"Non só tes que defender a túa posición, senón artellar un ataque ao outro equipo"

O equipo do IES A Xunqueira II participou no torneo de debate Parlamento Xove, que gañou o colexio Sagrada Familia de Vilagarcía
As alumnas do IES A Xunqueira II en pleno debate telemático. CEDIDA.
photo_camera As alumnas do IES A Xunqueira II en pleno debate telemático. CEDIDA.

O equipo do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa gañou a undécima edición de Parlamento Xove na categoría de Secundaria. Un total de 32 estudantes de oito equipos diferentes participaron na final, que se realizou o luns de maneira telemática e cuxo tema de debate foi: Deberían incrementarse as sancións para as persoas que non respecten o medio ambiente? Os gañadores desta competición levan de premio unha viaxe valorada en 5.000 euros. O segundo clasificado foi o grupo de estudantes do IES de Becerreá que tamén terán un agasallo e un diploma acreditativo.

Precisamente o IES de Becerreá foi o que derrotou en cuartos de final ao equipo do IES A Xunqueira II, formado por Aldara Rodríguez e Clara Fariña, de 3º da ESO, e Marta Villaverde e Daniela Tobío, de 4º, xunto co profesor Delfín Ogando. En semifinais os do instituto lugués tamén eliminaron ao equipo do colexio SEK Atlántico de Poio, pero na final caeron frente aos arousáns.

A Xunta de Galicia decidiu celebrar esta fase final por videoconferencia para garantir a saúde e a seguridade de todos os participantes nesta iniciativa en vez de realizarse no Parlamento de Galicia como era habitual. Neste sentido, a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19 impediu a celebración das fases clasificatorias das modalidades de Bacharelato e universidades e, polo tanto, non se celebrarán as súas correspondentes finais.

Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun artigo de investigación.

A dificultade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Ten por obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes.

"Tocounos defender a postura a favor", explicou Ogando. Os argumentos ían no sentido de que "o ser humano tende a incumprir as normas e que ás empresas lles sae moi barato contaminar", pero tamén tiñan razoamentos no outro sentido, na liña de que "a través da educación se pode conseguir o respecto polo medio ambiente». Apunta o docente que non só se trata de preparar unha boa defensa, senón de "artellar un ataque" para esfarelar os argumentos do equipo contrario, no que non falta a improvisación, que convenza ao xurado. Para iso cada integrante do grupo cumpre o papel máis acaído: a presentadora, as refutadoras, "que lle buscan tres pés ao gato" e a concluínte.

Comentarios