"De neno axudaba na misa porque o cura era o único con televisión e os ‘monaguillos’ podiamos vela"

Lores: "Non se pode gobernar para todos"

A defensa do modelo urbano, a experiencia como alcalde, a militancia no BNG e a situación política actual centran a participación de Miguel Anxo Fernández Lores no ciclo 'Conversas na Uvi', do Diario de Pontevedra e da UVigo

"Eu fixen de todo na miña vida", confesou Miguel Anxo Fernández Lores. De '‘monaguillo'’ en Vilalonga a alcalde de Pontevedra, pasando por camareiro, mozo descargando camións, operario nas bateas de Raxó, labrego na casa cando facía falta e médico de familia. O alcalde de Pontevedra repasou este martes a súa historia persoal e profesional da man do columnista e escritor Rodrigo Cota no ciclo ‘'Conversas na Uvi’', que organizan Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo.

Lores explicou e defendeu o seu modelo de cidade, falou da súa experiencia como alcalde, da militancia no BNG e da política actual salpicándoo, como adoita no seu discurso, con anécdotas persoais, bromas e un xeito franco, claro e directo.

"Eu corrín diante dos grises, pero pouco. Non me quedaba as fins de semana en Santiago. Había que axudar na casa", lembrou. "Entrei no nacionalismo dun xeito intuitivo, polo sentimento de país, polo idioma, porque cando vin a Pontevedra cheguei a sentirme un estraño. Así me fun metendo nesta guerra".

"Corrín diante dos grises, pero pouco. Cheguei ao nacionalismo polo sentimento de país, polo idioma, porque cando vin a Pontevedra cheguei a sentirme un estraño"

O alcalde defendeu o traballo do seu equipo de goberno, "eu só son a cabeza visible", e criticou tanto a impaciencia do que quere entrar a gobernar como a posibilidade de facelo con listas abertas. "Algunhas veces o mellor que podes facer é non gobernar. O bipartito da Xunta, por exemplo, foi un desastre. Aínda que tamén fixo algunha cousa ben", dixo sobre o primeiro asunto. "O tema das listas abertas non me gusta. Xuntariamos a un grupo de xente simpatiquísima, pero despois quen goberna?".

BASE SOCIAL. Preguntado por Rodrigo Cota por esa base social dun 10% da poboación que se lle atribúe ao BNG, Lores afirmou que podería ser suficiente para "cambiar as cousas". "Un 10% que funcione coordinadamente é moito", sinalou. "Guillerme Vázquez sempre o dicía: se ti tes a seis remando nunha traíña ao mesmo tempo para o mesmo sitio vas chegar a algún lado; se tes dez con cinco remando para cada seu sitio non se vai mover".

O alcalde defendeu o papel do BNG na política galega. "O que non se pode é andar dando saltos ao baleiro. Hai que ser serios e ter a cabeza posta no país. Iso é o que hai que facer".

"Algunhas veces o mellor que podes facer é non gobernar. O bipartito da Xunta, por exemplo, foi un desastre"

Cota lembroulle a Lores a cita de Celso Emilio Ferreiro que preside o seu WhatsApp: "Nunca virá de fóra remedio ou esperanza", e iso serviulle ao alcalde para facer un alegato contra as políticas que se impoñen dende Europa. Segundo dixo, moitas das medidas que se adoptan agochan un descoñecemento do país, da súa realidade, e levan á destrución dos recursos. "Ao final privatizarémolo todo no nome da rendibilidade e seguiremos emigrando", dixo. "Pero eu estou convencido de que este é un país rico. O que non pode ser é que veña a 'comisaria ‘de turno'’ a decidir sobre o noso. Nós temos que empezar a tomar as decisións sobre o noso país".

El, segundo lembrou, comezou a tomalas en Pontevedra en 1999, o ano que gañou a Alcaldía. "E iso que todos os que me precederon, absolutamente todos, do primeiro ao último, me dicían sempre ‘'usted diga lo que quiera que a alcalde nunca va a llegar'’". Lores defendeu o modelo de cidade que, dende entón, vén implantando e que agora acada recoñecementos en todo o mundo. "Esta cidade era un almacén de coches. Nin calidade de vida nin outra cousa. A xente chegaba e marchaba correndo", comentou. "Que se fixo? Confiar no noso. Porque non temos que estar mirando nin para Vigo nin para Santiago. E hoxe somos un referente mundial. Convídannos en todo o mundo para falar de utopías urbanas e pregúntannos como o fixemos".

"Esta cidade era un almacén de coches. Nin calidade de vida nin outra cousa. A xente chegaba e marchaba correndo. Hoxe convídannos en todo o mundo a falar de utopías urbanas"

A CIDADE DOS NENOS. O alcalde aproveitou para explicar en que consistiría exactamente o seu plan de compostaxe e referiuse polo miúdo a unha das cousas acadadas das que está máis orgulloso: a recuperación dos espazos para os cativos. "Que os nenos vaian andando ao colexio é algo incrible. Hai cidades nas que levan 15 anos intentando convencer a un alcalde para acadar algo parecido e non o conseguiron. Aquí fixémolo dunha vez. En Pontevedra os nenos son de todos. A diferenza desta cidade con calquera outra do mundo é que o noso proxecto é integral".

Lores criticou, neste sentido, o espazo mediático que teñen representantes veciñais que non apoian as súas reformas. "É imposible gobernar para todo o mundo. Non se pode. Isto é así. Sempre vas ter alguén en contra. Pero tamén é verdade que se non contasemos cun apoio maioritario non poderiamos ter feito todo o que fixemos", argumentou. "O que pasa é que eu levo fatal a estulticia, a maledicencia e facer dano conscientemente".

Finalmente, o alcalde valorou a situación política actual en España e no mundo. "Na política estamos afeitos a facer demagoxia, todo María Santísima. Pero é que hai cousas que non hai nin por onde coller", dixo referíndose a novos partidos como Podemos. "Polo demais, eu estou moi preocupado pola situación actual. Cada vez hai máis conflitos e aumenta a desigualdade. Ou se resolve esta cuestión, ou lle damos a volta, ou imos ter un problema gordo e isto acaba nunha nova guerra mundial".

Comentarios