sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

XOSÉ MANUEL BUXÁN, DECANO ELECTO DA FACULTADE DE BELAS ARTES

"Nós non podiamos seguir adiante co novo grao e rompeuse a baralla"

Buxán, terceiro pola esquerda, co resto do equipo decanal: Tudela, Matesanz e Tejo. GONZALO GARCÍA
Buxán, terceiro pola esquerda, co resto do equipo decanal: Tudela, Matesanz e Tejo. GONZALO GARCÍA
Consenso e diálogo son dúas das palabras que máis repite o novo responsable da facultade pontevedresa, moi dividida desde hai meses debido á proposta da UVigo de implantar nela o novo grao de Deseño e Creación. "Estabamos en contra desa memoria, non da nova titulación"

Xosé Manuel Buxán Bran (Eibar, Guipúscoa, 1964), profesor do Departamento de Escultura, foi elixido decano da Facultade de Belas Artes o pasado mércores. Completan o seu equipo os docentes Carlos Tejo e Javier Tudela (vicedecanos) e a profesora Chelo Matesanz (secretaria académica). Chega ao cargo nun momento complicado para o centro, despois do cisma creado pola fallida implantación do novo grao de Deseño e Creación, que tamén estivo detrás da dimisión da xa ex decana, Silvia García.

26 votos a favor, 24 en contra e dúas abstencións. Agardaban este resultado tan axustado?

A Xunta de Facultade está moi revolucionada, por moitos motivos, e o importante é mirar cara adiante. O importante non é empezar cun resultado axustado, senón como acabas. Cantos chegan con maiorías absolutas aplastantes e acaban saíndo case pola porta de atrás. O importante é poder conquistar todos eses votos negativos e chegar a un encontro. O resultado era previsible, aínda que esperabamos máis voto de confianza, pero a realidade é así e non cambia da noite á mañá. Agora é o noso traballo intentar revertir eses resultados e que máis xente reme na mesma dirección.

O importante é poder conquistar eses votos negaivos e chegar a un encontro; o resultado axustado era previsible

Un dos proxectos que ten o seu equipo é revisar o plano de estudos. Está moi anticuado? Que cambios propoñen?

Non, non está moi anticuado, pero como toda maquinaria hai que engraxala e poñela ao día. Evidentemente xa temos a experiencia de Bolonia e obriga a perfeccionar certas materias. Todo isto require analizar o contexto do plano de estudos. Ademais, despois do que ocorreu con Deseño e Creación tamén nos obriga a replantexalo todo. Vai haber un grao de deseño, propiamente, e igual haberá que avaliar o panel de materias relacionadas para non duplicalas en títulos e facultades distintas.

En canto ao novo grao de Deseño e Creación o seu equipo integrouse no bando contrario á súa implantación en Belas Artes. Título si, pero non aquí?

Queriamos moito diálogo para acordar, entre toda a Xunta de Facultade, un novo plano de estudos con dous graos. E esa nova memoria tiña que ser moi consensuada. Que pasou? Que nun momento dado esa memoria empezou a non gustar a un sector, ao que representamos, e dixemos que non podiamos seguir adiante co novo grao. Aí rompeuse a baralla. Eles quixeron seguir adiante. Ademais de non consensuar a memoria, había varias cousas que empezaron a chirriar nas fases previas, como o feito de detraer alumnado de Belas Artes para o novo título. Pero se Belas Artes é sumamente exitosa e temos excedencia de alumnado, como é o de quitarnos prazas para darllas a unha nova titulación por moi interesante que sexa? Paramos en seco e votamos en contra.

Alegaron falta de recursos humanos e de espazo para acoller unha segunda titulación.

En todas as xuntas de Facultade nos estamos queixando de que este inmoble ten moitísimas dificultades para conter todas as demandas de Belas Artes. E agora métennos outro grao con novas necesidades e aulas específicas? Era preciso máis sosego para chegar a acordos. Non se pode romper a baralla. A día de hoxe hai unha nova facultade e un novo grao. Tomaron decisións e agora o máis natural é reflexionar sobre como podemos mellorar Belas Artes e seguir o noso camiño.

A nova facultade non estará neste edificio? Ou aínda é posible?

Todo iso está por ver. Ademais a Xunta de Galicia aínda ten que aprobala. E tamén o novo grao.

Anunciaron que traballarán nun novo mestrado, pero este curso desapareceron dous en Belas Artes, o de Arte Contemporánea e o de Libro Ilustrado. Foi por baixa matrícula?

Xuntáronse moitos factores. Penso que tamén se esgotara o ciclo destes mestrados. Coincidiu no tempo con este momento complicado na Xunta de Facultade. Cremos que é un novo reto que se nos presenta. Imos encarar o futuro cunhas Belas Artes que por forza van ser diferentes ás que formabamos con Deseño, e coa creación dun mestrado.

Precísase moito diálogo, reflexión... Se se levase ata as últimas consecuencias teriamos chegado a un consenso

E que propoñen?

A idea é moita discusión, moito diálogo, moita xuntanza para chegar a acordos, moita reflexión.... Se iso se tivese levado ata as últimas consecuencias teriamos chegado a un consenso. Esa é a fórmula que propoñemos para un novo tempo na facultade. Que tentemos chegar a acordos nas discrepancias.

Belas Artes, din, ten un equipo docente envellecido. Urxe unha renovación?

Isto compete á Reitoría, pero si que queremos lembrarlles o que xa saben, que o equipo humano está envellecéndose e que, despois do parón que houbo na Administración pública, necesitamos consolidar prazas e titulares. Non é normal que se foran xubilando profesores e en moitos casos non se substituíran.

E, poñendo por caso que Deseño e Creación se implantara noutra facultade, que se podería facer para optimizar os espazos?

Arrástranse problemas con isto desde hai tempo. Isto era un cuartel militar, non é un edificio concebido para ser unha facultade e ten moitos condicionantes. Durante todos os gobernos da Universidade de Vigo investiuse moito diñeiro en acondicionamento de espazos, pero somos unha facultade cunhas necesidades moi específicas polo tipo de obradoiros e traballo que se fai nas aulas. A proba máis evidente é o aproveitamento que se fixo do patio central.

Subliñan a importancia de seguir traballando no eido da internacionalización. Quen propoñen?

Somos a primeira facultade do campus de Pontevedra en número de estudantes Erasmus que enviamos a fóra e estamos entre as cinco primeiras da UVigo, o que delata o ben posicionada que está a nivel de programas como o Erasmus. Queremos darlle ao botón do reinicio, reiniciar as conversas con todo o mundo, traballar todos polo ben común de Belas Artes, reivindicar a facultade e seguila posicionando nese lugar de prestixio que ten en Pontevedra, Galicia, e o Estado. Está nese lugar de xeito inequívoco e incuestionable. E tamén, se cabe, maior vencellamento con todo o tecido social, cultural e artístico de Galicia. Nese sentido chámanos moito á atención que en Pontevedra hai obra pública da Escola de Canteiría, pero nunca se fixo un concurso público de ideas para profesorado ou alumnado da facultade. Énchense rotondas e espazos públicos con esculturas doutros artistas e de costas á facultade, completamente. É paradóxico.

"O noso alumnado vai xerar o patrimonio do século XXI pero non se nos pide arte pública"
O novo decano bota en falta que se consolide "ese vencello coas institucións e coa vida pública da cidade na que vivimos e con Galicia" a pesar de que a facultade se creou en 1990, é a única de Belas Artes no Noroeste peninsular e está "moi ben posicionada". "Nunca se nos pediu nada, nin facer un concurso de ideas coa facultade para posibles pezas de arte pública", a pesar de contar con case 600 alumnos. "O alumnado desta facultade é quen vai xerar o patrimonio do século XXI".

Na acta electoral figura un vicedecanato sen cubrir.
Esta candidatura nace a raíz dunha dimisión —a da súa antecesora, Silvia García— por parte de catro persoas que non tiñamos en mente asumir cargos de xestión neste momento. Todo isto precipitou os acontecementos e dese status quo xurdiu a candidatura. Por iso estamos na fase de completar as pezas, non só do equipo decanal, xa que a dimisión levou implícita a dimisión de moitos cargos en áreas de traballo da facultade. Obríganos a replantexar todo o organigrama.

"Nós non podiamos seguir adiante co novo grao e rompeuse a baralla"
Comentarios