jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

"Non somos os donos da lingua, non estamos autorizados a destruíla"

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. RAFA FARIÑA
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. RAFA FARIÑA
Tras máis de tres anos á fronte do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez fai un balance positivo do traballo da institución nun tempo marcado pola pandemia "que foi brutal para a cultura" ► A académica e catedrática pon o foco sobre a responsabilidade de todos na transmisión do galego e urxe un gran plan social. "É unha cuestión de dereitos humanos", di

A súa a vocación polo estudo do patrimonio cultural galego espertou ao pé da Fonte dos Fornos. Aí nace a raíz de Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952), pero asegura, abrangue moito máis. Conta que o calendario tradicional da Boa Vila, marcou unha maneira de vivir. Tras rematar a carreira de Filoloxía, unha viaxe por 167 aldeas galegas para facer unha enquisa sobre a lingua descubrirlle a riqueza da cultura desta terra.

Que balance fai destes catro anos á fronte do Consello da Cultura?

Fago un balance persoal positivo. Creo que a ilusión con que iniciamos este período non se viu defraudada en ningún momento, a pesar da difi cultade da pandemia. Incluso nese sentido o sistema cultural reaccionou dunha maneira tan positiva, tan comprometida, tan valente e con tanta gana de que nada nos vencese que, en lugar de ser un atranco, a pandemia abriu a esperanza grande de que comunitariamente somos capaces de grandes cousas. E xa se penso de maneira máis obxectiva no traballo do Consello, destes catro anos, a percepción que temos é que avanzamos nas liñas que queriamos. Por unha banda, nós queriamos traballar na cohesión e o fortalecemento do sistema cultural galego. Para iso queriamos tender pontes, e iso sempre o conseguiu o Consello da Cultura, non se nos ocorreu a nós. Nós quixemos intensifi calo. Se vemos progresivamente a relación que establecemos con institucións de todo tipo (fundacións, asociacións grandes e pequenas, centros de ensino...); a pluralidade deses colectivos e todo o que se foi tecendo, vemos que se avanzou dunha maneira importante. A proba do algodón é que as relacións non só as buscamos nós, senón que son eles os que acoden ao Consello da Cultura Galega. Ese camiño de ida e volta é moi interesante.

Unha das súas teimas era achegar a institución á cidadanía.

O Consello non pode ser unha superestrutura. Non nos podemos colocar en paralelo, senón que temos que establecer vínculos con todos os sectores. Todo o mundo necesita que unha institución que ten encomendada a defensa e promoción da cultura galega lle bote unha man. Por outra banda, está a localización territorial. Temos unha sede preciosa, moi ben situada e pequena que está en Compostela, pero non pode ser que toda Galicia se referencie na Praza do Obradoiro. Neste ano a cuarta parte das nosas actividades presenciais foron fóra de Santiago. Estivemos en Ponteceso, Carballeda de Valdeorras, na Pobra do Brollón, Monterroso, Redondela, Ribadavia, Allariz... Ese tipo de accións teñen unha importancia para cada contorna, pero tamén para o resto dos galegos que ven que existen eses lugares.

Que proxectos destacaría desta etapa?

Promovemos un calendario moi mesto ao longo de todo o ano que esixe interacción co público. Foros, xornadas, debates, encontros, obradoiros... que en tempo de pandemia podes facer a través dunha pantalla de plasma, pero que non están pensados para iso, senón para que haxa unha interacción. Temos unha actividade paralela que ten que ver coa dimensión do noso web. E logo organizamos catro arquivos temáticos relacionados coa propia actividade do Consello da Cultura. Xa tiñamos tres: o Arquivo da Emigración Galega, o Arquivo Sonoro de Galicia e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, que levan tempo funcionando. E creouse o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos neste mandato. Esta liña de traballo foi medrando a partir dunha comisión técnica que en inicio tiña como misión facer real a igualdade entre homes e mulleres dentro da organización do Consello, na linguaxe etc. Naceu como unha comisión de xénero e foi converténdose nun centro de referencia social.

"A cultura galega non pode vivir pechada no seu perímetro, temos que facer que dialogue con outras culturas"

Ata o 2 de xuño que se enfrontará á reelección á Presidencia do Consello da Cultura Galega teñen varios meses por diante. Que teñen agora entre mans?

Moitas cousas, porque este é un traballo inacabable. Estamos nutrindo continuamente o fondo. O ano pasado unha das liñas importantes foi a creación de fondos novos documentais, como Voces da Ciencia. Estamos entrevistando aos pioneiros da ciencia galega que aínda están vivos para que nos dean un testemuño de vida. Tamén temos en marcha un proxecto de recollida dos sons de Galicia, porque como lle dis agora a un neno como canta o carro? Hai sons que hai que recoller porque forman parte das nosas vivencias, do noso patrimonio sonoro e non van estar aí para sempre.

A que si se resentiu pola covid foi a axenda exterior.

Practicamente quedou en nada. Hai que ter en conta que o noso mandato é a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, que está dentro e fóra de Galicia. Onde realmente se está xogando a pervivencia da cultura e a lingua galega é dentro, pero non podemos esquecer á que está fóra. Os dereitos lingüísticos e culturais dos que marcharon e dos seus descendentes. E nós estamos interesados en mostrar a nosa realidade cultural nas comunidades que acolleron tradicionalmente ou actualmente os nosos emigrantes. Aquí hai que pensar na emigración tradicional, nas persoas que están embarcadas e tamén nas novas diásporas, nos miles de titulados galegos que marchan cada ano e que están nas principais capitais do mundo. As comunidades que acollen toda esta emigración deben saber que esa xente procede dun lugar que se chama Galicia que ten unha lingua e unha cultura propias. E, polo tanto, temos que espallar a cultura galega neses lugares, para que saiban quen son eses veciños que están constribuíndo a que as súas sociedades avancen. Dalgunha maneira tamén temos que traer o que fan eles alí. Á parte diso, a cultura galega non pode vivir pechada no seu perímetro, nós temos que facer que dialogue con outras culturas. Hai que internacionalizala.

Como afectou a pandemia ao sector cultural?

Dunha maneira brutal. Unha cousa é que a xente reaccione moi ben e outra é que falamos dun sector económico que non se sostén a base do voluntarismo a través das redes e dos balcóns. O mundo da cultura implicouse moito na pandemia, xente do mundo do ensino que creaba todos os días recursos para os rapaces... A reacción foi a dunha sociedade dun pulso creativo e innovador exemplar que se pechou arredor da cultura. Pero iso chega para non desanimarse, pero non dá para comer. Durante toda a pandemia analizamos todos os datos económicos e fi xemos informes para ver o grao de saúde do sector cultural. Tamén puxemos en marcha un barómetro da cultura galega que cada seis meses ía facendo a súa análise e que concluíu, entre outras cousas, que o maior impacto foi para as empresas das artes escénicas e musicais, que rexistraron caídas na facturación superiores ao 50%, porcentaxe que non pasou do 15,9% no sector dos libros e a prensa ou do 22,2% no das artes visuais.

"En Asturias hai un territorio onde se fala galego desde hai 2.000 anos, que a lingua sexa oficial é un dereito e non é opinable"

Unha das grandes liñas de acción do Consello é a lingua. Os últimos informes sobre o uso do galego entre a mocidade non son nada alentadores.

Levabamos moitos anos advertindo que non se pode poñer a continuidade e a transmisión da lingua só en mans do ensino. Levamos moito tempo apelando á transmisión dentro das familias. Pero tampouco se pode poñer só nas súas mans. A transmisión da lingua é social: na escola, na familia, no xogo, no lecer, na medida en que ti vas por unha rúa e vas sendo interpelada polos sinais en galego... Toda a sociedade é responsable da transmisión lingüística. A familia pouco pode facer se resulta que o teu fi llo en canto sae ao patio xoga en castelán, se o levas ao cine e non hai unha soa película en galego... Se na tele non hai opción de galego ou no seu clube deportivo non se usa o galego. Se cada vez que sae algo divertido se fai en castelán temos un problema. Sempre se di que o problema está na mocidade e non é verdade, o problema está na infancia. Os mozos de hoxe xa foron nenos aos que xa non lles falaron en galego. Non é que os mozos abandonen a lingua é que os fi xeron abandonar antes. Máis ben o que se producía era que aos 16 ou 17 anos a súa rebeldía facía que volvesen ao galego. É unha especie de mundo ao revés.

Que propón vostede para que mude definitivamente esa tendencia?

Hai que tomar en serio que isto esixe un plan social. É incluso un asunto de dereitos humanos. Hai alguén nesta sociedade que está privando á nosa infancia do dereito de coñecer a lingua e a cultura dos seus antepasados e de que se lles transmita de maneira natural a lingua. A cultura patrimonial das súas propias familias estálle sendo roubada a xeracións de nenos e isto é algo que nos debe facer refl exionar. E non falo da política nin dun alguén concreto. Senón de moitos alguéns. Non se trata nin de ser máis ou menos nacionalista, nin de pertencer a opción política a, b ou c. Este é un problema de toda a sociedade e esa é unha responsabilidade que nós temos cos nosos ancestros, que nos deixaron en depósito para usufructo un patrimonio que non estamos autorizados a destruír. Nós non somos donos da lingua, somos depositarios dunha lingua que vive neste territorio dende hai miles de anos.

Xa votou polas Tanxugueiras?

Aínda non (risos).

"Alguén está privando a infancia do dereito de coñecer a cultura e a lingua dos seus antepasados e se lle transmita"

Que lle parece que haxa unha canción en galego que opte a representar a España en Eurovisión?

É moi positivo, claro. Xa gañen ou non o que levan acadado é un éxito. Moitas destas accións son como unha marca de orgullo colectivo. Reforza moito a autoestima. Cando as vemos a elas con este éxito que están tendo e dis "alégrome por elas, pero tamén por nós". Ese alegrarse por nós é moi positivo socialmente.

Hai uns días a RAG anunciou que pedirá a Asturias que inclúa o galego como lingua ofi cial. Que pensa disto?

É un dereito. E os dereitos non deberían ser opinables. Dentro de Asturias hai un territorio no que se fala galego e teñen dereitos humanos. Como iso despois se plasme no Estatuto de Autonomía de Asturias é cuestión dos asturianos e aí non opino nin como presidenta do Consello nin como académica. Pero o que non é opinable é que no Occidente de Asturias se fala galego desde hai 2.000 anos, non é que chegasen os galegos a invadir nada, é que se fala desde que chegou o latín. Eses falantes teñen dereitos lingüísticos coma ti e coma min. Non é unha cuestión de galegos e asturianos. Cada vez que se fai o informe sobre as linguas minoritarias para Europa ponse o acento nos défi cits do galego en Galicia, pero tamén do galego en Asturias, León e Zamora.

"Non fun educada para quedar parada por ser unha nena"

En decembro recolleu o Premio Otero Pedrayo na Deputación de Pontevedra xunto á pintora Menchu Lamas (foto superior). É unha das poucas mulleres que ten este galardón.

Quedei sorprendida xa cando me chamou Carmela Silva para dicirmo. Dixo que eramos cinco. Este é un dos premios máis importantes que ten Galicia, polo tanto para min é un privilexio. Ademais, eu son ‘oteriana’. Formo parte do Padroado da Fundación Otero Pedrayo. O propio nome do autor é moi especial. Xa no discurso contei a miña emoción cando escoitei a voz de Pedrayo, nun momento que foi sagrado para min, aquel discurso de Otero Pedrayo que durou tres horas. Comprendo esas cousas que contan del que empezaba a falar e todo o mundo choraba. Tiña unha capacidade oratoria espectacular e unha voz poderosa. Recordo aquel día con moita emoción e marcoume moito nos anos sucesivos. Condicionou tamén que durante anos estudase a oratoria de Pedrayo. E logo tamén foi moi especial o feito de que a entrega do premio fose en Pontevedra.Ademais, a Deputación esmerouse en que o acto fose especialmente solemne, bonito e afectivo. Inesquecible.

É tamén a primeira muller que preside o Consello da Cultura. Unha pioneira.

Eu paso moito desas cousas.

Pero aínda así, é salientable que teña rachado teitos de cristal importantes. Na Universidade, a maioría dos catedráticos son homes, por exemplo.

Que se me entenda ben, non é que os rompa eu, senón que rompen ao meu paso. Estás aí nun momento e lugar determinado. Claro que hoxe moitas mulleres atopan o camiño aberto, pero tamén moitas mulleres os están atopando pechados. Si que percibín unha actitude paternalista na Universidade, que aínda segue estando, e que facía que a pesar de que eramos máis mulleres que homes todos os cadros fosen homes. Aínda que era certo que había unhas que iamos abrindo camiños, tamén eu atopei un entorno moi respectuoso. Para min foi clave na miña vida o lingüísta e catedrático Antón Santamarina, que era un home dialogante e progresista que valora e axuda a todo o mundo. Ti ás veces tes que avanzar a ‘machetazos’, pero eu atopeime en ambientes que, malia que non tiñan ideario feminista, eran colaboradores e respectuosos. De todos os xeitos, eu non fun educada para quedar parada polo feito de ser nena. Na miña casa eramos tres irmás e un irmán. A familia de miña nai eran sete irmáns, cinco mulleres e dous homes, e as que tiraron para adiante foron as mulleres. Cando penso na miña tribo penso na tribo da miña nai. Foron sempre as que marcaron os camiños e saíron adiante sen grandes ruídos.

A orixe: "A miña vocación vén das tradicións que coñecín en Pontevedra"

Naceu na Fonte dos Tornos e viviu toda a súa nenez na Boa Vila. Disque sempre está a falar de Pontevedra.

Si. Volver sempre é especial. Pontevedra é a miña vila. Estou moi agradecida a Santiago, alí teño hoxe o meu círculo de amizades e a miña familia e teño toda a vida instalada, pero as miñas raíces están aquí. Logo, eu bebo dunha experiencia única, extraordinaria, que foi un privilexio. Cando rematei a carreira estiven percorrendo toda Galicia estudando a lingua. Eramos tres cun Seiscentos percorrendo 167 aldeas por todo o territorio, incluíndo o galego de Asturias, León e Zamora. Foi unha escola de vida. Foi inmensa a xenerosidade coa que fomos acollidos continuamente por absolutos descoñecidos. Aprendemos moitísimo.

Ese traballo, esa viaxe, condicionou a súa traxectoria?

Absolutamente. Eu xa estaba vocacionada para iso porque quería dedicarme á lingua patrimonial. Empecei a traballar en penetrar na lingua da xente e hoxe sigo traballando sobre aquelas enquisas.

E de onde vén esa vocación? Na súa casa falábanlle en galego?

Eu atribúoo ás miñas raíces en Pontevedra. A miña avoa e os meus pais falaban entre eles en galego e a nós en castelán. As dúas linguas estaban convivindo con certa normalidade. Pero non me refi ro tanto a lingua como á cultura. Viviamos dunha maneira natural o calendario de tradicións. Cando saín de Pontevedra descubrín que noutras cidades non era así. Empezabamos o ano cos piñóns de Nadal, a Candeloria, o San Brais, o Entroido coa súa secularidade, na Semana Santa as roscas, antes estaba San Benitiño do Inverno. Os Maios, as Cruces, a Festa das Cabazas... Nacín e vivín ese ambiente e iso dáche un pouso cultural que non é tan intenso noutros lugares de Galicia. E logo había aquela cousa oral. Cando os meus pais saían, a miña avoa nos tiña espertos ata que volvían e nos contaba contos de piratas, a tradición do Urco... Sempre me pareceu un campo marabilloso.

"Non somos os donos da lingua, non estamos autorizados a destruíla"
Comentarios