Noites Abertas volve cun cento de propostas e aposta pola igualdade

O ciclo desenvolverase durante oito fins de semana entre o 31 de xaneiro e o 4 de abril
Oubiña xunto a parte do equipo de Noites Abertas na presentación do luns. DAVID FREIRE
photo_camera Oubiña xunto a parte do equipo de Noites Abertas na presentación do luns. DAVID FREIRE

Noites Abertas está de volta. O ciclo de actividades para encher as axendas da mocidade os venres e os sábados en horario de tarde-noite de "lecer alternativo" cumpre 21 edicións renovando a súa oferta "para adaptarse á actualidade", segundo explicou este luns o edil de Xuventude, Alberto Oubiña, na súa presentación.

Serán 16 xornadas en oito fins de semana, entre o 31 de xaneiro e o 4 de abril, nas que se desenvolverán 95 actividades en 204 sesións. Para facelo posible a Concellería conta cun equipo de 135 persoas entre monitorado, coordinación, control e promoción da igualdade. Oubiña apuntou que esta semana a xente de Ibuprofeno Teatro estará promocionando Noites Abertas nos centros de ensino da cidade e que tamén a conta de Instagram será "unha peza fundamental" para dar a coñecer as actividades mediante vídeos explicativos.

Entre o amplo programa de propostas (noitesabertas.gal) atópanse "dende as clásicas que sempre funcionan, como a billarda", ás máis actuais, caso dos talleres para elaborar bioiogures de sabores, robots de baixa tecnoloxía ou as sesións de esgrima ou loita escénica con sabres láser.

O director de Noites Abertas, Nacho Márquez, e a axente de igualdade Vicky Estévez destacaron a importancia do laboratorio feminista, "unha proba dos noso compromiso coa igualdade", que se desenvolverá en tres sesións: teatro, activismo xuvenil e storytelling ou "saber contar unha historia para empoderar á xente". Do activismo encargarase a asociación Youth can act, segundo explicou Gyanina Alfaya. "Veremos como o activismo pode cambiar a realidade. A xuventude quere facer cousas pero non sempre sabe como".

Noites Abertas está pensado para persoas de entre 12 e 30 anos, aínda que algunhas actividades teñen un rango de idade máis específico. Todas son de acceso gratuíto e tampouco é precisa a inscrición previa agás en seis delas, un trámite que deberá facerse a través de web. No caso das propostas que teñan límite de prazas realizarase un sorteo de haber máis participantes. Haberá deporte, cociña, roteiros, música...

As actividades desenvolveranse en varios espazos como os campos de herba sintética da Xunqueira, o colexio Froebel, o local de Música, a Casa Azul ou a Casa da Luz.