domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

"Non concibo ser muller sen ser feminista"

Paula, Amalia, Jennifer, Cristina e Rocío, na Ferrería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Paula, Amalia, Jennifer, Cristina e Rocío, na Ferrería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Fixéronse adultas á vez que o feminismo acadaba protagonismo ► Un grupo de mozas falan do que significa ser muller 

Teñen entre 21 e 26 anos, son do rural ou da cidade, con diferentes profesións e perfís, pero hai algo que as une: cren no feminismo. Declararse abertamente feminista hai escasamente un lustro non era tan habitual como en 2021, tras anos de manifestacións e unha folga histórica que puxo de actualidade as desigualdades entre homes e mulleres. Toda unha revolución que coincidiu coa chegada á vida adulta dunha xeración de mozas que consideran que o feminismo vai xa implícito no seu ser. "Eu non concibo ser muller sen ser feminista". 

Explícao Amalia Alfonsín, pontevedresa de 21 anos que estuda Publicidade. "Ser muller é ser activista, porque a nosa é unha loita constante, no día a día", conta a moza, que milita en colectivos polos dereitos LGTBI. Para Rocío Varela, administrativa de 23 anos de Caldas de Reis, "o feminismo está en auxe e fíxonos decatarnos de moitas cousas nas que antes non pensabamos, é un movemento totalmente necesario". Tamén Paula Losada (21 anos), militante de Nuevas Generaciones do Partido Popular se considera feminista, como Jennifer Iglesias, da aldea de Carrecedo (Caldas de Reis), que ten 24 anos e milita no Colectivo Feminista de Pontevedra dende 2018. "Dende os catro anos teño contacto con asociacións de mulleres organizadas porque miña nai fundou un colectivo de mulleres rurais", conta a moza. Pola súa parte, a Cristina de Jesús (26 anos, Campelo), a súa condición de muller e xitana supón unha carreira de obstáculos para algo tan básico como atopar traballo. "Ser mujer, gitana y querer trabajar es muy dicífil", explica.

Aínda que todas consideren a igualdade entre sexos como unha meta irrenunciable, o xeito de acadala non é para todas o mesmo. Por exemplo, non todas participaron nas mobilizacións do 8-M en anos anteriores. "Yo pensé en ir, pero no estaba de acuerdo con la forma en la que se organizaba la manifestación, creo que los partidos políticos se apropian mucho del movimiento", conta a militante do PP Paula Losada.Tampouco Rocío Varela nin Cristina de Jesus foron as mobilizacións de anos anteriores, aínda que comparten os motivos polos que se convocaban. Amalia Alfonsín e Jennifer Iglesias, pola súa parte, si que estiveron nas protestas. "Para min foi moi importante e excitante ver a tanta xente reunida para pedir por algo tan valioso e esencial como as nosas vidas. Sentinme nun espazo libre, seguro e moi cómodo, onde ninguén podía xulgarnos e podiamos expresar o que sentimos e pensamos sen medo á opinión dos demais. Sentinme moi comprendida por todas as que estabamos alí", recorda Alfonsín sobre as mobilizacións de 2018, que coincidiron cunha etapa na que vivía en Barcelona.

Sobre as expectativas de cara a este 8-M, aseguran que, malia que as restricións sanitarias non permitan celebrar manifestacións, será preciso manter de actualidade a axenda feminista. "A min gustaríame que este 8 de marzo servise para centrarnos na realidade das mulleres galegas, no traballo invisibilizado das que viven no rural". 

Dende a perspectiva das mulleres novas de Pontevedra, o machismo aféctalles de diferentes formas nas súas vidas. "Eu estou no paro, e penso que é un problema de toda a xuventude, pero algo que me parece especialmente horripilante é o tema da violencia machista. Paréceme terrorífico terlle medo á persoa que, en teoría, máis debería quererte. E, máis alá diso, o feito de verte soa pola noite, ou incluso nun lugar concorrido, e poidan abusar de ti. Vivimos con medo", conta Rocío Varela.

VIOLENCIA. Ese temor intrínseco ao feito de ser muller é unha das cuestións que máis molesta ás novas xeracións que, tras os avances das súas nais e avoas xa non aceptan que as rúas sexan perigosas para elas. "Moléstame o acoso, os silbidos, os pitidos dos coches. Toda esa merda e o que ten detrás é para min moi violenta, ademais da violencia nas redes sociais, o feito de que nos traten como obxectos ou a imaxe que se dá de nós na comunicación. Hai problemas que poden parecer máis graves, pero esta é unha raíz moi profunda do machismo", explica Amalia Alfonsín.

A corresponsabilidade é outro dos temas que lles preocupan ás máis novas. "Yo creo que es importante que los hombres aprendan a trabajar también en casa, no podemos consentirles que seamos nosotras las que nos encarguemos de todo mientras ellos están en el sofá. Eso tuve que pelearlo siempre en mi familia, con mis hermanos. Ahora mi hermano lava la loza y sabe cocinar, pero reconozco que en casa siempre fueron bastante machistas", explica Cristina de Jesús. No seu día a día non só se ve condicionada polo seu sexo. "Yo tengo siempre la sensación de que tengo que demostrar que no soy una mangante porque soy gitana, y eso también se hace duro. De hecho, en muchos trabajos lo oculto al principio, hasta que tengo confianza. Yo quiero trabajar y ganar mi dinero y en una entrevista de trabajo decir que eres gitana ya te puede suponer un problema", conta a moza.

Non só a educación que recibiron foi o detonante para tomar conciencia da súa condición de mulleres. Para De Jesús, por exemplo, crer na igualdade implicou romper regras non escritas na súa familia. Rocío Varela non considera que no seu fogar se respirase machismo, pero tampouco falou de nena sobre o tema na casa, ata que o descubriu na escola. Amalia Alfonsín e Jennifer Iglesias aseguran que estes foron temas nos que foron sensibilizadas dende nenas. "Para mí, mi ejemplo son mis abuelas, considero que ellas hicieron mucho más por las mujeres de lo que se puede hacer yendo a una manifestación", conta, pola súa banda, Paula Losada.

Porén, o concepto de igualdade de Losada difire no que plantexan as súas compañeiras. Segundo explica, non percibe machismo no seu día a día e mesmo asegura que leis como a de violencia de xénero non son necesarias porque "si luchamos por la igualdad hay que reconocer que hay violencia en ambos géneros". Deste xeito, non está a favor da lei, unha postura diferente á do seu partido, que descartou a derogación da mesma esta mesma semana no Congreso contra unha proposta da extrema dereita. "Yo no entiendo por qué una profesora de la Universidad me dice que no puedo ser del PP y ser feminista, no me representa ese feminismo tan politizado", conta a moza, que si está a favor de leis como a do aborto.

As súas compañeiras si que teñen detectado situacións de machismo na súa vida diaria. "Moitísimas, o difícil sería dicir só unha", indica Rocío Iglesias, que recorda o día no que un xefe lle dixo que fose a traballar "máis tapada". A súa compañeira, Jennifer Iglesias, mesmo rachou relacións de amizade por non tolerar certos comentarios misóxinos. Por non falar das relacións afectivas de tipo tóxico, que seguen recoñecendo no seu entorno entre persoas da súa mesma idade. "Quizais os mozos aprenderon a detectar mellor eses momentos nos que o están a facer mal, pero aínda así, resístense ao cambio moito máis que nós. Teñen moi enraizado o seu privilexio de ser tíos", conta Iglesias.

As mozas máis activas dentro do movemento feminista lamentan tamén que as asociacións sufran tensións por cuestións relativas á aprobación da coñecida como Lei Trans. "Eu non concibo un feminismo que non integre a todas as mulleres, as racializadas, as LGTBI, as trans... para min o feminismo é así", aclara Alfonsín. Aínda así, asegura que o movemento segue a ser un ámbito no que se sente cómoda. Tamén a Jennifer Iglesias lle molestan as apropiacións que dende os partidos políticos se fai do feminismo. "Prodúceme tristeza e rabia, porque se deixa de focalizar nos problemas das mulleres, sexan como sexan, incluíndo, por suposto, ás mulleres trans", conta a moza.

Los hombres tienen que asumir su parte del trabajo de casa
Sara Braña, pontevedresa de 24 años, non acode ao encontro entre as mozas xa que está realizando prácticas de Medicina en Montecelo. Participou nas últimas mobilizacións, excepto na do ano pasado, pola irrupción da covid, e declárase abertamente feminista.
"En lo que se refiere a mi ámbito de trabajo, no hay diferencias de sueldos entre médicos y médicas, pero hay una diferencia muy grande en las casas. Los hombres tienen que asumir su parte del trabajo del hogar", conta a moza, que considera que o sector da sanidade está sostido por mulleres nos distintos ámbitos. "Cada vez las doctoras mujeres somos más valoradas y, además, somos mayoría en las facultades", conta Braña.

"Mi ejemplo son mis abuelas, ellas hicieron más por las mujeres de lo que se puede hacer en las manifestaciones"

A pontevedresa Paula Losada ten de 21 anos. Estuda Ciencias Políticas, traballa nun solarium e milita no PP. 

Javi Praza da Peregrina. Fotografia a un grupo de mozas para unha reportaxe sobre a súa opinión sobre o 8M e o feminismo.


"Non concibo un feminismo que non integre a todas as mulleres, as racializadas, as LGTBI e tamén as trans"

Aos seus 21 anos, Amalia Alfonsín estuda Publicidade. É de Pontevedra e activista polos dereitos LGTBI.

Javi Praza da Peregrina. Fotografia a un grupo de mozas para unha reportaxe sobre a súa opinión sobre o 8M e o feminismo.


"Gustaríame que este 8-M se focalizase nos problemas das mulleres galegas e no traballo invisibilizado no rural" 

Jennifer Iglesias ten 24 anos e é veciña de Caldas de Reis. Actualmente se atopa no paro e é integrante do Colectivo Feminista de Pontevedra. 

Javi Praza da Peregrina. Fotografia a un grupo de mozas para unha reportaxe sobre a súa opinión sobre o 8M e o feminismo.


"Ser mujer gitana y querer trabajar es muy difícil. Tengo que demostrar todo el tiempo que no soy una mangante" 

Cristina de Jesús cumpriu 26 anos e adícase á hostalería, pese a que nestes momentos está desempregada. Vive en Campelo e forma parte de Secretariado Xitano. 

Javi Praza da Peregrina. Fotografia a un grupo de mozas para unha reportaxe sobre a súa opinión sobre o 8M e o feminismo.


"Vivimos con medo a vernos soas nalgún lugar, de noite, e poidan facernos algo. Iso é horripilante" 

Rocío Varela é administrativa en paro. Ten 23 anos e vive na parroquia de Carracedo, en Caldas de Reis.

Javi Praza da Peregrina. Fotografia a un grupo de mozas para unha reportaxe sobre a súa opinión sobre o 8M e o feminismo.

"Non concibo ser muller sen ser feminista"
Comentarios
ç