En nome de Josefina Arruti

O Concello de Pontevedra coloca na avenida de entrada á cidade que leva o nome da veciña represaliada un panel coa súa biografía
José Ángel e María del Carmen Fernández-Arruti, acompañados doutros familiares e xunto a Lores e Moreda. DAVID FREIRE
photo_camera José Ángel e María del Carmen Fernández-Arruti, acompañados doutros familiares e xunto a Lores e Moreda. DAVID FREIRE

É unha historia familiar que forma parte da historia de Pontevedra. "Que la conozca más gente", dixo Alberto Arruti, este venres, na instalación dun panel do Concello en homenaxe á súa bisavoa, Josefina Arruti, veciña represaliada, que ficou na cidade con tres fillos pequenos cando, en 1936, o que era o seu home, o primeiro alcalde republicano da capital da provincia, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, se exiliou en México, onde refixo a súa vida con outra parella. Ela, aquí, pasou 18 meses presa no cárcere da Audiencia e dous anos en arresto domiciliario. Dende agora, unha pequena biografía, na rúa que leva o seu nome, lembra quen era.

"El de hoy es un acto de justicia con una persona tan buena como lo fue mi madre", comentaba ao rematar o acto José Ángel Fernández-Arruti. "Aún hoy es el día que no entiendo cómo y por qué la metieron en la cárcel. Con el agravante de que no consta su salida y no se pudo confirmar el momento de su puesta en libertad, así que no recibió ninguna indemnización. Nunca fue compensada. Ella, que pasó año y medio en la cárcel, y dos años más en arresto domiciliario". El e os seus irmáns pequenos, María del Carmen e Manuel, padeceron tamén oito meses de encerro na casa. Sen xustificación.  "Teníamos 8, 6 y 4 años. Finalmente pudimos volver a salir gracias a una intervención de los padres franciscanos»"

Fernández-Arruti confesa que nunca entendeu por que a súa nai acabou na cadea e que lle gustaría ter sabido quen deu a orde de detela. "Yo ya estoy en el aterdecer de mi vida, pero me voy de este mundo con una gran pena: no saber quién fue el que dio la orden de encarcelar a mi madre. Espero que, algún día, se descubra".

HOMENAXE. María del Carmen Fernández-Arruti tamén asistiu ao descubrimento do panel xunto a outros membros da familia. "Este es un homenaje precioso que sirve para darle a mi madre la importancia que se merece. Con ella se cometieron muchas injusticias, muchísimas. Pasó por muchas cosas a lo largo de su vida".

O exemplo de Josefina Arruti tense moi presente dentro da familia precisamente grazas aos seus fillos, como lembrou Alberto Arruti, que decidiu ficar só co apelido da súa bisavoa. "La bisabuela ha sido para todos nosotros un gran ejemplo de fortaleza y de capacidad de sobreponerse a las dificultades. En nombre de la familia, yo quiero dar las gracias al Concello por este homenaje. Y al abuelo José Ángel y su hermana Carmiña, por mantener viva la memoria de su madre".

A instalación do panel de homenaxe a Josefina Arruti na avenida que leva o seu nome forma parte do programa de actuacións que o Concello de Pontevedra está acometendo para recuperar a súa figura en concreto e a das mulleres en xeral. Lembrouno o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que acudiu ao acto acompañado do concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda.

"É un motivo de orgullo que o acceso á cidade dende a avenida de Vigo leve o nome de Josefina Arruti e, dende agora, que esta placa sirva para dar a coñecer a súa vida máis en profundidade", dixo o alcalde. "As mulleres, que son a metade da poboación, estaban desaparecidas do rueiro. É fundamental recuperar a súa historia e facelas visibles no espazo público".

Comentarios