"Non busco enfrontamentos, se hai un problema débese resolver con consenso"

A ex alcaldesa de Moraña cambiará as vistas de Santa Lucía polas da sede administrativa de Campolongo sen medo a representar ao Goberno autonómico nun dos momentos máis complexos da historia
Luisa Piñeiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Luisa Piñeiro. RAFA FARIÑA

A piques de dar o salto ao seu novo posto, Luisa Piñeiro Arcos, non renuncia a atender en Moraña aos medios, nin a expresar a pena coa que deixa a Alcaldía deste municipio, que levará "nunha esquiniña do meu corazón"

Como lle chegou a noticia da súa designación para ser a nova delegada da Xunta?

Foi unha sorpresa para min. Chamoume o vicepresidente Rueda e mantiven unha reunión ese mesmo día con el. O que menos pensaba é que me ía propoñer este tema, quedei en shock

É un paso natural, de alcaldesa a ‘superdelegada’, ou un gran salto?

Si que impón o posto. É un cargo de moita responsabilidade, pola cantidade de áreas que engloba da xestión do Goberno autonómico. Pero tamén o vexo como un posto moi cercano, con unha xestión moi directa e conectada co municipalismo. Eu sempre pensei que os alcaldes e alcaldesas somos os que mellor coñecen os problemas da veciñanza. Un delegado ou delegada ten que coñecer de primeira man todos os problemas da poboación, e que mellor que alguén que pasou por unha alcaldía.

Ademais, unha alcaldesa do interior. Tamén levará na maleta os problemas do rural?

Tal e como eu o vexo, hai concellos de costa e interior, máis poboados e menos. Hai unha serie de problemas que son comúns a todos, e outros propios de cada un. A min tocoume gobernar un concello de interior e na miña maleta sempre levarei a Moraña alá onde vaia e os problemas dos concellos coma o noso.

Sacando a pandemia, pódese falar de prioridades nas áreas que xestionará?

É bastante difícil facelo. O principal problema que temos agora é a saúde e penso que é a prioridade de todos. Iso leva asociado que toda a nosa economía se vai a ver moi alterada. A área de Servizos Sociais e a de atención ás necesidades da cidadanía serán tamén de gran demanda. Xa como alcaldesa vin que eses eran os puntos que máis había que traballar. Agora estamos tamén inmersos na volta ás aulas e hai moita preocupación. Todos estamos levando a cabo os traballos o mellor posible.

Como valora aoseu antecesor, José Manuel Cores Tourís?

Cando unha persoa leva nun posto once anos once anos, coma el, é por algo. Se non fixera un gran traballo, non estaría tanto tempo no cargo. Moraña tivo unha gran axuda nestes anos da Xunta, gracias ao apoio do presidente, pero tamén a través de Jose Manuel Cores Tourís. Para cada problema que eu lle trasladaba, nunca tiven unha resposta negativa. Cónstame que así sucedeu cos outros concellos. Dá igual a cor política dos alcaldes, que todos lle teñen ese agradecementoe respecto. Sempre foi un home de moito consenso e moi implicado con todos os concellos da área.

Logo deixa marcada unha liña a seguir?

seguir? Todos os que me coñecen poden dicilo: eu tamén son persoa de diálogo. Non busco enfrontamentos e penso que cando hai un problema, débese resolver con consenso e diálogo. A man estará tendida para todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos que nos toque representar.

Cales serán os primeiros puntos da súa axenda de superdelegada?

Tomo posesión mañá ás 10.00 horas e dinme que ás 12.30 teño una acto en Pontevedra, nunha senda peonil en Alba.

Como será a relación coa capital?

A miña relación co Concello de Pontevedra será boa. Eu encoméndome ao posto tendendo a man a todos. E tamén será cordial. Coñezo a algún membro do Goberno, ao alcalde, e non son persoa de conflitos.

Coincidindo co seu perfil profesional poderá traballar polo medio rural?

Da miña profesión (enxeñeira forestal), tamén saco vagaxe para as áreas nas que imos traballar. O interior ten moito que dicir. Este momento de crise sanitaria está a facer que os veciños aprecen o valor de volver ao rural. A Xunta xa fai políticas de recuperación do rural moi potentes e tamén creo no valor da xestión forestal ante o panorama que se presenta.

José Cela será o seu sucesor como alcalde. Cal é o seu perfil?

Empecei con el en 2010 e é da miña confianza total. Pero para ser honrados, somos un grupo moi consolidado, de sete concelleiros que levamos tempo traballando xuntos e no que se dá ese nivel no que calquera podería asumir o posto. José é unha persoa próxima, de gran dispoñibilidade e con dez anos de experiencia. Entre todos decidimos que reunía el os requisitos necesarios.

Que destaca deste periplo como alcaldesa?

Podería facer un resumo de todo o que fixen en Moraña, pero chegado este punto só podo dicir que me vou con moita pena e que o máis importante é o cariño e aceptación dos veciños. A confianza de moitos aos que xa coñecía e outros aos que coñecín xa sendo alcaldesa.

A veces custa elixir unha obra da que se está orgullosa...

Eu elixo a restauración do edificio do mercado. Fixéronse moitas obras en Moraña. Algunha, se cadra, máis grande ca esa, pero a que me encantou e ilusionou máis foi a rehabilitación, porque me parecía imposible conseguir todos os fondos e que se fixera todo aquilo e porque me entusiasmou.

"Só os que estamos cerca sabemos o que traballa, vive e padece o sector da Sanidade"

A Sanidade está ser un motivo de queixa xeralizada entre a cidadanía, agudizada pola pandemia. Cal será a resposta ou a folla de ruta ante isto?

Só os que estamos cerca sabemos o que traballa, vive e padece este sector. Temos unha moi boa Sanidade en Galicia. Das mellores. En Moraña hai días nos que pode haber retraso de citas, e as baixas dos médicos e as vacacións son inevitables. Con 45 anos que teño, veño vendo isto desde sempre. Faleino nas reunións dentro do centro médico neste concello e agora terei, supoño, as mesmas reunións a outro nivel. O que nos transmiten é que hai escasez de médicos e pediatras. Creo que entre todos temos que loitar para que o Goberno central nos amplíe o número de prazas anuais para formar a médicos e incrementar ese número de efectivos. A verdade é que é un momento complicado, crítico, cunha prioridade fixada na pandemia: contaxios, illamentos, cuarentenas, seguementos... Isto colleunos por sorpresa a todos, pero desde logo, non hai máis que ver que a xestión que se fixo da crise sanitaria en Galicia: tanto o meu compañeiro Sito (Jesús Vázquez Almuiña), e agora Julio (Comesaña), foron exemplares. Haberá cousas que debamos cambiar ou repensar para ir mellorando, pero estivemos ante problemas graves, e se toda España miraba a Galicia entón é por algo. O obxectivo da responsabilidade que vou asumir será o de resolver os problemas e abordar todo o que non funciona.