"Queda moito por facer, pero as grandes demandas de Pontevedra están en marcha"

Lores: "A transformación urbana é imparable e sacar Ence da ría sería a guinda"

Miguel Anxo Fernández Lores responde na derradeira entrevista do 2016 baixo os efectos dos antibióticos. "Había anos que non agarraba unha gripe coma esta", di cun pano na man, ollos conxestionados e lonxe do vaporizador que non apea desde que cambiou o tabaco por ese novo tubo de escape
O alcalde aposta polo sector turístico, o dos servizos, a cultura, o deporte ou a tecnoloxía como piares do futuro económico en Pontevedra.
photo_camera O alcalde aposta polo sector turístico, o dos servizos, a cultura, o deporte ou a tecnoloxía como piares do futuro económico en Pontevedra.

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) rematará este mandato traspasando a barreira das dúas décadas na Alcaldía, unha marca nunca antes acadada por ningún rexedor do BNG en calquera das sete grandes cidades galegas. Di que se propuxo cambiar por completo o modelo urbano de Pontevedra e que tódolos ‘mimbres’ están xa postos. Fáltalle un que, polo de agora, semella imposible: botar Ence da ría.

-Que lle falta para cumprir o seu soño como alcalde?

-A recuperación integral da ría. Trasladar as industrias impactantes desde o punto de vista paisaxístico e ambiental. A ría ten que recuperar usos que historicamente tivo. É unha ría espléndida pero que está fanada.

-Nada máis?

-É que iso para min sería a guinda do pastel. Porque no que respecta á calidade de vida, á recuperación ambiental, ao tratamento de residuos ou á potenciación económica como cidade de servizos, turística, de congresos ou de eventos deportivos… pois aí estamos traballando nunha liña que me satisface. Non está acabada, claro que non. Aínda temos que recuperar algúns cauces fluviais, seguir coas rúas... Pero o certo é que a ría, se non trasladamos Ence e Elnosa, non nos permitirá pechar esa grande transformación urbana que pretendemos.

-A Ence botáronlle un discutible flotador de seis décadas. Pero a Elnosa non. Dígame que futuro agarda para a fábrica de cloro.

-Desde sempre se dixo por parte de Fomento que Elnosa marcharía da ría no 2005. Esa deslocalización valía entón 2.500 millóns de pesetas e, se o Concello poñía 500 cada ano, podía facelo incluso antes. Logo prolongouse o permiso ata 2011, e despois ata 2017. Pero a Xunta nunca declarou os terreos de Elnosa coma supramunicipais, ao contrario do que se fixo con Ence, algo do que eu discrepo totalmente. Seguen no planeamento de 1990 como espazo a recuperar cun PERI, desde Mollavao a Estribela, incluíndo onde estaba o campo de fútbol, Ence, Horpasa ou Elnosa. A Xunta só salvou os preto de 300.000 metros de Ence. O que pasa é que estes quérense apuntar agora á permanencia coa escusa de que a Celulosa tamén queda.

"Non estou en absoluto en contra da industria, pero si contra as que están mal emprazadas e se terían que deslocalizar"

-Nunca haberá entón licenza municipal de obra para Elnosa?

-É que aínda que quixera non podería. Igual que non podo dar unha licenza no monte da Fracha porque é un terreo forestal. E acabouse. Esa tecnoloxía que queren implantar pódena facer perfectamente en calquera polígono industrial, como faría calquera outra empresa.

-Gustaríalle que Elnosa quedase na contorna de Pontevedra, aínda que fóra da ría?

-Se cumpre a normativa medioambiental pode quedar en calquera polígono industrial, por suposto.

-Ten algo contra a industria?

-Esa é unha falsa idea que se trata de estender. Quero que quede claro que non é así. Estou en contra do emprazamento dalgunhas industrias. Dígolle máis, creo que necesitamos un porto seco para situar as industrias que operan no noso porto. E no planeamento puxemos a disposición unha zona de 500.000 metros con posibilidade de conexión ferroviaria. Quen ten estas competencias é a Xunta. Pero igual de claro que digo isto, digo tamén que a deslocalización de empresas mal situadas é algo normal que se ten feito no País Vasco e noutras zonas sen que pasara nada.

-Cales son os sectores de futuro para a economía de Pontevedra?

-O sector servizos e o comercio en xeral están medrando, con case 40.000 personas de alta na Seguridade Social. A crise golpeu moi duro ao sector da construción, que era o terceiro máis importante de Pontevedra. Agora temos 7.000 parados. Pero nos mellores momentos da economía xa había máis de 4.000, e a cidade aumentou en case 10.000 habitantes nestes anos. Polo tanto, temos entre 2.000 e 3.000 parados máis. Non me queixo de como estamos saíndo da crise. Penso que se podería mellorar no sector turístico, na hostalería, na cultura ou no deporte. Penso que a tecnoloxía ten potencialidade en Pontevedra. Pero recoñezo que é unha mágoa ter aínda terreos baleiros nos nosos polígonos industriais.

Comentarios