"Non hai instrumentos para retirar títulos nobiliarios entregados por Franco"

O pontevedrés Ernesto Vázquez-Rey elabora unha tese de doutoramento sobre a aplicación da Ley de Memoria Histórica nos concellos

Ernesto Vázquez-Rey
photo_camera Ernesto Vázquez-Rey. DP

"Non hai elementos xurídicos que nos permitan eliminar os títulos nobiliarios entregados por Franco". O pontevedrés Ernesto Vázquez-Rey, -Conde de Malvar, licenciado en dereito e presidente da Asociación de amigos do Museo- prepara unha tese doutoral na que fai un estudo da aplicación da Ley de Memoria Histórica e dos vestixios que quedan do Franquismo. Tamén entre a nobreza. A súa tese está codirixida polo ex deputado nacionalista Carlos Aymerich e o ex secretario xeral de Cultura Carlos Amoedo na Universidade da Coruña.

Franco condecorou a 37 persoas con títulos nobiliarios. Ademais, outorgou tres grandezas de España. Moitos dos recoñecidos con títulos eran cargos militares, pero no tramo final da ditadura condecorou tamén a científicos, como Ramón y Cajal ou o enxeñeiro de camiños e portos Eduardo Torroja, avó da cantante Ana Torroja. "Franco arrogouse mediante unha lei a potestade de entregar títulos nobiliarios e só se poderían eliminar se o rei actual emite unha declaración para cancelar esas cartas mediante unha prerrogativa de revisión real ou a través dunha lei que saia do Congreso e que estableza a supresión destes títulos", conta Vázquez-Rey. Porén, este aspecto non está reflectido na Ley de Memoria Histórica. "Este ano houbo dúas proposicións para a reforma da Ley 52/2007e en ningunha das dúas se incluía esta cuestión nin a de excepcionar a prescrición adquisitiva extraordinaria dun ben polo prazo de 30 anos. Falamos da usurpación de patrimonio por parte da ditadura pero logo estes asuntos non se tratan xurídicamente. Ese é tamén o obxectivo da miña tese". 

Todos os títulos que se concederon durante o Franquismo consérvanse na actualidade xa que se foron herdando dunha xeración a outra. "O único título que foi expresamente suprimido foi o de Príncipe de España, ao rei Xoán Carlos I, porque a propia lei de sucesión recollía que se lle outorgaba ese título ata que tivese que asumir a xefatura do Estado e fose nomeado rei", explica. 
Recentemente, Carmen Martínez-Bordiú saíu na prensa porque, tras a morte da súa nai, apresurouse por herdar o título de Grande de España concedido a Carmen Franco tras a morte do seu pai. "Foi criticada entre a nobreza por terse apresurado tanto en pedir o título cando o habitual na nobreza é agardar polo menos un luto de seis meses", conta. Neste sentido, Vázquez-Rey apunta tamén ao elitismo das nobres casas españolas. "Sempre consideraron que, como descendentes de nobres casas, estaban nun nivel superior aos nobres condecorados por Franco", conta criticando tamén a actitude da nobreza.

Contar cun título nobiliario a día de hoxe non outorga ningún tipo de privilexio. Ata os anos 60, os duques si tiñan beneficios para obter un pasaporte diplomático. Na actualidade, herdar un ducado ou marquesado só implica pagar o imposto de transmisións, excepto que a propia carta de concesión diga o contrario. "Carmen Martínez-Bordiú, por exemplo, está exenta do pago deste imposto durante dúas sucesións". 

Comentarios