"Non miraremos para outro lado"

O CFP realiza unha 'performance' contra a xustiza patriarcal na previa do 25-N
Performance do Colectivo Feminista. JAVIER CERVERA
photo_camera Performance do Colectivo Feminista. JAVIER CERVERA

"Non gardaremos silencio. Non miraremos para outro lado. Nin sumisas nin caladas". O Colectivo Feminista de Pontevedra (CFP) saía onte á rúa para protestar contra a violencia machista nas vésperas do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. Na performance de este sábado que tivo lugar ás 19.00 horas na Praza da Peregrina, as participantes puxeron o foco na xustiza "anestesiada" e nas sentencias de corte machista, tal e como defenderon nun manifesto.

O movemento sinalou tamén a todas as vítimas, non só ás 51 mulleres asasinadas no que vai de ano recollidas nas listaxes oficiais, senón tamén ás que sofren outro tipo de violencias como "as violacións e abusos, a vulneración dos dereitos sexuais e reprodutivos, a discriminación laboral, a violación como arma de guerra ou peaxe das refuxiadas, a mutilación xenital feminina, os matrimonios forzados, os ventres de alugueiro ou a prostitución". Así, as feministas quixeron sinalar outro tipo de violencias contra as mulleres que se producen fóra do ámbito da parella. esa é precisamente unha das materias pendentes do Pacto de Estado, recoñecer como violencia de xénero outros casos nos que non existe relación sentimental entre a vítima e o agresor.

En canto ás medidas urxentes para poñer en marcha, as integrantes do CFP enumeraron no seu manifesto unha serie de deberes pendentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Así, falaron da importancia de cumprir co Convenio de Estambul para a protección das mulleres, a aplicación das 214 medidas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a inclusión de contidos sobre feminismo e educación afectivo sexual no sistema operativo, políticas públicas para a reinserción social e laboral das mulleres prostituídas e a creación dunha rede de CIM dende a Xunta para dar resposta ás necesidades das mulleres galegas, especialmente as que viven no entorno rural e contan con menos servizos públicos ao seu alcance.

xJAVI CEIP FROEBEL.  Rastrexo infantil contra a violencia machista.

A performance deste sábado forma parte dunha ampla programación de actos que levan celebrándose durante toda a semana por parte de asociacións e institucións. Así, na noite  o Teatro Principal acolleu a representación da obra Pementeiras, de Xoré Teatro, programada pola Concellería de Igualdade. O mesmo departamento celebrou un Rastrexo pola Igualdade pensado para público infantil no que participaron equipos de nenos e nenas dos colexios de Pontevedra. Os gañadores do mesmo foron os equipos Team Froebel, no primeiro posto; Campeones, que pertencen ao mesmo centro e quedaron no segundo lugar, e, en terceiro posto, Vilaverdiños, do CEIP Vilaverde.

Os actos de repulsa da violencia continuarán o vindeiro 25-N, cumpla ampla programación para rexeitar nas rúas e nas institucións a violencia machista.

Comentarios