En nome de Virxinia Pereira

Unha muller galeguista e republicana substitúe no rueiro local ao rei emérito Juan Carlos I ►É o sétimo cambio de nome dunha vía dende que Lores é alcalde ►A que fora muller de Castelao recibe a honra do Concello despois dos nomeamentos de Rosalía de Castro en 2002, Josefina Arruti en 2015, Amalia Álvarez en 2016 e María Victoria Moreno en 2018
Virxinia Pereira Renda. MUSEO DE PONTEVEDRA
photo_camera Virxinia Pereira Renda. MUSEO DE PONTEVEDRA
Unha muller galeguista e republicana substitúe no rueiro municipal ao rei emérito Juan Carlos I. O de Virxinia Pereira é o sétimo cambio de nome que se fai nunha vía de Pontevedra dende que Miguel Anxo Fernández Lores é alcalde, cargo ao que chegou en 1999.

Os cinco primeiros efectuáronse durante o primeiro mandato do rexedor, no que o BNG gobernaba en solitario. En outubro de 2002 aprobouse, cos votos a favor do PSOE e co rexeitamento do PP, a eliminación de figuras vinculadas ao franquismo: Salvador Moreno pasou a chamarse Rosalía de Castro, Calvo Sotelo rebautizouse como Avenida da Estación, a glorieta de Paco Leis converteuse na Praza de Campolongo, Bernardino Fondevila cambiouse pola Rúa da Seca e Irmáns Vázquez Lescaille pasou a denominarse Rúa do Rouco.

A última modificación no rueiro pontevedrés tivo lugar en 2018, cando o ex ministro franquista José María Fernández Ladreda y Menéndez Valdés desapareceu do mapa viario local. A súa avenida pasou a chamarse María Victoria Moreno. A escritora extremeña, que viviu durante 40 anos en Pontevedra, onde traballou como mestra, foi homenaxeada aquel mesmo ano en Galicia con motivo do Día das Letras.

O nomeamento de Virxinia Pereira Renda, apoiado polo BNG e o PSOE no Pleno do luns pasado e rexeitado pola oposición, co PP á cabeza, que considerou a iniciativa un agravio contra Juan Carlos I, vén de ser comunicado aos organismos correspondentes para os pertinentes cambios postais, catastrais ou fiscais.

MULLERES. A que fora muller de Castelao e principal valedora do seu legado estivo moi vinculada a Pontevedra, cidade na que viviu. A ela débeselle que a obra artística do que está considerado como un dos pais do nacionalismo galego acabase no Museo Provincial.

Pereira (1884-1969) recibe a homenaxe póstuma do Concello despois dos nomeamentos doutras catro mulleres ás que, nas últimas dúas décadas, se lles concedeu unha rúa ou unha praza: Rosalía de Castro en 2002, Josefina Arruti en 2015, Amalia Álvarez en 2016 e María Victoria Moreno en 2018.

O Concello seguirá empregando nomes de mulleres destacadas para seguir feminizando e galeguizando vías urbanas, parques, xardíns e edificios públicos da cidade, tal e como quedara aprobado no Pleno de xullo de 2015. Aquel acordo incluía unha listaxe na que figuraban 31 personalidades de distintos eidos: profesoras, pioneiras, empresarias, artistas, benefactoras, navegantes ou menciñeiras.

Un dos acordos que quedan por realizar, anunciado hai xa dous anos, é que os novos viais de Tafisa leven os nomes de Ernestina Otero, Vasquida García e Dolores Trabado. Tamén está pendente que María Vinyals presida o parque hai fronte á sede da Xunta en Campolongo.

HONRAS. A supresión da pegada da ditadura levou ao Concello a plantexarse a retirada doutros nomes do rueiro, como o de Leandro del Río Carnota, cura de Lérez, e o de Javier Puig, quen fora alcalde de Pontevedra e presidente da Deputación. Finalmente, a súa relación co franquismo non quedou acreditada e a súa substitución non se executou.

Ademais de eliminar a Juan Carlos I do mapa viario, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, anunciara accións para retirarlle outras honras ao monarca, do que chegou a dicir que o seu "pai e mentor" fora Franco. Na actualidade, o rei emérito ten a súa sinatura, xunto á de Dona Sofía, no Libro de Honra da cidade. A rúbrica dos Reis de España, do 26 de xullo de 1976, foi a primeira deste volume municipal.

Comentarios