"Este non é un día de celebración, é un día de reivindicación"

A Praza da Peregrina acolle a convocatoria central do Día Contra a Violencia Machista, no que Janet Novás realiza unha performance de 'Violencia Zero' e Sara Vila volve ler o manifesto do Concello ►O acto da Praza de España deriva nun caos ao coindicir Maica Larriba e a CIG
O acto celebrado na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE - 25-N
photo_camera O acto celebrado na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE

Janet Novás coa cara manchada de bágoas negras loitaba chea de rabia contra un inimigo invisible, durante o mediodía deste mércores, na Praza da Peregrina. "Hai que berrar ben alto para que se nos escoite, sobre todo nestes momentos", explicou a creadora sobre o seu traballo. "Para min este é un berro de liberdade e de forza para que as mulleres saiban que non están soas".

Janet Novás durante a súa performance. DAVID FREIRE
Janet Novás durante a súa performance. DAVID FREIRE
 

Novás foi a encargada de inaugurar coa súa performance Feelings o ciclo de intervencións artísticas Violencia Zero, da Deputación. Fíxoo no que foi o acto central do Día Contra a Violencia Machista en Pontevedra, unha convocatoria da institución provincial á que se sumou o Concello e que reuniu a ducias de persoas no centro da cidade, con máscaras e gardando distancia de seguridade. "Este non é un día de celebración, é un día de reivindicación", indicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Ademais da acción de Janet Novás, na Peregrina volveuse escoitar o manifesto que, co gallo do 25-N, o Concello lle encargou á xornalista de Diario de Pontevedra Sara Vila. "Estamos fartas de minutos de silencio. De feito, precisamos quebrar cos silencios cómplices na familia e entre a veciñanza. Temos que falar de como nos relacionamos en parella e para iso é fundamental educación", sinalou a xornalista.

Sara Vila le o seu manifesto na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE
Sara Vila le o seu manifesto na Praza da Peregrina. DAVID FREIRE


APLAUSOS. Sara Vila foi interrompida por aplausos cando fixo unha referencia explícita ao papel que deben xogar os homes na loita contra a violencia machista. "Urxen varóns que deteñan unha cadea de mensaxes vexatorias sobre unha compañeira nun grupo de WhatsApp, que rebatan argumentos que xustifican a violencia contra as mulleres, que se planten fronte aos agresores".

No mesmo acto da Peregrina, Carmela Silva reclamou igualdade real e, como Novás e Vila, pediu alzar a voz contra a violencia machista. "Estamos fartas de violencia. Non o soportamos máis. Non cremos no silencio, cremos nos berros", dixo despois de indicar que a violencia que sofren as mulleres "non é unha enfermidade nin unha pandemia, e os machistas asasinos non son enfermos".

A presidenta lembrou que, segundo a Onu, 243 millóns de mulleres e nenas que sufriron violencia no mundo este ano. "Hai que cambiar este modelo. Esiximos a metade de todo porque somos a metade", indicou Silva. "A violencia machista nace de que a metade da poboación, as mulleres, vivimos subordinadas á metade que domina. Nace do feito de que non vivimos nun espazo de igualdade. E cando nos empoderamos e non admitimos a subordinación, hai unha forma de dominación para que volvamos ao rego, que é a violencia".

Pola súa banda, o alcalde pediu seguir prestando atención a esta lacra social. "A violencia machista non pode pasar a un segundo plano baixo ningunha circunstancia. Que siga existindo avergóñanos e indígnanos".

Maica Larriba lendo o manfiesto detrás da concentración da CIG. DAVID FREIRE
Maica Larriba lendo o manfiesto detrás da concentración da CIG. DAVID FREIRE
 

SUBDELEGACIÓN. Exactamente á mesma hora que se celebraba o acto da Peregrina tamén se celebraba o da Praza de España. Alí coincidían dúas convocatorias: a da Subdelegación do Goberno, que consistía na lectura dun manifesto institucional por parte de Maica Larriba, e a dunha concentración da Confederación Intersindical Galega (CIG). A situación derivou nun pequeno caos cando a subdelegada tratou de realizar a súa intervención sen micro xusto por detrás das sindicalistas, que remataron por enviar posteriormente aos medios un comunicado no que aclaraban que tiñan permiso para facer a concentración a esa hora e lle pedían explicacións a Larriba pola coincidencia.

A CIG aproveitou o 25-N este ano para denunciar a situación das coidadoras. "Descoidar a quen coida é violencia machista", sinalaron. Pola súa banda, Maica Larriba pediu combater o machismo e condenar socialmente todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten a violencia contra as mulleres.

O Colectivo Feminista Pontevedra non realizou ningún acto debido á pandemia, pero emitiu un comunicado lembrando que "a violencia machista non cesa".


1.127 casos na provincia, 640 con protección
O Ministerio del Interior realiza na actualidade o seguimento a 1.127 vítimas de violencia de xénero na provincia de Pontevedra. Delas, 640 contan con medidas de protección policial. Entre o total de casos activos, hai seis vítimas menores de idade, de entre 14 e 17 anos. En toda Galicia, realízaselle seguimento a 3.747 mulleres.

41 mortes en España
Segundo os datos oficiais, en España foron asasinadas no que vai de ano 41 mulleres polas súas parellas ou exparellas. Dúas delas, en Galicia.

Outro dato feito público estos días é que, durante o confinamento, as consultas ao 016 aumentaron en Pontevedra un 110%.

Concienciación nas escolas

Charla de Joshua Alonso no CIFP A Xunqueira. CEDIDA

Unha xornada completa de actos conmemorativos, que incluíron unha instalación de cruces de pau e unha charla do alumno Joshua Alonso, fillo de Sesé Mateo (asasinada en 2017), foi a que celebrou este mércores o Centro de Formación Profesional da Xunqueira, o único de Galicia no que se pode cursar o Ciclo Superior en Igualdade de Xénero.

Este centro educativo puxo unha especial atención na conmemoración do 25-N e en aproveitar a data para realizar actividades de concienciación sobre a violencia de xénero entre o estudantado, pero non foi o único.

O CEIP A Xunqueira I, por exemplo, acolleu un contacontos a cargo de Polo Correo do Vento e charlas, tanto para os alumnos de máis idade de Primaria como para os pais. As actividades estaban organizadas pola Anpa Celso Emilio Ferreiro coa colaboración do centro.

Contacontos no CEIP A Xunqueira I. CEDIDA

Pola súa banda, o colexio Froébel sumouse á conmemoración do Día Contra a Violencia Machista, entre outras cousas, cunha intervención de color morado no exterior do edificio.

Intervención no exterior do colexio Froébel. CEDIDA

Finalmente, a comunidade educativa do IES Montecelo realizou un acto de recordo as víctimas. "Unha árbore coas follas secas era o punto de partida, onde un grupo de alumnos e alumnas ían depositando unha folla verde en substitución dunha seca, ao tempo que se ían lendo nomes de cada unha das vítimas do 2020", explica o instituto. "A folla verde representaba o recordo e o respecto a cada unha delas".

Acto dos alumnos do IES Montecelo. CEDIDA

Comentarios