actores), contou coa participación tamén dunha alumna de cuarto curso de Dirección Escénica.

Pola súa banda, o CITA, que depende do Concello, acolleu, ás oito da tarde, un concerto do Seminario de Jazz. Ademais, ampliou a celebración do Día dos Museos ata hoxe, ao manter a xornada de portas abertas de 10.00 a 14.00 horas. O acceso ao centro vén sendo gratuíto dende o pasado venres, co gallo da conmemoración.

En ningún sitio como nos museos
Comentarios