Os nomes propios da literatura, protagonistas das Xornadas de Onomástica

Nun acto no pazo provincial, a Deputación de Pontevedra, a RAG e o Museo de Pontevedra ratificaron a elección do tema deste ano
Xosé Manuel Rey, Víctor Freixanes, María Ortega e Ana Boullón, no acto deste martes da Deputación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Xosé Manuel Rey, Víctor Freixanes, María Ortega e Ana Boullón, no acto deste martes da Deputación. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Camiño de Santiago, grande protagonista da sexta e ata agora derradeira Xornada de Onomástica Galega, xa ten herdeiro para a edición deste ano: os nomes propios da literatura galega, así como os porques da súa elección e o seu uso, serán o tema central da séptima edición desta iniciativa coordinada pola Real Academia Galega. A Deputación e o Museo de Pontevedra repetirán, unha vez máis, como colaboradores dun proxecto que, en palabras de Víctor Freixanes, cada ano esperta máis interese e aumenta a súa capacidade de convocatoria.

A VII Xornada de Onomástica foi anunciada este martes no pazo provincial, nunha rolda de prensa na que o propio Víctor Freixanes, director da RAG; a académica da RAG e coordinadora das xornadas, Ana Boullón; o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey; e a Deputada de Lingua, María Ortega, foron as voces encargadas de arroxar luz sobre esta nova edición. Unha edición que, ademais, xa ten data concretada: o quince de outubro será o día elixido, co Museo de Pontevedra como anfitrión, para a realización do evento, que tamén se poderá seguir a través dun servizo de streaming na propia páxina da RAG.

O programa arrincará o sábado 15 de outubro ás 10.30 horas coas intervencións de tres investigadores de prestixio. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse a continuación Bieito Arias Freixedo (Uvigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

Xa pola tarde, os escritoras Berta Dávila, Fina Casalderrey e Marcos Calveiro protagonizarán unha mesa redonda conducida pola académica e tamén autora Marilar Aleixandre, na que compartirán como escollen os nomes dos personaxes das súas obras. Pechará a xornada outro escritor, o vigués Xosé María Álvarez Cáccamo, cun acto poético baseado na súa obra "Cántico dos topónimos esdrúxulos".

Comentarios