"Non saco un disco,saco unha espiña"

Intenso Silva estrea o single 'Es normal', o primeiro dun novo traballo
undefined
photo_camera Imaxe promocional de Intenso Silva. CEDIDA

Dende a despedida de Delahoja, o grupo de hip hop pontevedrés que chegou a soar na final da Champions de 2011 ante 100.000 persoas, Severino Hermida tiña pendente un traballo en solitario. Quería comezar de cero e medrar e, para iso, cambiou o seu nome artístico, de Lsebe (co que integraba o mencionado grupo) a Intenso Silva. Sete anos despois, o rapeiro cumpre aquela promesa e lanza o primeiro single do que será o seu traballo en solitario, Creo. "Non saco un disco, saco unha espiña", apunta o poiense.

Es normal é o título do primeiro tema, cuxo videoclip se estrea este venres en redes sociais e Youtube. "Fala do mundo no que vivimos, de que o queremos todo e querémolo xa, do estrés, de que non temos tempo para nada, de que sabemos que nos estamos cargando o planeta e seguimos facendo as cousas mal... Todas as cancións están pensadas para que a xente as escoite e diga: 'que razón tes", conta.

No seu traballo sempre estivo presente a crítica social, pero neste nova etapa na que busca reinventarse a protesta está máis viva que nunca. O título do álbum chámase Creo, xogando co dobre significado da palabra. "Porque hai que crer e crear e, para crear, debes crer", indica o rapeiro.

"Os días antes do lanzamento sempre tes moitos nervios, o reto máis grande era facer isto eu só, sen ningún soporte", di

Tras sete anos de parón nos que foi traballando na música pero sen sacar novos traballos, a posta en marcha dun novo proxecto xera certa vertixe. "Teño moitos nervios, o reto máis grande era facer isto eu só, sen ningún soporte", apunta Intenso Silva referíndose ao seu pasado en Delahoja. Porén, conta que o seu é un traballo honesto, que realiza porque lle gusta e non porque gusta. "Eu nunca fixen música para que me aplaudisen", puntualiza.

O proceso de creación do primeiro videoclip foi case artesanal e permitiulle traballar "á miña maneira". Todo o novo álbum leva impreso o seu selo, aínda que para levalo a cabo conte coa colaboración de profesionais do sector audiovisual. O disco, que sairá con todos os seus singles antes de que remate o ano, será autoeditado. "Primeiro lanzarei os temas un por un, tal e como se traballa agora mesmo", explica.

Este novo proxecto de Intenso Silva chega despois de meses de parón debido á pandemia que a el lle serviron para volver á música. "Se chega a haber un mes máis de confinamento aprendía a falar chinés", bromea. Deste xeito, a cuarentena foi para el unha época moi produtiva na que aproveitou para aprender e compoñer. "Non me perdoaría non ter aproveitado este tempo para facer música", conta. Aínda que é de Poio, leva anos vivindo lonxe das Rías Baixas. Agora mesmo está en Málaga. "Gústame vivir en sitios diferentes", conta.

Posible volta aos escenarios 
Sacar un disco en plena pandemia pode complicar a súa promoción. Porén, Intenso Silva asegura que se adaptará ás novas formas de difusión da música. "Non me custa adaptarme ás novas circunstancias", explica á vez que defende o uso das novas tecnoloxías para facer chegar a música aos seus seguidores. 

Por agora, non ve os concertos como algo prioritario, pero recoñece que confía poder subir a un escenario cando a situación mellore. "Nunca choveu que non escampara", resolve.

Comentarios